O peto: O NADAL DAS VISITAS, AS VISITAS DO NADAL


Como persoa cristiá que son, síntome invitado, provocado a me preparar ben para as festas do Nadal, o aniversario do nacemento de Xesús (que, a dicir verdade, non sabemos en que data naceu, pero deixemos a cousa así). Por fóra encontro rebumbio de luces, de músicas, de incitacións ao gasto, de paparotas, de chamadas enganosas a regalar, porque, disque, se non merco e regalo cousas, como lle hei demostrar a unha persoa que lle teño aprecio. E cousas así. E deste xeito construímos o Nadal das vaidades, que non deixa máis que vidas e corazóns gastados, baleiros.

Atráeme, en cambio, outra cousa que, en menor grao, tamén se dá entre nós, especialmente nos tempos que preceden e acompañan o Nadal: as visitas, os encontros, os reencontros, particularmente cando se compoñen de gratuidade, de desinterese e, se cadra, daquel detalliño amoroso, que mesmo puidemos elaborar coas propias mans ou na propia cociña. As visitas que veñen e van, que facemos e que nos fan. As visitas maiormente a quen igual non me pode corresponder. As visitas á xente sen visitas. As nosas visitas, dadas e recibidas, son un bo baremo para medir a simplicidade, a autenticidade da nosa traxectoria cristiá. Eu non saio moi ben parado desta proba.

Por iso tomei esta determinación que comparto cos lectores e lectoras de IRIMIA: aumentar nestes días a cantidade e calidade das miñas visitas e encontros, que poden ir desde a chamada de teléfono ata petar na porta dalgunha persoa concreta, desde o saúdo limitado e agarimoso ata a conversa calmada e implicada, desde a entrega do meu tempo ata a oferta de algo máis, algo do que son e teño.

Ao fin e ao cabo, o Nadal non é senón a conmemoración das moitas visitas que Deus nos ten feito, e daquela especialísima que levou a cabo na persoa de Xesús de Nazaré. Algo que non é doado acomodar na nosa existencia, que nos revolve e nos provoca: a que vén, que quere, que trae…, e por iso mesmo, se cadra, fuximos deste reto deixándonos arrolar polo balbordo do Nadal. Así que igual non estaría mal compensar polo menos o balbordo do Nadal con tempos de quietude e silencio. De admiración. De escoita. Pola xente que nos visita ou visitamos. Polo Deus que tamén o fai. Eu así o sinto e así o comparto convosco.

Feliz Nadal, amigas e amigos de IRIMIA.

Manolo Regal Ledo

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón) coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s