Editorial: Nadal, a liberación vén de abaixo


O estupendo do relato do Nadal, o nacemento, é que non é histórico, senón unha desas narracións construídas pola comunidade para interpretar e darlles sentido á vida e á fe compartidas. Probablemente, din os biblistas expertos, Xesús naceu en Nazaré, un día normal, cun parto normal, nunha familia de artesáns.

Efectivamente hai historias que simplemente –o que non é pouco–  describen o que sucede. Hai outras que aspiran a se converteren en orientación para a vida, en fontes de criterio para estarmos no mundo e en fontes de valor para cando temos que tomar decisións morais e termar das nosas concepcións máis íntimas, esas que son como as trabes da nosa, digamos, espiritualidade.

Pero que sentido?

O relato do Nadal é todo menos inocente. Pon o foco na debilidade duns camiñantes desprazados –mesmo con toda a pinta de seren refuxiados sirios– que son marxinados na cidade á que chegan; acentúa a contradición entre a deshumanidade do poder local, colaboracionista co Imperio, e os pequenos dereitos e esperanzas da xente do común; sitúa unha muller humilde no centro da historia; celebra que é a solidariedade dos iguais, sexan pastores ou labregos, a que fai posible a supervivencia e o futuro dos que atravesan unha crise vital; e mesmo fai unha chiscalela agradecida aos animais benqueridos que acompañan a humanidade desde o neolítico.

O relato de Nadal está concibido para alimentar a aspiración a unha humanidade única, xusta e reconciliada. Para remarcar que se hai salvación –mesmo divina–  para este caos que, por veces, nos amola, pasará, desde logo, pola liberación que nace desde abaixo (a estratexia da kénose, que din os que saben desas cousas teolóxicas: facerse un pequeno para, xuntos, facérmonos todos máis grandes).

Desgraciadamente, ese precioso relato está en perigo. Semella que só se apropian del aqueles sectores sociais empeñados en que hai varias humanidades, dependendo das clases e razas; os que aceptan a desigualdade como necesaria e conveniente. A dereita, habilmente, sempre tratou de secuestrar o Nadal.  E, en sentido contrario, é pouco menos que rexeitado polos que si proclaman un cambio das estruturas inxustas.

Para os que mantedes viva unha mente sen prexuízos e con capacidade de síntese e unha esperanza activa, moi bo Nadal!

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s