Falando da lingua: Sabedoría popular


A el tamén lle saben…

Xa se sabe de vello que “Detrás do veranciño de san Martiño, chega o Nadal co seu inverniño”. Antes do Nadal aínda está a santa Lucía. Como este ano non choveu nada, se cadra vén agora toda xunta, e… “Cando chove por Santa Lucía, non hai sardiña”. Temos gana de auga, ben sabemos que fai falta, pero sería unha lástima perder a sardiña, primeiro, polo mercado; segundo porque é un dos nosos peixes preferidos; e, terceiro, por aquilo que se di que “Para comer de vello galiña, hai que comer de novo sardiña”…

Cada vez a xente nova come menos peixe, só se llo presentan coma un bisté… Iso si, hai que andar ao xeito, xa o di o refrán, “Para dicir mentiras e comer pescado, hai que ter moito coidado”; con todo, non podemos privar os pequenos de comeren peixe con espiñas, que aínda lles ha parecer que non as teñen e que os peixes que nadan no acuario nada teñen que ver co alimento que ven no prato.

Claro que moitos habedes de estar pensando “Predícame Pedro, predícame frade, por unha orella me entra e por outra me sae”, mais nós somos das que dicimos que “Verbas sisudas, non queren testemuñas” e insistimos en que temos que aplicarnos na boa alimentación da rapazada. Desde logo que “A árbore que nace torta, tarde ou nunca se endereita”… Así e todo, iso non nos vai desanimar porque a comer apréndese, e non nos digades aquilo de que nós facemos coma a formiga que “foi mexar ao mar e dixo que era unha axuda” porque xa o sabemos, pero insistimos…

Do que non temos a certeza é de se “A sardiña e o porco, se voaran, en moito máis se estimaran”. A nós gústannos o porco e mais a sardiña tanto ou máis ca outros animais que voan. Tamén é certo que despois do San Martiño é tempo do porquiño e non da sardiña. Agora ben, neste tempo que estamos, están riquísimas acompañadas de castañas: “Non hai ruín viño con castañas asadas e sardiñas salgadas”, pero lembrade aquilo de que “A sardiña salgada, ben cocida e mal asada”.

Lidia e Valentina

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Falando da lingua coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s