Editorial


A Epifanía dos Reis é un dos símbolos relixiosos con maior carga emocional do cristianismo. Por uns segundos, invertemos a orde das cousas e contemplamos o poderoso axeonllarse ante o feble. Esa imaxe, que repetimos ata a saturación en tantas casas a través dos beléns, devólvenos a esperanza na utopía, nun mundo no que xiramos a nosa ollada cara o débil sen valados de por medio.

A esencia da Epifanía consiste en descubrir a humanidade como próxima, como irmandade. Porque se existe un Deus que é pai, e que nos di que o seu fillo é humano, dificilmente podemos allearnos do resto da humanidade. A única forma de que exista Deus é que os humanos sexamos irmáns. Porén, as cousas non son así.  As relixións sepárannos, a raza sepáranos e a clase social tamén nos separa. A riqueza sepáranos.

O mesmo éxito que nos levou a saír da penuria económica na que viviron os nosos avós, convértese en fracaso ante a enorme resistencia que mostramos ao reparto desa riqueza. As propostas de cambio político que nos fixeron soñar con outra forma de facer política cauterizáronse ante a súa incapacidade para dialogar cos próximos. Os odres nos que viñeron resultaron ser demasiado vellos para crear outra forma de facer política. Polo menos, polo de agora. E as cousas parece que non queren mudar.

Con todo, 2017 pode ser epifánico. Pode ser manifestación do país que queremos. E se a través da política non vén a salvación, pode que sexa que esta teña que vir a través da propia vida e da forma de relacionarnos entre nós.

Os tres orientais tiveron a inmensa capacidade de ver aquel día algo máis ca uns paisanos nun palleiro. E aínda que non fose certo ese anaco de historia, é unha fermosa ficción epifánica, unha manifestación de todo o divino que hai no ser humano. Algo que descubrimos acotío no sorriso dos cativos e que se nos esquece con demasiada facilidade cando a xélida razón material nos castra o afecto polo próximo.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s