O trasno: 2017 Contra a síndrome de apocalipse


Cando a vitoria de Trump, escoiteille a alguén moi próximo e querido e  en idade de procrear algo así como “a este mundo non quero traer fillos”.

E coa que está caendo con isto da fecundidade e a demografía galegas en caída libre pois é o que nos faltaba, que a lousa da actualidade mundial máis negra servise para amolarnos máis. Agora xa non se trataría do ben estudado factor do atraso do primeiro fillo, ese dato de que as parellas agarden como media ata os 35 de idade para a súa estrea parental. Xa non sería, tampouco, que nunha porción maior ca nunca nos últimos decenios a nosa xente nova e fértil teña que buscar a vida fóra de Galicia; nin sequera que cada vez poña máis respecto iso de educar fillas e fillos nunha sociedade que lles inocula o principio tirano do “quero todo aquí e xa”.

Non. Vaites. Ademais de todo iso e doutras cousas, agora vai resultar que só se van permitir  o luxo de teren fillos os que comungan cos neonazis ou os que, sen entusiasmo, aceptan calquera cousa que pase mentres haxa calimocho, facebook e conexión de 200 megas.

E algo así albisco. Na xente nova progre, digamos, hai, alí no fondo, unha síndrome apocalíptica e un déficit de esperanza.

Si, de acordo, o cambio climático traerá crises e comerá praias e illas;  os consorcios económicos anónimos que dirixen a economía seguirán tratando de estafarnos e transferir inxentes cantidades da esfera pública, a regulada e controlada, á esfera privada, opaca e paradisíaca. E o desatino do odio ao diferente seguirá librando a súa batalla, cabalgando no lombo do medo,  para facerse dominante.

Ben. Tamén podemos organizar un haraquiri colectivo na praza da Quintana. O 25 de xullo, despois das manis. E que limpen eles os nosos restos.

Sempre sobran razóns para renderse. Pero sempre sobran razóns, por veces as mesmas, para seguir adiante, nesta historia contraditoria de luscos e fuscos. De acordo que os relatos sobre o sentido están en crise, sexan políticos ou relixiosos. Se o de atrás non lles vale, terá a xente nova que reconstruír un apoio para o espírito combativo e para a fe en que a vida, a tenrura e a solidariedade van ter, teñen que ter, a última palabra.

Pero teñen que facelo eles, a xente nova. Porque a síndrome apocalíptica esteriliza e, no fondo, está inducida, provocada, por intereses ben concretos e perversos.

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s