Economía: Achegándose ao Nadal como agasallo


“O Nadal, como boa festa profana que é, tamén conta coa súa particular trindade, a lotaría, os agasallos e a fartura”

Irimia vai colaborar coa anticipación navideña que vivimos en Occidente. Si. Xa logo é Nadal, todo se viste de Nadal, así que falarei de Nadal antes de que chegue Nadal. Hoxe quero recrear a esencia profana navideña, que tamén é humana e desconcertante polo contraditoria e apaixoada que resulta.  E como boa festa profana que é, tamén conta coa súa particular trindade: a lotaría, os agasallos e a fartura.

A terceira semana de novembro esgotouse a lotaría navideña no meu traballo. Eu ficara sen ela sen maior preocupación. Pero aqueles afortunados posuidores dun décimo aventurábanme cun sorriso de esguello o estado mental no que me sumiría no caso de ser o único desafortunado en non recibir parte dese premio que moitos soñaban con obter. Xa vos adianto que non creo que fose sofrir moito, pero… nunca se sabe como reacciona a cabeza en circunstancias adversas ;).

A lotaría debe ser algo así como o paraíso anticipado, coa diferenza de que mentres que este nos está reservado de seguido a toda a humanidade, a lotaría vén mellor definida coa evanxélica frase de “moitos son os chamados e poucos os elixidos”. Que a sorte lles acompañe, pero dá vertixe esa aceleración económica que pode tolear a calquera. Eu, polo que poida pasar, tento vacinarme e prefiro coquetear coa segunda persoa da profanísima trindade nadaleña: os agasallos.

Os agasallos son tan fermosos como comprometedores. Raramente son de balde e a moitos nos mergullan nun elo de compromiso do que é difícil escapar. Se me agasallan, debo agasallar. Pero, é iso un compromiso ou unha gracia bendita? E dígoo no sentido máis inocente que poida ter esa dobre palabra. O agasallo obríganos a nos abrir, a cavilar en como reaccionar e corresponder a aquel que, tomándonos a dianteira, pensou nalgo que nos agradase, por uns segundos fíxonos fillos da gracia…, e agraciounos cun pensamento cercano que se fixo verbo e materializouse no agasallo.

E a fartura… Que dicir da fartura que nos invadirá mentres non nos demos sacado de diante a miseria na que viviron os nosos maiores, e que hoxe rodea a tantos millóns de persoas ás que tememos abrir o corazón, as escolas, os barrios e as fronteiras. Estamos entrumpados nunha espiral de medo de clase. Mentímonos cando nos queremos ver como non racistas. Somos racistas, e de aí que teñamos que esforzarnos a diario en posibilitar a difícil e necesaria integración que debe cimentar os nosos barrios.

Seguimos pedindo desde aquí, a todos eses gobernos que nos fixeron soñar, que anticipen o paraíso nas nosas vilas, que nos axuden a enfraternizarnos con vós, veciños moros, sudacas e negros, os que aprendimos a chamar doutra forma para ocultarnos que somos racistas. Necesitamos que eses gobernos creen espazos onde nos coñezamos, onde escoitemos a vosa música e minoremos a fenda laboral; que aprendamos a mimar como vós mimades os nosos vellos e nenos, e vós descubrades que algo da dureza destes países máis fríos que os que vos viron nacer tamén é necesaria. Necesitámonos coñecidos, domesticados, próximos. Necesitamos anticipar o Nadal.

Pedro Pedrouzo Devesa

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Economía coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s