DEBERES


Gústame pouco o término utilizado para lle dar nome ás tarefas escolares, despois do horario escolar. É un término cangado de rigor e obrigas: deberes!

Doutra banda, afastado como estou agora da docencia, non entraba nos meus cálculos de escritor ocasional tocar este tema. Foi o “deber da amizade” quen  me levou a aceptar esta encarga.

Deberes?  Imos aos poucos.

Devecería porque todos os nenos do mundo tivesen deberes escolares despois da escola, porque iso significaría que estarían libres de facer outros traballos  moitísimo máis duros para subsistir.

Deberes. Onde?, como?, cando?, cales?, para quen? Son cuestións das que ineludiblemente hai que ter conta aínda que nun artigo non poidamos darlle resposta a todas. Son por outro lado preguntas pertinentes e nada retóricas.

Na miña práctica docente tiven alumnos que antes de vir pola mañá ao “cole”, xa andaban a recoller cartóns como parte dos deberes familiares implícitos na súa situación de graves carencias; poñamos que falo de Madrid. Outros madrugaban para aviar os seus irmáns pequenos mentres os seus pais bulían atarefados cos primeiros labores inevitables das cortes e da facenda toda; poñamos que falo de Galicia.

Deberes? Que deberes?

Non teñen sentido se supoñen un incremento do traballo escolar, mais poden ser tarefas complementarias e non atafegantes, incluso entretidas. O fomento da lectura, con títulos ben seleccionados e con carácter de transversalidade é un filón para afianzar unha destreza básica e reforzar a comprensión, a expresión escrita, a creatividade en xeral. Ao tempo, os deberes poden ser un elo máis na cadea de implicación dos pais coa escola, co ritmo da aprendizaxe do neno, achegando datos de información dos seus avances ou dificultades antes de recibir os informes da avaliación trimestral.

Deberes? O debate non é o mesmo con alumnos en xornada continua ou partida, xa que o tempo dispoñible é diferente.

Como estamos a falar de tarefas para etapas de escolaridade obrigada é absolutamente necesario o “aprobado” (para entendermos) nas materias do currículo. Sen rexeitar as avantaxes das actividades extraescolares, deportivas, musicais, etc., hai que saber discernir entre o que para o futuro é imprescindible ou soamente ben acaído, “non vaia  ser que cambiemos os ollos polo rabo”. Quero dicir que, tendo conta o principio de atención á diversidade, non podemos propoñer uns deberes para alumnos que non os precisan nin evitárllelos aos nenos que de non facelos poderían quedar despendurados do grupo, abocados ao fracaso escolar e máis tarde ao profesional. Polo tanto é algo que desde os centros e as titorías debería proxectarse cunha proposta máis flexible.

Das miñas lecturas da “Escola de Barbiana” lembro o caso dun neno que afrouxaba nos exercicios de educación física, en troques “agatuñaba” polas árbores coma un esquío. Pois ben, se agora unha nena ou neno son quen de adicar horas da tarde ao piano, ao xadrez, etc., non llelo impidamos sempre que as súas destrezas escolares básicas estean aseguradas, non sexa que estea interpretando a Mozart e non saiba atopar no  mapa onde é que queda Austria. Dedúcese de todo isto a reivindicación da flexibilidade e propostas axeitadas respecto dos deberes desde a escola e a familia.

O exceso dos mesmos non beneficia a ninguén. Os nosos cativos e rapaces necesitan manter orientadamente ocupado o tempo libre, e se iso se fai desde a escola e a familia, moito mellor. Bastantes son os aparellos e enredos de consumo que os distraen, copan o seu tempo innecesariamente, e ata lles crean adicción.

Concluíndo: deberes alegres, tarefas entretidas… E por que non? Rematar na casa o que na escola descoidaches. Os pais e mestres poderán perdoar os deberes; a vida non.

Ángel Alonso Prieto.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s