Os deberes: Tempo perdido? Infancia estragada?


deberes-2

 

Os deberes para facer na casa teñen unha longa tradición entre nós. España ocupa un dos primeiros postos entre os países da U.E. tanto en tempo de deberes como en fracaso e abandono escolar. Os profesores que os encargan e os pais que os apoian ou os demandan fano coa intención de axudar á mellor educación dos nenos, para facer o que non dou tempo na escola, … para que teñan máis oportunidades de éxito na vida. Pero algo non marcha e nos últimos tempos aumentan as voces críticas cos mesmos que demandan unhas veces a súa desaparición e outras veces a súa reconsideración e racionalización.  A miña vai ser unha opinión crítica, moi crítica, coa realidade dos deberes, especialmente pensando na etapa de Educación Primaria.

Hai quen pensa que os deberes son un remedio, unha boa cousa para mellorar as aprendizaxes dos nenos; en realidade son máis ben o síntoma dunha preocupante enfermidade, a do escolasticismo tradicional máis rancio. De feito están ao servizo dunha concepción da ensinanza que se basea en aprender moitas cousas de maneira superficial, de maneira mecánica ou de memoria, desconectada da súa aplicación ou utilidade, despersonalizada, sen sentido. Hoxe sabemos que na súa base bioquímica, aprender significa establecer novas e estables conexións neuronais; sabemos que é a emoción e a motivación quen activa a curiosidade e o interese, o desexo de aprender; este é o motor, ou o carburante, da concentración, da atención, da memoria, da aprendizaxe. Todo o demais é tempo e esforzo perdido.

Lonxe de cumprir o que din pretender, os deberes teñen efectos preocupantes nas vidas de nenos e familias que é necesario considerar. Sería bo pararse a botar contas do “horario laboral” dos nenos, do número de horas de traballo, de rendemento, que moitas veces se prolonga na casa, na fin de semana, nas vacacións. A maioría dos adultos non soportarían estes horarios. O resultado a escala individual maniféstase frecuentemente en ansiedade, estrés, tristeza, insomnio e outras manifestacións psicosomáticas, como dor de barriga, dor de cabeza, dor muscular, subida de temperatura, diarreas, … e aprender a funcionar por medo a un “negativo” ou a suspender. Algunhas das modas actuais de diagnosticar a tantos nenos de TDAH (Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade) e facerlles tomar medicamentos para mantelos tranquilos ten moito que ver con estas xornadas e con  estilos de vida pouco saudables. Conviría non esquecer que os nenos para medrar sans necesitan abundante tempo de libre disposición, no que tomar iniciativa, desenvolver aficións, cultivar relacións persoais pracenteiras, xogar, ser nenos. Cando tomaremos en serio as necesidades da infancia?

Pero, ademais, moitas veces os deberes perturban a vida do conxunto da familia.  No mellor dos casos supón estar pendente deles. A maioría das veces hai que dedicar tempo a axudar a facelos, cando os adultos son capaces de prestar a axuda necesaria. Frecuentemente deterioran e amargan o clima de relación que deixa de ser pracenteira e pasa a ser de presión, oposición e recriminación. Noutros casos, quen pode paga a terceiros que axuden aos fillos a realizar os deberes. Os que non teñan este apoio simplemente quedarán descolgados, candidatos a un seguro fracaso. E diremos que o seu fracaso é responsabilidade das familias!

Hai algunha saída a esta situación? Unha saída, sen dúbida laboriosa, é a de cambiar o enfoque que predomina na educación escolar, de maneira que se centre no proceso e non no resultado, se centre en interiorizar as aprendizaxes, comprendendo o seu valor e a súa utilidade e aplicacións; aprendendo a través da acción, de proxectos, do traballo en equipo; conectando coas emocións e os afectos. Isto levará tempo, pero hai iniciativas, tamén en Galicia, tamén no ensino público, que van nesa liña.

Unha pregunta para os partidarios dos deberes. Se son útiles e necesarios para dar todo o programa, por qué non se prolonga, sinxelamente e para todos, a xornada escolar, liberando o resto do tempo dos nenos de obrigas e de interferencia a vida familiar? Non sería máis honesto e equitativo?

Para terminar de xeito positivo e realista aquí vai unha proposta para mestres e familias: eliminar calquera traballo de deberes do que non sexamos capaces de xustificar o seu valor, o seu por que, o seu para que. E, se é necesario, substituílos por actividades que teñan un valor e sentido claros que poidamos explicar e xustificar. Deste xeito os nenos aprenderán e vivirán plenamente a súa infancia, o único territorio realmente propio, o caudal de experiencias que o acompañarán sempre e serán a base da toda a súa existencia.

Fernando Sueiro Barreiro

[É mestre. Actualmente traballa no Equipo de Coordinación Educativa da Rede de Escolas Infantís A Galiña Azul.]

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s