Horizonte Universal: Fidel e a relixión.


Lembrando o libro-entrevista que Frei Betto lle fixo a Fidel Castro en 1985

Agora que Fidel finou e apareceron tantas referencias e lembranzas á súa persoa nos medios, non queriamos deixar de traer á actualidade aquel encontro histórico na Habana entre o frade dominico e teólogo da liberación brasileiro Frei Betto e o comandante Castro, nos anos oitenta, que daría lugar a un libro entrevista sorprendente e moi ben acollido entre as comunidades de base, no que había afirmacións coma esta: “Hai dez mil veces máis coincidencias entre o cristianismo e o comunismo que entre o cristianismo e o capitalismo”.

Na conversa abórdanse multitude de aspectos, non só o asunto da fe en relación coa revolución, aínda que ese aspecto é, por suposto, recorrente. Fidel describe tamén, por exemplo, a súa infancia na facenda do seu pai, a súa escolarización, a guerrilla. Aquela mesma infancia que, canda a súa visita a Galicia, no acto do Araguanei, era unha desculpa para o seu humor galego-caribeño, cando dicía algo así como que “xa que no meu currículo de revolucionario quedaba mal visto poñer ‘fillo de terratenente’, optei por poñer ‘neto de campesiños pobres’ que eran os de aquí, de Galicia”. Na longa entrevista vense luces e sombras. Fidel fala de historias non contadas, como a mediación do bispo de Santiago, Pérez Serantes, para salvarlles a vida aos presos do asalto ao cuartel de Moncada; ou do padre Sardiñas, sacerdote que se integra na guerrilla. “Serantes”, “Castro”, “Sardiñas”…, de que parte do mundo virán eses apelidos?…

Betto e Fidel nun encontro recente

Betto e Fidel nun encontro recente

Velaquí unha moi pequena escolma-homenaxe a aquel libro valente e polémico.

“Antes da entrevista, Fidel manifesta que quere prepararse, que quere ler un par de libros de Boff (Jesucristo libertador e Iglesia, carisma y poder), así como os textos do Vaticano II e da Conferencia de Medellín”. …. “Pregúntome como o dirixente cubano consegue combinar dentro da súa axenda de traballo  as innumerables tarefas do goberno, a voracidade intelectual polos máis variados temas e o pracer de conversar. Non lembro atopar antes unha persoa con intelixencia tan aguda e tanta predisposición para o diálogo persoal”.

Fei Betto: Que lembranza ten da misión relixiosa dos xesuítas? Estaba dirixida máis cara á vida, ou máis a cousas do Ceo, da salvación da alma? Como era a cousa?

Fidel Castro: Agora podo xulgar mellor. En retrospectiva…, todo era moi dogmático: “isto é así porque ten que ser así, aínda que non se entenda; se non o cres, aínda que non o entendas, é unha falta, algo digno de castigo”. É dicir, a non utilización do razoamento, eu diría; o non desenvolvemento do razoamento e do sentimento. Paréceme que unha fe relixiosa, como unha fe política, ten que fundamentarse no razoamento, no desenvolvemento do pensamento e do sentimento; son dúas cousas inseparables.

O padre Sardiñas bautizando en Sierra Maestra

O padre Sardiñas bautizando en Sierra Maestra

F.B. :(O padre Sardiñas) incorpórase á guerrilla naquel momento no que aínda non había sacerdotes polo socialismo e esas cousas, co apoio do seu bispo, e non coma un acto persoal, illado…

F.C.: El non foi como soldado, mantívoselle a condición de sacerdote. Estaba alí coa tropa, convivía, tiña todo para exercer, para misar, todas as cousas… Foi recibido con moita simpatía por toda a tropa. Ademais, o bautizo era aquí unha institución social; o campesiño apreciaba moito iso. Gran número de familias querían que eu fose o padriño dos seus fillos… Teño afillados a moreas por toda Sierra Maestra. Eu diría que a súa presenza e o feito de exercer alí como sacerdote, bautizando tantos meniños, convertíase nunha maneira de vincular aquelas familias coa Revolución. Era un home simpático, todo o mundo o quería e tiñan moitas atencións con el. (Co tempo) déuselle o título de comandante en recoñecemento á súa xerarquía e aos seus méritos.

F.B.: E vostede tiña unha pequena cruz no seu uniforme de guerrilleiro?

F.C.: É que a min mandábame agasallos a xente de Santiago… E unha rapaciña envioume esa cadeíña, cunha cruz e unha mensaxe moi agarimosa. Daquela…, eu useina, si que a usei. Como un xesto cara a aquela nena. Ademais, tiñamos un sacerdote entre nós, eu era padriño de numerosos nenos campesiños, e non existía absolutamente ningún prexuízo con relación a esas cuestións.

F.B.: Como reaccionaron a Igrexa, os cristiáns, cara á vitoria da Revolución?

F.C.: Ao principio, as relacións con todos os sectores era moi boa. A caída de Batista foi recibida con xúbilo por todas as capas sociais…, excluíndo aqueles elementos comprometidos co réxime de Batista, a xente que fixera fortuna, diñeiro malhabido, xente que roubara, sectores da alta burguesía… As dificultades comezaron coas primeiras leis revolucionarias (por exemplo, a lei de confiscación dos bens malhabidos, roubados despois do golpe de Estado)

F.B.: Ve a posibilidade de que no Terceiro Congreso do partido comunista cubano (en febreiro de 1986) se decida a proclamar o carácter laico do partido e que se admita a posibilidade de que cristiáns revolucionarios cubanos ingresen no partido?

 F.C.: Aínda non están dadas as condicións. Estamos nunha etapa de coexistencia e de respecto mutuo entre o partido e as Igrexas. Coa Igrexa católica tivemos dificultades hai anos, que foron superadas; os problemas desapareceron. Eses problemas non os tiveramos nunca coas Igrexas protestantes… Falamos de que hai que facer algo máis ca coexistir en paz. Debera haber relacións de colaboración.  Porque, desde logo, xa non pode ser a Igrexa dos terratenentes, dos burgueses, dos ricos. Con esa Igrexa era imposible un achegamento. Como sabes ben, está garantido na nosa constitución o máis estrito respecto ás crenzas relixiosas dos cidadáns. Iso non é simple táctica política. Ademais vivimos nun mundo de moitos crentes e non é conveniente o enfrontamento das revolucións coas crenzas relixiosas, ou que a reacción e o imperialismo poidan utilizar as crenzas como arma contra as revolucións. Pero non é só un punto de vista político, é un principio. Debe respectarse o dereito á crenza, como hai que respectar o dereito á saúde, á vida, á liberdade. Non están dadas as condicións, pero en tanto existan circunstancias nas que haxa individuos que polas súas crenzas non teñan as prerrogativas que teñan outros…, non é completa a nosa obra revolucionaria.

F.B.: Mais iso supón eliminar o carácter “confesional” do partido…

F.C.: Non podo aceptar o que dis dese carácter confesional, pero entendo que esa fórmula ten certa base. Isto xorde dunha conxuntura  histórica…, pode tender a parecer ou converterse nunha especie de relixión, ter que practicar a non crenza como filosofía, o ateísmo como relixión; non pensamos realmente así. Necesitabamos un partido unido, forte, sen fendas, porque temos un inimigo moi poderoso que trata de dividirnos e que usou a relixión como ideoloxía contra a nosa Revolución.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Horizonte universal coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s