Horizonte universal: A metamorfose do cristián e o voo das CCP


Resultado das Xornadas de reflexión das Comunidades Cristiás Populares de España (CCP), que tiveron lugar no mosteiro de la Vid (Burgos) entre 21 ao 23 de Outubro de 2016, o autor expón as súas consideracións sobre o tempo de mutacións, metamorfose, que está a experimentar o cristianismo.

foto-1-3

Nas Xornadas de reflexión das CCP-España deixouse sentir en xeral un ton de nostalxia ou sensación de acabamento: comentarios frecuentes sobre como cada vez somos menos, máis maiores e sen continuidade. Algúns até falaron de defunción, de apagar a luz. Outros falamos de refundación. Palabra altisonante, mais indicativa dun cambio, ou mellor, dunha mutación. Estamos nun paradigma posrelixional e possecular, que abre un horizonte universalista de esperanza que inclúe, certamente o noso final, mais tamén o comezo de algo novo universal. Vivimos un momento privilexiado por esta mutación, tan relevante, do cristián.

foto2-1

Esta sensación de fin podemos relacionala coa que temos, en parte, cos fillos. En xeral, apenas seguiron a nosa traxectoria cristiá e social coa radicalidade coa que nós a vivimos. Ben é verdade que moitos se deron incondicionalmente aos movementos de liberación e solidariedade e até algúns son activistas enérxicos ou cargos políticos e posúen unha formación e uns valores moi encomiables. Mais non son explicitamente cristiáns, nin os seus mundos se centran no relato cristián. Están noutra cultura e abandonáronnos, como nós tamén antes nos apartamos do nacionalcatolicismo español ou do catolicismo preconciliar en xeral; outros, do comunismo.

Non se trata da fin das comunidades de base, senón que o seguimento de Xesús e a cultura de agora é outra cousa. Por iso hai que falar de mutación, que abrangue a especie enteira e  moitos ámbitos da vida e do pensamento. Podemos coller o símbolo das metamorfoses nalgúns seres vivos para expresar mellor esa intuición de futuro que nace do pasado que morre. Sen seguridade ningunha, por suposto. A nosa desaparición progresiva é como a desaparición da eiruga que se transforma en bolboreta e bota a voar. É morte, si, mais tamén cambio.

UNHA ERA DE MUTACIÓNS

Fomos e somos testemuñas e actores de dúas grandes mutacións do cristianismo no último século. A primeira foi a conversión aos pobres: desde unha relixión rancia, dogmática e sobrenaturalista, cargada de moralismo e represión, nacemos ao mundo dos pobres, ao compromiso sociopolítico, ao vitalismo e á liberdade de conciencia. Foi representada na “teoloxía da liberación”, sendo a nosa orixe como comunidades de base.

A segunda está tendo lugar nestes últimos quince anos e oriéntase cara á plena autonomía do humano e a universalidade da esperanza. Recolle as primeiras intuicións da teoloxía da secularidade e da “morte de Deus” dos anos 1960 e penetra con rapidez e profundidade no gran cambio de paradigma científico e cultural da nosa posmodernidade. Primeiro a razón, o consenso, o impulso do ben, a propia refutación; e logo a crenza, a verdade e o sistema. Na primeira conversión baixamos á terra dos pobres e aproximámonos á esquerda social. Agora, sen abandonar esa preferencia, estendémonos a toda a terra, á secularidade e á inmanencia, ao valor deste mundo, ao diálogo con outras mentalidades e sabedorías e, sobre todo, ao consenso crítico cos non crentes, a ciencia, o ecoloxismo, o gusto pola vida, etc.

O embrión da fraternidade, a posibilidade dun amor incondicional latente na mente humana rompeu a casca en Xesús de Nazaré, procesionou durante séculos por todas as hortas, contaminándose e adentando todas as especies mentais, facendo ben a unhas e tamén devorando a outras e encapsulouse no poder. Agora rompeu xa a polpa e voamos libres. O ideal da democracia e dos dereitos humanos, a responsabilidade polo planeta e a inclinación cara aos dependentes e os pobres, aínda que non se realicen do todo (ou mesmo parezan maiores), marcan unha aurora de dignidade na que nós contribuímos buscando sempre máis a efectividade no mundo que fortalecer a nosa organización. Xa non é tanto o tempo de levar o evanxeo ao mundo, e menos na súa forma eclesial, canto o de suscitar o paradigma evanxélico que xeme como posibilidade no mundo. É momento de desenterrar a divindade que a intransixencia relixiosa afogou en moitas persoas. Ese deus sen nome e con moitas imaxes, ou tamén divindade ausente.

O paradigma cristián, o dunha humanidade plena, nace do bo corazón descrito pola elevada moralidade de Xesús. Esa perspectiva ou “fe”, crenza de “esperanza e caridade”, inaugurada por Xesús mais non exclusiva, está diseminada e poliniza xunto con outros voadores todas as flores do campo humano e do planeta.

As chamadas humanistas e evanxélicas xa non están no culto, nin nos símbolos ou linguaxes sagradas, nin mesmo en “comunidades cristiás populares”, senón máis ben nas rúas, prazas e redes. En cafés, blogs, xornadas de reflexión e, sobre todo, na voz que xorde dos actos solidarios. Só hai que inducir os partos.

QUE FACER CANDO ISTO OCORRE E TEMOS 70 ANOS?

  • Deixar pasar, abrir a porta e suxeitala. Estar no que estamos, sen claudicar ou nos ilusionar, contentos dos fillos sociais, morrendo a gusto e vivificando os novos rostros da humanidade. Sen capela propia no variado mar común onde hai cargueiros, pescadores, veleiros, cruceiros, buques de guerra, migrantes, náufragos e algúns rescatadores.
  • Abandonar a linguaxe xudía, o relixioso. E voar.
  • Fortalecer o vigor de esperanza e a formación nos ámbitos onde se constrúe a humanidade. Que ninguén decaia porque non se conseguen as cousas, que ningún partido político se endeuse, que ningún sindicato desfaleza, que ningunha parroquia ou comunidade morra sen se disolver na marea humana; axudemos a superar as escisións políticas, a abandonar os costumes parvos, a rescatar as impotencias,… Nunha palabra: animar o bo vivir, sinxelo, solidario, liberador, ecosocial e personalista que inclúe unha dose suficiente de felicidade motivadora e con ela sabe esperar no seo dunha evolución que se sabe lenta, cósmica.
  • Non desprezar a tradición, o noso berce. Agradecela e superala dialecticamente. Ser cariñosos cos nosos maiores de razón (non necesariamente maiores de idade) respectando a súa fixación na relixión, a revolución, o positivismo ou o desengano invernal propio da senectude. Outro modelo cristián naceu, un fillo foinos dado; agora o noso desalento ten un novo aire que respirar. Podemos morrer en paz porque sabemos que hai continuidade, a dignidade avanza sobre a barbarie, a divindade ausente bótase en falta.

Santi Villamayor

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Horizonte universal coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s