DOMINGO 6 DE NOVEMBRO. XXXII DO TEMPO ORDINARIO


A PALABRA. Lc 20, 27-38

Naquel tempo chegaron algúns saduceos ‒eses que negan que haxa resurrección‒ e preguntáronlle: «Mestre, Moisés deixou escrito: Se lle morre a alguén o seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia. Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos. Despois casou con ela o segundo; e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo tamén sen deixar fillos. Ao cabo, morreu tamén a muller. Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?» Xesús contestoulles: «Neste mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles. Mais os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección. E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob. E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.»

A CLAVE – Marisa de Corme

Entender a resurrección non é fácil, pero resulta aberrante ese simplismo de entendela como volver a unha vida como a de agora, pero mellor. Os saduceos non crían na resurrección porque para eles a vida era xa un chollo: como podía ser mellor? Xa vivían “como Dios”. E na súa cegueira trascendente aínda discuten que vai pasar coas posesións compartidas despois de mortos. Están nas antípodas de Deus!!

Ven como un problema na outra vida o goce da única cousa que foron quen de compartir en vida: a muller que vai casando cos diferentes irmáns (Vaia!! Para eles o único xeito de compartir algo parece ser a obriga que lles impón a lei do levirato!!) E falan da muller como quen fala dunha vaca ou unha leira. Nas antípodas de Deus por completo!!

Desde logo, de compartir non teñen nin idea!! Móvense na liña do ter (mulleres, cartos, poder…) como aquel rei Midas que convertía en cousa todo o que tocaba (de ouro, si, pero cousa!). Na súa mente dominadora non ten cabida a vida, pois viven facendo de todo unha propiedade. E Deus non é un deus de mortos, senón de vivos. Non é un deus de cousas, senón de persoas. Non é un Deus de dominio, senón de servizo. Non é un Deus que amarra, senón un Deus que libera.

E se non o cren, que llo pregunten a Moisés, que de vida, persoas, servizo e liberación aínda sabía un pouco!!

O ECO – Christina

Non sei que pasará despois da morte. Fíome de quen proclamou que non podemos morrer. A Vida que somos non ten morte.

Antes preocúpame, alármame e éncheme de rabia a pregunta saducea “De quen vai ser a muller…?”. Non podo evitar a ollada pingando que deita do eco desta frase asasina, despois de tantos séculos.

A miña, a nosa resurrección ten que ser nesta vida, cando por fin esa metade de humanidade deixe de crer que unha muller ten que pertencer a alguén.

A propiedade podreceu as nosas sociedades, mais a propiedade de xente está a acabar co que nos queda de humanidade… tanto ten que non se teñan escrituras. Se alguén se pode permitir dicirme a que hora saír, onde podo e non podo ir, o que podo ou non dicir ou celebrar, alguén está a comportarse como propietario.

Se alguén cre que podo servir mil mesas de bar ou de hospital pero non podo nin tocar un altar mais que para limpalo, se cre que ten dereito a negarme o pan, está a comportarse como propietario, de min, do altar e de Deus.

A humanidade dunha perna soa, un brazo so, medio corazón, media cabeza, pouco estómago e sen útero nin ovarios, medio cega e moi xorda, que so sabe producir morte e dor, inxustiza perenne.

E hoxe, meu Deus, xa non temos onde agocharnos nin onde fuxir das imaxes da destrución, da realidade procreada pola nosa especie esnaquizada e esnaquizadora da vida, que usa a súa única man para mover a máquina da guerra e da fame.

Eu pregunto, rabinciño querido, cando chegue a vida futura… quedará voz nas mulleres? quedarannos bagoas para chorar ou leite que alimente??

Como será esa vida futura se a fan sen nós? Como sobrevivir a ela?

Deus das vivas, baixa por nós, chora connosco polos nosos filliños e filliñas que son túas e mais de ninguén.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en boa nova coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s