Onde vai a xente nova?: Paloma Pinto, unha luguesa na orquestra de Småland


Onde vai a xente nova?  é unha nova sección para contar as vidas da xente nova na diáspora.

onde-vai-a-xente-nova-1

Que fai unha luguesa coma ti nun sitio coma ese?

Pois xa ves, aínda que nacín en Lugo hai trinta anos, resido en Jönköping, unha cidade na zona sur de Suecia na provincia de Småland, a medio camiño entre Göteborg e Estocolmo. Está na beira sur do segundo lago máis grande do país, o Vättern.

Pois fuches dar a unha aldea ben lonxe…

Si,ha ha… O concello ten unha poboación duns 121.00 habitantes e está formado por tres cidades, Jönköping (a máis grande, cuns 85.000 habitantes), Gränna e Huskvarna. Esta última é moi coñecida en Galicia, pola sua fábrica de motoserras e maquinaria agrícola -e un dato curioso que me sorprendeu cando cheguei é que a fábrica se fundou no 1689 como empresa militar que producía mosquetes para o exército sueco. Posteriormente foi ramificando a súa actividade: a finais do s. XIX comezaron a fabricar bicicletas e a principios do s. XX, motocicletas. Ademais, por suposto,  do equipamento para xardinería e construción, tamén fabrican máquinas de coser. Ademais Jönköping é famosa pola sua industria de fósforos ou mistos, que entre 1845 e 1970 subministraba mistos a todo o mundo.

onde-vai-a-xente-nova-2

Hoxe en día a cidade é un importante centro de comercio, xa que conta cun complexo de exhibición que acolle numerosas feiras e exposicións durante todo o ano. Por exemplo, o Elmia Wood é a maior feira forestal en Europa. Iso tamén ten que ver con Galicia. Esto fai que a miúdo, a ocupación de hoteis, restaurantes e demais servizos sexa moi alta. Ademais do crecemento e mellora que nos últimos 10 anos experimentou a cidade polo comercio, tamén aumentou notablemente a cantidade de estudantes grazas a unha universidade cada vez máis internacional e de nivel en ascenso. Isto fomentou a vida cultural e de ocio, como por exemplo o novo auditorio, Spira, no que eu traballo. Este construíuse hai cinco anos, a pesar de que a orquestra leva funcionando dende a década dos 80. A verdade é que é unha cidade moi bonita, tranquila pero cada vez con máis vida, rodeada de lagos, bosques e unha natureza fantástica. Os invernos son bastante longos e fríos, entre decembro e xaneiro temos unicamente unhas seis horas de luz ó día. Pero na primavera e no verán os días crecen moitísimo, e ocorre o contrario, apenas chegando as cinco horas de escuridade. Os veráns non duran moito e non son excesivamente calorosos. Pero cando fai bo tempo, é unha zona preciosa para gozar na natureza.

Por que vives aí?

Cheguei a Jönköping hai dous anos e medio porque conseguín unha praza como clarinetista na orquestra da cidade. Hai unha páxina web que se chama MusicalChairs (cadeiras musicais) na que orquestras de todo o mundo colgan anuncios de prazas vacantes, desta forma é moi sinxelo para os músicos interesados informarse de cando hai audicións (así se chama o proceso de selección de músicos nas orquestras). Gustaríame poder atopar un traballo en España, pero o certo é que coa a crise os orzamentos de cultura reducíronse moitísimo e moitas orquestras españolas nin sequera cubrían as prazas por xubilacións, ían facendo contratos por semanas ou uns poucos meses. Así que decidín intentar saír á aventura fóa e tiven sorte nunha pequena cidade de Suecia.

onde-vai-a-xente-nova-5

E que tal ese traballo?

O certo é que estou moi contenta, porque as condición laborais aquí son moi boas, temos un auditorio marabilloso que se construíu no 2011 (en novembro celebramos o quinto aniversario) e a calidade de vida é fantástica. O auditorio chámase Spira, e ademais de música, dunha orquestra de cámara que conta cuns 35 músicos, temos unha compañía de teatro formada por seis actores fixos que dependendo da produción pode verse ampliada con colaboracións puntuais doutros actores ou cantantes. Temos un departamento centrado unicamente en acercar a cultura ás novas xeracións a través de concertos didácticos, proxectos de colaboración coas escolas da cidade e do resto do municipio, día de portas abertas no auditorio con actividades e obradoiros para os máis novos, etc. E desde o ano pasado hai un departamento de danza que, de momento, trae proxectos ou compañías de danza de todo o mundo, pero quizá nalgún día podamos ter bailaríns traballando de forma estable no auditorio.

Fálanos do teu día a día, como so organiza o teu traballo….

O meu traballo na orquestra é moi variado, xa que temos concertos de música clásica, concertos didácticos, proxectos de música de cámara (nos que membros da orquesta tocamos en grupos máis pequenos), abrimos e cerramos a temporada de concertos cada ano colaborando con cantantes de pop ou rock (dende que eu cheguei fixemos concertos con música dos Beatles, Abba, Elvis Presley, artistas suecos actuais ou grandes éxitos suecos de Eurovisión, etc.). Isto fai que xente da cidade que non está tan interesada na música clásica se anime a vir ao auditorio por primeira vez e ver que ao lado da casa teñen un local que conta cunha ampla oferta cultural. E aproximadamente un par de veces por temporada faise unha xira pola provincia, tocando 8 ou 9 concertos en distintas cidades ou vilas de Småland. Ven sexa a orquesta enteira ou algún dos distintos grupos ou ensembles. Este ano por exemplo, a xira ofreceuna a orquestra de cordas en xaneiro e máis tarde o quinteto de metais. E o ano que vén, será o ensemble de todos os ventos da orquestra. Ademais, de vez en cando colaboramos con outras orquestras de cámara (que contan cuns 30-35 músicos) para poder tocar repertorio e obras que precisan dunha formación más numerosa. O que é fantástico, tanto para os músicos, porque supón unha oportunidade de tocar pezas máis esixentes, como para o público, que pode escoitar outro tipo de repertorio.

onde-vai-a-xente-nova-4

E funcionades por tempadas e por ciclos….

Cada temporada temos dous ciclos de concertos: os que tocamos os domingos, que son o típico concerto clásico dunhas dúas horas de duración cunha pausa no medio e  que consta de 8 concertos, para os que a orquestra ensaia catro ou cinco días (depende de se o concerto se toca tamén o sábado en Värnamo, unha cidade que está a unha hora de Jönköping). Algo que me parece moi interesante é que 45 minutos antes do concerto, o público pode vir e escoitar unha pequena conferencia ou charla na que o director, o solista, a xerente da orquestra ou algún dos músicos explica o que imos a tocar, curiosidades das obras, cousas interesantes da súa vida ou dalgún dos compositores, ou simplemente responder ás preguntas que a xente queira facer.  E por outro lado temos o ciclo dos xoves, que son concertos dunha hora de duración pensados como un primeiro contacto coa música clásica para un público non tan especializado ou interesado, xente nova, estudantes… Nestes concertos, membros da orquestra acostuman falar antes ou despois das pezas que interpretamos para explicar ao público que é o que tocamos ou algunha curiosidade da vida dos compositores, por exemplo. Cando tocamos os xoves, a orquestra ensaia tres días.

E levarás unha vida moi viaxada….

Os músicos somos, en xeral, bastante viaxeiros e temos claro case desde o principio que hai que ter flexibilidade e disposición de moverse dun sitio para outro para buscar oportunidades de traballo. Que eu estea fóra de Galicia traballando non é algo excepcional. Amigos e compañeiros de estudos están dispersos polo mundo adiante: hai uns cuantos españois en Suecia, por exemplo na Ópera de Goteborg teño dous amigos, na orquestra da Radio de Copenhague, na Ópera de Copenhague, en Berlín uns cantos,  en Francia, en Italia, en Holanda, en Suíza, no Reino Unido, en México, en EEUU e ultimamente hai moitos músicos españois e europeos que traballan en Asia (China, Malaisia, Corea, Xapón…) porque nestes países hai un aumento de demanda de música clásica.

onde-vai-a-xente-nova-6

Significa iso que aquí non temos nivel?

O feito de que teñamos que buscar oportunidades fóra do país non quere dicir que sexa por falta de nivel nas nosas agrupacións. De feito o nivel é moi alto e hai unha competencia moi grande. Por exemplo, as bandas e orquestras galegas soan dun xeito espectacular, sen nada que envexar a nivel internacional. No momento da fundación das dúas orquestras (A Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía), alá polos anos 90, contratouse a moitos músicos estranxeiros (do leste de Europa e Estados Unidos, principalmente) porque en España, despois de tantas décadas de ditadura na que a cultura quedou relegada,  non había tanto músico profesional que puidese competir co nivel que traían eses músicos de fóra. Pero a día de hoxe, cada vez que estas orquestras ofertan prazas vacantes, é fantástico ver como son músicos novos, galegos e españois, os que están  gañando esas prazas. E non porque non veñan músicos de fóra (que veñen moitos!) a competir nesas audicións, senón porque a educación superior musical mellorou moito e tamén porque tivemos a oportunidade de saír e estudar en Europa e tocar en orquestras novas con músicos de todo o mundo.

As bandas galegas son, polo que din os expertos, unha das mellores canteiras de músicas de vento en Europa….

Son todo un referente fóra de Galicia, participan en concursos e festivais internacionais gañando premios e recoñecemento de xurados e público, que quedan abraiados coa forma de tocar e calidade musical. Hai un nivel profesional moi alto, pero tamén moito traballo de base, moitas escolas en aldeas e vilas pequenas que con moito esforzo e colaboración de asociación culturais e familias sacan adiante proxectos marabillosos dos que saímos moitos músicos que hoxe en día estamos dispersos en orquestas de todo o mundo. Eu empecei a tocar con 13 anos na Banda de Melide e tempo despois na Banda de Silleda. Estou segura de que non estaría onde estou hoxe sen esas dúas experiencias. Algunhas das pezas máis esixentes que tiven que tocar, son obras para banda. E algúns dos mellores músicos cos que compartín escenario, son músicos de banda. Hai un nivel incrible nas bandas de música galegas.

onde-vai-a-xente-nova-3

 Ou sexa que podemos sacar algo de peito…

Creo que en Galicia, sobre todo nas provincias da Coruña e Pontevedra, hai unha estrutura musical bastante potente grazas ás bandas de música e as súas escolas.  O problema empeza coa difusión, ciclos de concertos ou co apoio institucional. Os políticos que sentan nos concellos, deputacións ou na Xunta ven a música e a educación musical como un complemento, un adorno. E en canto hai que recortar orzamentos, a cultura é a primeira en sufrir as tesoiradas propias de xente que parece que non é quen de ver a longo prazo. Ter rapaces novos, e adolescentes en escolas de música, bandas, grupos de folk, rock ou do que sexa, tocando xuntos, gozando, aprendendo, esforzándose, traballando en equipo, concentrándose en dar o mellor dun mesmo para contribuír ao ben común; e moitísimo mellor e máis barato que ter a xuventude desocupada, sen opcións, na rúa o fronte ao televisor. Non quero dicir que os músicos non saiamos de festa porque non sería certo, pero a dedicación e o tempo que demanda a práctica musical é enorme. A música, unha escola de música ou unha agrupación musical é unha ferramenta moi potente de transformación social. Estou convencida disto.

E este verán puideches comprobar esa forza da música como ferramenta social…

Foi unha aventura que contribuíu a fortalecer esta convicción: o gran poder da música e o seu valor social. O proxecto xurdiu de tres músicos españois, Fernando, Beatriz e Aldara, xa na trintena, que estudaron en Europa e despois viaxaron por América do Sur coñecendo e aprendendo como se ensina alí, como se vive e como se toca a música no outro lado do Atlántico. Despois duns anos viaxando por Perú, Colombia, Brasil, Costa Rica, etc. decidiron volver a Madrid e crear unha escola que funcionase dun xeito máis “latinoamericano”, isto é, como ferramenta musico-social. “Da la nota” é unha escola na que o obxectivo non é que os alumnos e alumnas se convertan en músicos profesionais, senón que se desenvolvan e medren como persoas a través da música. Pero ademais, fundaron unha plataforma chamada Redomi (Red de Organizaciones Musicosociales de Iberoamérica) para promoveren o desenvolvemento social e o intercambio cultural entre os pobos de América Latina e do mundo a través dun turismo cultural, artístico e solidario. Así naceron as VAS, Vacacións Artísticas Solidarias, nas que as distintas realidades e culturas poden intercambiar coñecementos, experiencias, música, bailes, palabras ou receitas. Músicos europeos teñen a posibilidade de achegar os seus coñecementos instrumentais e musicais a rapaces de comunidades ou escolas que non contan con moitos recursos nin profesorado especializado en moitas ocasións, e a cambio reciben un gran feixe de experiencias musicais, culturais e persoais da man de alumnos, músicos, familias e poboación local. Este ano houbo tres proxectos: en Costa Rica, Panamá e Colombia. Nos que ao redor de 20 participantes decidimos pasar unhas vacacións distintas, inmersos en culturas diferentes pero conectadas a través da música.

E que duración teñen eses proxectos?

En total foron tres semanas as que pasamos en tres zonas distintas de Costa Rica, cada semana colaborando nun proxecto diferente e con rapaces diferentes. As dúas primeiras semanas traballamos con días orquestras novas e a última semana nunha escola de música nunha aldea situada na costa do Pacífico. As dúas primeiras semanas os rapaces tiñan entre 13 e 20 anos aproximadamente, e foi fantástico descubrir o  enorme entusiasmo, a paixón e o esforzo destes rapaces por aprender, por mellorar e por facer música xuntos. Moitas veces en situacións moi difíciles. Algúns viñan de familias ou barrios desfavorecidos nos que a violencia, o alcohol e as drogas están presentes no día a día e a música ofrécelles unha alternativa ou unha forma de escapar diso. Dedicar o seu tempo a practicar co seu instrumento en lugar de estaren na rúa sen nada que facer,  ou ensaiar na orquestra cos compañeiros en lugar de estar enganchados ao móbil ou as consolas ou evadíndose do mundo a través das drogas porque non atopan unha motivación ou un desafío no que poñer os seus esforzos e ilusións.

Para vós algo inesquecible

Pois si. A primeira semana os ensaios da orquestra empezaban ás 8 da mañá e terminaban ás 10 da noite. Un par de días empecei a dar clase de clarinete ás 7 da mañá porque non había outro momento e, para a miña sorpresa, o meu alumno non era o único que a esa hora estaba xa tocando. Checho, un dos contrabaixistas estaba practicando en pixama antes do almorzo! Un rapaz de dezaoito anos, orixinario dun dos barrios máis complicados de San José e cunha historia nada fácil como nos contou o director da orquestra e o responsable do proxecto, practicando antes das 7 da mañá. Que haxa algo, a música neste caso, capaz de xerar esa paixón e dedicación paréceme moi poderoso e dun valor extraordinario. E que haxa xente como Jorge Siliézar, o director e alma deste proxecto, tan comprometidos e dispostos a loitar porque rapaces que doutro xeito non terían a posibilidade de entrar en contacto coa música podan gozala e medrar a través dela, reconcíliame cunha sociedade que, as veces, pode ser moi individualista e deixar de lado a procura do ben común.

Pois efectivamente, toda unha paixón, un motivo para vivir doutra maneira

Mira, na segunda semana había tres rapaces na orquestra que tocaban o clarinete, o que máis tempo levaba tocando empezara catro anos atrás; os outros dous, só levaban tocando dous anos. Pero a pesar de ter un horario moi esixente, de 8 a 22 da noite con clases de clarinete, ensaios seccionais de madeiras e ensaios con toda a orquestra, non querían que fixeramos pausas entre clases e ensaios. Insistían en que lles seguise dando clase nas pausas programadas porque ningún deles (cada un viña dunha zona diferente do país e non se coñecían) tivera antes un profesor de clarinete. O Sistema Nacional de Música de Costa Rica ten 9 centros repartidos por todo o país e en cada centro hai un ou dous profesores de instrumento, pero ao mellor é un trompetista ou un violinista que ten que ensinar a todos os rapaces que comezan (chelos, frautas, trombóns, clarinetes, contrabaixos, percusión…). Por iso, Edgar, Diego e Santiago non querían desaproveitar a oportunidade de ter durante unha semana enteira unha profesora de clarinete só para eles. A forma tan rápida na que asimilaban todo canto eu lles dicía e o entusiasmo e dedicación cos que afrontaban cada día foi unha das mellores experiencias docentes da miña vida. Foi moi emocionante que o último día, despois do concerto, tres adolescentes de entre 15 e 18 anos me entregasen cadansúa carta dándome ás grazas por todo o que aprenderon esa semana e, atención a isto, por todo o que agora eles ían poder ensinar e explicar aos seus compañeiros de clarinete das súas respectivas escolas de música.

Pois é un proxecto ben valioso e emocionante…

É máis que posible que a maioría destes rapaces non se convertan en músicos profesionais, pero todo o que estas experiencias lles achegan é unha bagaxe valiosísima de cara á súa vida adulta: que a perseveranza e o traballo duro merecen a pena e acaban dando os seus froitos (horas e horas de estudo e ensaio convertidos en experiencias durante os concertos); aprenden a traballar en equipo e a seren capaces de escoitar o que os demais teñen que dicir e achegar; a seren solidarios e aceptaren responsabilidades polo ben do grupo; a expresar e poñerse en contacto cos propios sentimentos a través da música, e de aí convertelos en palabras; a gozar e valorar a beleza; a afrontar situacións de estrés e saber superalas da mellor forma posible confiando neles mesmos e o traballo previo realizado e co apoio dos compañeiros e compañeiras;  a darse conta de que temos moito que aprender de aqueles que nos rodean se temos os ollos e as orellas ben abertos, etc. A música, as escolas de músicas, grupos, bandas ou orquestras son das mellores formas de aprendizaxe interpersoal e intrapersoal, na miña opinión. E despois eses nenos e nenas poderán estar preparados para afrontar calquera profesión ou camiño que elixan.

Pois visto así queda máis claro que as tesoiradas en música son un retroceso social

Por iso é moi triste que a raíz da crise económica se recortase tanto e se siga recortando ou suprimindo recursos para a educación e a cultura. É unha pena que a nivel político non haxa unha conciencia maior da importancia da arte e o seu tremendo valor como ferramenta contra a exclusión e transformación persoal e social. Porque se a nivel institucional se proporcionan os medios,  a sociedade responde sempre de maneira positiva. A implicación dos rapaces, dos pais, dos profesores e dos veciños pode chegar a ser espectacular.  A música, a arte e a cultura non son un luxo ou unha excentricidade só para os máis ricos ou os ámbitos máis acomodados. Como sociedade temos a obriga de facer uso dunha ferramenta tan poderosa e única como é a música para aprender, medrar e comunicar con nós mesmos e cos demais dunha forma moi fermosa.

https://www.smot.se/globalassets/pdf/program_webben.pdf 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Onde vai a xente nova? coas etiquetas , , , , , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s