Editorial: Crónica dun final anunciado


Foi un final que ninguén quería, pero que todos se esforzaron en conseguir. Un fatalismo. Algo inevitable.

A recente investidura e o goberno acabado de estrear de Rajoy foi algo así como un final que seica ninguén quería, pero que todos se esforzaron para conseguir que se producise. Un fatalismo. Algo inevitable.  Estamos convencidos de que un cambio sería, cando menos, algo hixiénico. Por dous motivos: primeiro porque evitariamos esa señardade berlusconiana que nos invadiu, por permitirmos que goberne o partido europeo que foi quen de sentar máis altos cargos no banco dos acusados por corrupción. E, en segundo lugar, porque non estariamos premiando unha forma de gobernar que marcou en Europa, no medio da crise, o record en crecemento da desigualdade entre os máis ricos e as maiorías en precario.

Precisamente porque a prioridade era un cambio hixiénico é polo que dixemos o que dixemos no noso editorial do núm. 941 (marzo 2016), xusto cando fracasou o primeiro intento de Pedro Sánchez (en alianza con Ciudadanos) debido ao voto negativo de Podemos. Dicíamos: “non é acaso o momento de arrombar os obxectivos máximos e acordar mínimos comúns?”. “Non estaba claro que a prioridade era remudar os hóspedes das institucións  estatais, ventilar o cheiro, limpar de iates, vodas, bolsos e “jaguars”, a política e saírmos da crise con máis igualdade?” “Non acabará o conto con alguén tirándose dos seus mediáticos pelos?”

Aquela era unha posibilidade. Posibilidade vén de “posible”. E unha oportunidade. Quizais a única, dado que era visto que a Sánchez, os seus xefes, os de verdade, non lle deixaban pactar pola esquerda. Una abstención de Podemos, negociando se acaso certos puntos, provocaría un cambio, limparía o panorama e permitiríalles ser os líderes da oposición pola esquerda. Despois viñeron as novas eleccións, o fastío da xente, a recuperación do PP, o retroceso dos demais e, en acertadas palabras de Pontón “unha nova vida para Rajoy”. E, despois, o final anunciado.

A política consiste en negociar coa realidade e xestionar o posible, sen perder de vista o horizonte. O horizonte é fundamental, pero navegamos en augas incertas, capeando temporais. Daquela titulábamos: “Investidura: entre o imposible, o posible e os máis do mesmo”. Trunfou o último. Podemos esbardallar o que queiramos, pero un paso sempre se dá despois do anterior.

Editorial

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s