O NOSO TABOLEIRO: 20 aniversario da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas EXERIA


 

A NOSA LUZADA ILUMINARANOS A TODAS

O pasado 5 de novembro, a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria celebrou no auditorio Cersia de Santiago os seus 20 anos. Acompañáronnos unhas 80 mulleres de diferentes grupos e asociacións da Galiza, e tamén de fóra da nosa terra. Queremos agradecer de xeito especial a presenza das mulleres de Donnes en l’Esglesia por la Paritat, de Cataluña, e as Donnes Creients de Valencia. Vaian estas liñas para partillarvos a todas as emocións e vivencias dese día.

exeria-foto-1-1Celebramos moita vida

Celebramos moita vida, tivemos como símbolo o número doce, doce eran as tribos de Israel, o Pobo de Deus, e “doce” tamén foi a xornada. Iniciámola coa música da danza de bendición, e cun camiño de luz feito por unha ringleira de 12 mulleres portadoras da luz, símbolo de toda a xornada. A nosa compañeira Pilar acolleu e abriu o día con palabras de agradecemento por estes 20 anos de camiño, no que fomos descubrindo que a primeira relación onde practicar a arte do coidado era con nós mesmas, coa muller que cada unha somos, e tamén coas outras, respectando as opcións e decisións de cada unha, enriquecéndonos na circularidade que recoñece autoridades mutuas e inventando modos entrañables de exercer os liderados e celebrar a fe co noso propio estilo, desde unha gran liberdade. Fomos aprendendo tamén a atopar o noso lugar como Asociación feminista cristiá nos diferentes colectivos sociais, feministas e eclesiais, un lugar fronteirizo que non sempre resulta cómodo, pero que nos posibilita ser ponte de diálogo entre persoas e colectivos ás veces distantes.

exeria-foto-2-3

Alumeounos a teoloxía feminista

Alumeounos a teoloxía feminista na voz da teóloga Adelaide Baracco, membra da Asociación de Teólogas de España, que nos falou da de-construción como unha opción esencialmente cristiá. Nun percorrido rápido pola mística da acción nas vidas de Xuliana de Norwich (s. XIV), Etty Hillesum (s. XX) e María Skobtsova (s. XX), fíxonos ver o empoderamento que nos aporta a mística entendida como capacidade de incidir na realidade, mirándoa non como escándalo senón como sacramento da Presenza. Adelaide falounos tamén da Igrexa, e utilizou un símbolo novo: a Igrexa-iceberg, mergullada no Misterio, espazo crístico do Espírito, en Deus.

Rematamos a mañá con Susana Sánchez Aríns, muller comprometida en Implicadas no Desenvolvemento, ONG que, desde a perspectiva de xénero, traballa na reflexión, colaboración e acción. O primeiro que fixo Susana foi “descolocarnos”: remexeunos fisicamente a todas, poñéndonos en xogo, para que foramos facendo pensamento dende nós mesmas, pasándoo polo corpo. Xogando, conectamos co fondo do que nos gusta, do que nos move, do que nos incomoda, para aprender a nomear e identificar visión androcéntrica, violencia simbólica, violencia machista… Aprendemos a detectar a realidade xogando coas palabras… ata caer na conta da importancia da participación e de como é o xeito co que queremos construír as mulleres… Anotamos maneiras de facer camiño creativo (Artivismo), tecendo redes en comunidade, descubrindo a AXUDA MUTUA como xeito básico para cambiar o mundo e implicarnos no desenvolvemento. A transformación empeza en nós, modificando o noso entorno, traballando desde o local.

Tivemos un xantar compartido

exeria-foto-4Tivemos un xantar compartido moi entrañable, que alimentou complicidade, foliada, risas e charlas, e rematamos cun momento de celebración ao noso máis puro estilo.

O Evanxeo anunciounos que non se pode agachar a luz e a voz de Exeria convocounos para a amizade. Desde o alén, a súa luz uniuse ás nosas para lembrar e celebrar estes 20 anos de luzadas. E así demos conta da nosa historia, contada en clave de aprendizaxes na voz das mulleres que, ao longo destes 20 anos e desde os diferentes liderados, nos sostiveron a todas. Recoñecémolas como mulleres sabias, parte de nós, que no moito e no pouco axudaron a facer camiño coas outras. Elas son quen de representar para todas a identidade, o crecemento, a sabedoría, o liderado, o apoio, a dispoñibilidade, a verdade, a aceptación, a solicitude e o gozo das Mulleres Cristiás Galegas.

Ao tempo que falaban as compañeiras, fomos prendendo as luces da nosa vida como asociación, decatándonos de que o gozo da celebración alumea a esperanza, fainos a vida máis feliz, aporta transcendencia, fainos vibrar desde o centro do noso ser… e cantamos ao son das pandeiretas A voz das amigas, de Leilía:

Miña irmá,

miña irmá,

miña amiga,

tan igual a min e tan distinta

TODAS XUNTAS NON TEMOS FRONTEIRA,

VEN COMIGO MIÑA COMPAÑEIRA.

exeria-foto-3

Agradecemos a historia desta nosa Asociación

Agradecemos a historia desta nosa Asociación, que leva percorrido un camiño de moitos anos, de reflexión, celebración e loita. A luz é o eixo e signo da nosa historia. De lonxe chéganos a luz de Exeria e a de tantas mulleres sabias que bendín o noso camiño, que o están a facer con nós. E cantamos á Crista, á luz que nos alumea, lume da nosa fe, mentres prendiamos as candeas da torta…E seguimos en danza, bailando en círculo arredor da torta de aniversario a danza de bendición, coa que chegamos ao momento de soprar as candeas….

Foi o momento máxico de pedir un desexo, pechar os ollos e soprar…. Soprar para seguir alentando, celebrando, desexando, cumprindo e camiñando. Soprar con forza candeas que alumean unha nova vida. Soprar con aires de parto, desexando a chegada desa nova vida que purra por saír das nosas entrañas e que recibimos cun aplauso…

Logo de soprar as velas, partimos e repartimos anacos desa historia en forma de torta. Unha torta doce, amasada entre todas coa mestura dos ingredientes que cada unha aporta, que leva o noso alento e o de moitas outras… e que acompañamos coa dozura do viño, que nos quenta e abriga o espírito mentres cantamos a canción da Deusa antiga, de Leilía.

As pandeiretas seguiron a soar e os nosos corpos a cantar e bailar nunha festa rachada, foliada compartida.

Felicidades, Exeria!! Longa vida e moita luz!!

Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Noso taboleiro coas etiquetas , , , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s