O trasno: Peóns, rúas, camiños, camiñantes, sendeiros e itinerarios


Faro de Vigo // Rafa Vázquez

Parece mentira, pero é verdade. Cada vez que un alcalde con ganas de cambiar unha cidade se decide a peonalizar certas áreas, lévaas no lombo. Pasou en Pontevedra, que agora é envexa e modelo para tantas caóticas cidades de medio pelo. Porque unha cidade das nosas, con distancias posibles, de dimensión humana, pode, a estas alturas do século e da industria locomotriz, elixir un destes dous destinos: ou ser un espazo humanizado, ou un caos fumenizado (que, digamos, vén de “fume”). Ou ser acolledora, silenciosa, poboada e andable…. Ou ser unha cousa ruidosa e deserta, un “quero, pero non podo”, co peor das macrourbes e do auto-odio máis pailán.

Os argumentos en contra collen o porco polo rabo. Pequenos comerciantes da rúa de San Pedro, en Compostela, poden chegar a protestar porque, ao pasar menos carros, van perder clientes. Tanto ten que a evidencia diga que o pequeno comercio lle vende á xente que anda; que son tendiñas de trinta metros cadrados, que non son macautos!; que os que pasan centelleados, non son clientes, senón inimigos dos seus clientes; que o barrio tranquilo, paseable, acolledor, é a mellor estratexia para competir coas grandes superficies, onde si, abofé, hai que ir en carro, para atordar de ruído e inútil luminaria.

E quen di cidades, di vilas e viliñas. Eses nós de intercambio, de servizos, de encontro que son as vilas e cabeceiras de comarca hai que facelas atractivas, andables, agradables. Son o futuro da Galicia non urbana. Hai que reivindicar a bonitura, a fermosura das viliñas portuguesas, e importala para Lalín, para A Estrada, para Xinzo, Vilalba, Ordes e a Fonsagrada. Non podemos normalizar o feo, o rápido, o tanto ten.

E quen di vilas, di aldeas e comarcas. E recuperar, na medida na que se poida, o mapa de Fontán, aquel que Otero Pedraio tiña no seu despacho: un mapa con todos os camiños de Galicia. Antes do asfalto, antes da velocidade. Un mapa de andar o territorio, de vagariño. E facer como agora van facer no Morrazo, que marabilla, unha recuperación de itinerarios de prioridade peonil e bicicleta, recuperando o camiño real entre Cangas e Moaña. Un novo mapa para que a xente ande, porque á nosa xente encántalle andar, en grupos de mulleres, de homes, de todo, cos seus requintados chalecos reflectores, con vara ou caxato, veña a parolar.

Hai que volver unir Galicia por camiños, tecendo un novo mapa para camiñantes que amen o país.  

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to O trasno: Peóns, rúas, camiños, camiñantes, sendeiros e itinerarios

  1. Xavier Nogueira di:

    Vale, pero hai que ter en conta aos autonóbiles. Nas vilas, poderían facerse aparcadeiros públicos e gratuitos, debido á súa pequena dimensión. Pero, claro, aquí, como o prioritario é o negocio inmediato, non o vexo. Das vilas portuguesas (minhotas) soamente unha excepción, Valença do Minho, que adoptou todos os vicios da parte norte do río. Ao Alcalde, apelidado Pedra, procesárono (“Fora o calhao”, rezaban entón as pintadas), pero o “cimentatio” quedou para sempre. Outra cousa son Melgaço e Monçâo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s