Onde vai a xente nova? Conversa con Paulo Vilar Saavedra


Preguntámonos onde marcharon. Son a xeración que voou. Traballan, investigan, crean… polo mundo adiante. Son a Galicia nova que prestamos –metade necesidade, metade xenerosidade– a outros países. Queremos seguirlles a pista. Non perdelos. Recordarlles a raíz. Recordarmos que tamén forman parte de nós. Por iso “Ónde vai a xene nova?” é a sección na que se contan as vidas da xente nova na diáspora.

xentenova2

Paulo Vilar Saavedra naceu en Lugo hai 36 anos. Agora reside en East Lansing, poboación de 200.000 habitantes que pertence ao estado de Míchigan (EUA). Paulo exerce o seu traballo na Michigan State University.

Levo oito anos nos EE UU. Na actualidade, exerzo de Assistant Professor e tamén como xefe de sección de oncoloxía veterinaria, que á súa vez se subdivide en 2 partes, medicina oncolóxica e radiación. Eu estou na de medicina oncolóxica.

Como foi que chegaches aos EUA?

Estudei veterinaria. Despois pasei ano e medio facendo o doutoramento. Cando acabei, coñecín a Guillermo Couto, arxentino de orixe galega que exercía a profesión en USA e que viñera a Lugo dar unha conferencia. Ao pouco tempo, convidoume a pasar 3 meses cabo del. Ao remate dese tempo, faloume de facer un máster baixo a súa dirección.

Con que te financiabas?

Presenteime a unha convocatoria de La Caixa para estudos de Posgrao en USA. Concedéronme a bolsa. Eran 50 para toda España e só 2 para veterinaria. Fun entón a Ohio-Columbus. Fixen un “Master of Sciencies” en medicina veterinaria durante 2 anos. Quedei logo un ano máis facendo investigación co meu mentor.

xentenova

E como pasas de Ohio-Columbus a Michigan?

Acabando o máster, decanteime polo traballo clínico e decidín acollerme ao programa International Fellowship na Michigan State University (MSU). Conseguín financiamento coa fundación Barrié para cubrir manutención, seguro médico, taxas… durante 1 ano.

Rematado o ano, entrei a formar parte dun programa da MSU Intership, no que tiña a responsabilidade do traballo clínico e tamén impartía algunhas horas de docencia. Así tiro outro ano.

E logo?

Pasei á residencia, que son 3 anos, un programa ofertado pola MSU a través do colexio de veterinarios (ACVIM) de USA. Durante ese tempo tiven que facer investigación e publicar. Finalmente presenteime a dous exames. Acadei así o diploma de especialidade en oncoloxía e agora estou contratado pola MSU como profesor asistente. O meu labor é: investigación, docencia e clínica.

Que diferenzas atopas entre a veterinaria que se practica en Galicia e a de EE UU?

En Galicia, en España, apenas existe formación oncolóxica. Había algún veterinario interesado, pero non unha proposta universitaria consistente para a especialización. Hai poucos anos comezou a moverse algo nesa dirección por iniciativa do European College (ECVIM), unha institución capaz de regular a formación das especialidades veterinarias en Europa. Alá nos EUA, o College que regula a especialización clínica vai xa polos 50 anos de exercicio.

Veste traballando en España?

Traballando en España hai dous oncólogos coa diplomatura ACVIM en Valencia. Non hai máis. Certo é que se van producindo cambios. Hai 20 anos eran poucos os que castraban ou vacinaban os seus cans. Agora esa demanda xa está moi estendida. Mais a nivel clínico e de educación oncolóxica dos veterinarios estamos como hai 20 anos nos EUA. Polo momento non estou interesado porque me gusta a universidade, e ademais necesitaría dun investimento que non é baixo se queres montar unha clínica pola túa conta. Precísanse ademais cambios de mentalidade. Nos EUA traballo con casos xa diagnosticados. O veterinario refíreme a min o caso e logo, unha vez analizado, e feitas as recomendacións, eu falo co propietario para ver como facer o seguimento man a man co veterinario. Aquí aínda hai que crear esa cultura cooperativa. Observo moita competencia entre clínicas e pouca cultura de asistencia referida.

Mais estase avanzando a nivel europeo, intentan seguir os pasos dos americanos. Curiosamente, a veterinaria é unha das profesións máis recoñecidas en EE.UU. Esta tendencia vai forzar as universidades españolas a querer gañar prestixio. Interesará profesorado con esas especialidades. Que eu saiba, Barcelona e Córdoba son das poucas que teñen algún programa de especialización.

Que dicir de Galicia dentro deste panorama?

Estamos quitando xente moi boa que alimenta o sistema británico e o americano. Deberían pensar en como facer para que regresemos…, pero non che hai interese. A universidade segue sendo moi conservadora, endogámica… Se non es do pau, mírante coma unha competencia. Aquí a xente bota 10 anos esperando para ver se consegue a praza. Tamén hai xente que promove os cambios no sistema universitario e merecen o meu respecto e admiración porque é máis difícil traballar nesas condicións.

E non basta con seguir as directrices europeas de capacitación de profesionais e programas para ter recoñecemento dos seus profesionais en Europa… Hai que conseguir fondos para mellorar programas, traer persoas especializadas e de traballo contrastado. Un mercado de profesores continuo. Eu teño un contrato por tres anos. Avalíanme cada ano. Na maioría dos laboratorios de EUA hai xente doutros países. Páganche, especialízaste e conseguen investigación. E veñen sendo os anos máis produtivos e a un custe menor porque é cando máis traballas e máis capacidade e máis ilusión tes. Produces moito por un salario relativamente baixo. Esa mesma investigación feita por un especialista consolidado sería moito máis cara.

Aquí crearon as bolsas Eduardo Pondal e outras (no 2006). Pretendían traer xente de fóra. Tiñan unha dotación por 5 anos. Pero logo non houbo financiamento público para continuar, acabou o programa e os bolseiros marcharon.

Este sistema de créditos para o estudo pode derivar nunha selección pouco equitativa entre universitarios con posibles e outros que non…

Ese desequilibrio non se produce na universidade. Non chegas a ela se non tes claras posibilidades de facer carreira. Pódese crear con facilidade un sistema crediticio para estudantes que dea resposta ao desequilibrio económico das familias. Si considero que a universidade debe ser máis esixente e eficiente co modelo e selección dos futuros estudantes. En España hai unha porcentaxe de abandono universitario demasiado elevada. Así perdes tempo e cartos.

Xosé Lois Vilar

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Onde vai a xente nova? coas etiquetas , , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Onde vai a xente nova? Conversa con Paulo Vilar Saavedra

  1. Excelente iniciativa este tipo de artigos. Paréceme importante que invitedes a compatila. Que se coñeza. Ánimo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s