O trasno: Toma nacionalismo!


Toma nacionalismo!

Seica non se debe chamar así, porque chamar co mesmo nome a cousas diferentes e mesmo contrarias, é confundir.

Pero como levamos unha manchea de anos de propaganda oficial contra os movementos nacionalistas da periferia do Estado, un marteleo continuo contra a idea mesma de nacionalidade periférica (mesmo da que nace para resistir, para sobrevivir na diversidade, para ter aire na globalización asfixiante), resulta agora ben curioso que as máis altas instancias xudiciais do Estado “condenen” a Cataluña a levantar o veto ás corridas de touros. E que se faga argumentando que é unha “fiesta nacional” de interese cultural.

Esa decisión xudicial, como tantas outras “pensadas para Cataluña” (para darlle nos fociños aos catalanistas, para sermos precisos), non ten xeito nin traza. É un disparate polo contido e polo momento.  

Impoñer a “bondade” das touradas naqueles territorios onde repugnan é simplemente estúpido. Será tradición, xaora, como a caza do raposo ou tirar un carneiro do campanario. Tradicións si, pero infames, porque hai outras respectables, como a benquerencia franciscana polos animais, evitando torturalos, que son irmáns pequenos. Porque sen dúbida, de en por si, as touradas son un divertimento a base do sufrimento gratuíto, até a morte, dun animal precioso, nobre. “Que lástema de bois”, como dicía o paisano da viñeta de Castelao.

Pero, aínda máis, o máis grave está na oportunidade desta exaltación do espírito patrio da España profunda e casposa de mostacho, faria e mantilla. Esa cospedalización incesante das institucións, unhas institucións que deberían respectar, coidar e animar a diversidade nacional e cultural dun estado complexo, ese que a constitución do 78 albiscaba e que se empeñan en enterrar os uniformadores que, mentirosamente, din defendela.

Porque son infatigables. Sementan resentimento, e ceban de argumentos a máquina da secesión.  Obxectivamente son os mellores aliados do separatismo e, se puidesen, meterían no currículo escolar de Cataluña e Galicia visitas de estudo ás corridas, para ver e cheirar o sangue, para sentir a respiración adoecida do animal, ou experimentar en directo unha cornada na femoral. Un espectáculo culto e moral, como se dixo sempre. E, agora, “nacional”.

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

One Response to O trasno: Toma nacionalismo!

  1. Xavier Nogueira di:

    Se os actuais gobernantes leeran, por exemplo, a Jovellanos, no seu informe sobre a lei agraria, descobrirían que naquel tempo, ou sexa fai mais de douscentos anos, os touros non eran nin habituais en toda España, nin siquera coñecidos en grande parte dela. A xentiña toma como “de sempre” cousas cunha antigüidade que non supera nin o medio século. Hoxe haberá quén diga que é “de toda a vida” que os gaiteiros vistan falda escocesa, ou que cada unha das innúmeras festas gastronómicas actuais veñen de fai séculos, cando son nacidas, todas elas, nos anos sesenta, para encher o valeiro deixado polas feiras anuais con tradición de séculos. Unha feiras anuais que si estaban asentadas na verdadeira economía e tradición das bisbarras. Como as feiras das mulas de Lalín, Montorroso, Chantada ou Mondoñedo. Por poñer algún exemplo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s