Pingas de orballo: Perico, Pedro, D. Pedro Santos Canosa


Estou en bágoas, chorando
ao meu amigo que me acaba de morrer.
Sempre tecemos fíos de lúas
en calquera noite escura
e chegamos, entre soños,
ás albas do amañecer
cal se fose unha aventura
de beber brillos de luz,
albas de gloria en pintura,
albas de noces con mel.
Agora foise en silencio
co abrente en charamuscas,
todo será distinto:
moito máis triste, sen el!
pingas-de-orballo

Perico, na Romaxe das Virtudes

Morreu o meu amigo Pedro e era, tamén, amigo de todos cantos soñan horizontes moito máis amplos e xenerosos, mellor repartidos.

Comigo estivo moitos anos exercendo, el de cura e eu de mestre, por Terras de Mesía. Anos de 1976. Tripamos camiños e corredoiras, tragamos moitas bágoas xuntos. E el, algo máis vello ca min, tiña un xuízo sempre máis acertado. Non sería quen de contarvos tanto que aventuramos, tantas vivencias únicas de decidirse, de proxección social, de soños. Unha, a máis importante quizais, foi a de sufrirmos xuntos as mesmas dores, aínda que –por veces– tamén as ledicias, e unha destas foi volver sobre a Festa das Virtudes, en Vitre: coa axuda de todos, recuperámola para contento de novos e vellos, do pobo e pobos do arredor. Cítoa porque alí tivemos unha Romaxe de Crentes no ano 2014 e mesmo alí, xa estaba enfermo, rendémoslle unha pequena homenaxe e consideración. Lembrades?

Acompañámolo na súa enfermidade varios amigos e compañeiros nun retiro que se marcou alá en Castelo, coa súa irmá e parentes. Iamos xuntos aos médicos, buscabamos camiños para seguir, sempre para seguir. Perico era así. Andaba silandeiro, tecendo venturas e aventuras. Alguén chegou a non querelo, sentín rosmas ás agachadas, pero el sempre –seino ben– quixo a todos. Foi dinamizador dunha cooperativa, a de Frades, e nela todo foi ben mentres el puido conciliar vontades dos agricultores e cooperativistas. Foi tamén un gran futboleiro, mesmo adestrador do Albilán e doutros equipos humildes do arredor. Como árbitro, era, penso eu, algo parcial de máis. Seica axudaba sempre aos perdedores, hábito moi marcado nos que saben da dor e da impotencia que se sente fronte aos grandes e aos poderosos, aos que nada lles fai falta. Non soportaba o abuso e tenme dado moitas probas da súa enorme humildade. 

Cando foi para Bueu, o primeiro día xa, fun con el e presenteille os amigos que alí eu tiña. Con eles, con Carlos, Rubén, Xesús e todos cantos viñeron, Cabada, Paco Carballo…, fixo moi boa amizade. Foron quen de loitar e de facer cousas no ánimo esperanzado da  paz e o sosego. Sentiuse reconfortado na súas novas amizades e foi bo conselleiro, sen deixar de mirar por min, irmáns, aínda que sabía que igual non facía caso de todo dos seus consellos. Algúns temos ese toque de anarquía. 

Sei que hoxe, perdoade a torpeza, as palabras non me deixarán dicir máis que cousas sen moito xeito nin sentido. Ás veces ocorre isto, quedan torpes para significar o moito que teriamos que dicir. Pero sei, de antemán, que serán un eco xordo do que foron os feitos, do moito que significou para min, para nós. Sei que a miña vida sería moito máis pobre sen el, sen as súas ansias que compartiu connosco, cos que, por veces, lle tirabamos do xenio ou que o faciamos rabexar e entrar noutras dimensións moito máis emotivas, máis doadas para o corazón. Sinto un enorme baleiro indescritible, creo que con el –por iso o lembrarei sempre–, se o perdese, irían moitos soños incribles, de tanto por facer. Por iso o lembrarei, por egoísmo. Sei que ninguén poderá ocupar o seu sitio, pero sei –e afírmome rotundamente– que non o esquecerei, será a forma de perdurar nos soños que xuntos soñamos; de sentirme con el na loita inacabada de buscar amenceres limpos para abondar na dignidade humana. Horizontes nos que non se poida perder o contacto das persoas e da presenza física da man amiga. Habitará os eidos da nostalxia, moi feliz, aquela que nos deixa un ronsel gravado en afectos, por telo coñecido!

Baldomero Iglesias [Mero]

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Pingas de orballo coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s