PEPE CHAO REGO


pepe1510O meu amigo Pepe Chao, tivo un problema sempre: ser honesto. Problema que lle complicou a vida. Non lle importou, dixo o que pensaba, o que sentía. Iso si, sen ofender. Pero non calou. Foi fiel e crente na fe do amor e da esperanza, moi crítico cos que nos andan a confundir e dar mensaxes de desgraza e desespero. Dos, moitos, que inventaron infernos tenebrosos para acrecentar medos, para tentar facernos máis submisos, menos libres. Baixou da teoría e dos soños e tocou terra. Revisou todo minuciosamente, revisouse el con todo detalle. Escoitou no arredor o que dicía a xente. Devagar escoitou o que falaban, as súas coitas, preocupacións e teimas. E a vida mesma foi a súa mellor escola. Escoitou falar paseniño, para aprender o don do coñecemento humano. Naquela escola vital, fíxose mestre nas máis difíciles encrucilladas, de camiños retortos que nos proporciona a realidade cada día. Sabía que a loita estaba en procurar un mundo mellor, un mundo máis de todos. Case un soño.

Baixou dos elevados púlpitos e pousou os pés descalzos en terra firme, para comprender mellor as persoas, para saber mellor da lentura da terra, da dor e das fames. Aprendeu leccións inéditas da sabedoría dos pobres, esas que ninguén é quen de condensar en libros porque son a enciclopedia enorme do sentir. E desde esa distancia feita latexos, soubo ver o camiño da luz. O camiño é difícil pero sácanos de ningures para, así, levar a algures. Sabía que había que saír do materialismo, do consumismo absurdo e excesivo, da necesidade material que tanto cega para aprender a interpretar os silencios nos que se conteñen os saloucos dun pranto, a salinidade do mar nunha soa bágoa. Son as mensaxes que desde hai moito tempo, desde a orixe mesma, el mellor comprendía. Era amigo meu, moi amigo, bo amigo. A Matria xunguiunos definitivamente. Souben del sempre, da súa familia veciña na nosa Vilalba de nacenza. E foi fiel á nosa amizade. Non hai moitos amigos así, firmes nos afectos durante toda a vida. Lembro, por exemplo, cando se produciu aquela traumática separación de Fuxan os Ventos na que marchara do grupo, falou comigo e díxome desde o sosego (as mesmas palabras que Manuel María, mira por onde): “non tes nada que explicar, comprendo perfectamente os feitos e sempre estarei contigo, conta comigo”. Agradecinllo moito e sempre, porque foran moitos os que prexulgaran condenando a actitude de non baixar a garda.

Quixen musicarlle aquel “Pai Noso” que el escribira e así o fixen. Penso que quedou bonito e a súa letra di moito e moi ben dito. Estabamos os dous moi orgullosos daquela creación vilalbesa e conxunta. Sabía moita música e gustaba de cantar, cantamos moitas veces xuntos A Rumboia e tomamos moitos “cafeses” en familia e con Sari nos soños pendentes de ser soñados.

pepe2511

O meu amigo Pepe Chao, tivo un problema sempre: ser honesto. Foi fiel e crente na fe do amor e da esperanza.

Agora que se vai cumprir o seu cabodano, lembro que nun dos últimos cafés, en Xanceda, deixoume dito aquel seu desexo de poñer no Pedregal de Irimia “A ara de Prisciliano”. Conciliamos vontades Xabi, Rubén, Alfonso, Valdi e moita máis xente: alí está, sen desdicir do contorno, serve de altar para –todos os anos- convocar á afirmación e dignidade. Que menos!

Debo dicirche, Pepe, que non fun bo aprendiz na lección do perdón. Non fun quen de soltar a pesada carga. Non fun, polo tanto, seguidor fiel coma ti, que fuches honesto e tamén co teu credo, fiel a nós, a todo o Pobo, aos que sentimos nesa mesma dor que nos fai Nación e que nos conxuga humanos. Amigo absoluto que me ensinaches a difícil lección de que -no amor- o máis importante é amar, darse aínda antes de querer ser amado, antes de querer nada a cambio. Amar é sempre a fondo perdido. Mais, na súa contrapartida trae consigo o perdón. E aí –pobre de min, non dou aprendido, Pepe. Tenteino moitas veces e quedei coa sensación de parecer parvo. Dóiome, aínda hoxe, de non ser quen de xustificarme nin a min mesmo, de esquecer ou purgarme silandeiro, de amnistiar a quen ata aquí nos trouxo, nesta desnaturalización e total derrota, nesta tristura! Supoño que entenderás e abondarás, agora desde os eidos da nostalxia, coa comprensión que sempre tiveches, xa me sabes impenitente e anárquico nesta miña rebeldía. Prefiro pensar que algún día chegaremos a ser donos de nós e do Noso, desde a esperanza que ti sementaches. Nós temos a razón: eles, só a forza. Abusan dela cruelmente!

Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Pingas de orballo coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s