Xente d’eiquí: Edelmira Vidal, a graza e o orgullo de ser de aldea


Edelmira vive en Xuño, parroquia do Porto do Son que fixo un lugar na xeografía do mundo a partir da reivindicación de Ramón Sampedro, que reclamaba o dereito á eutanasia. Cando Amenábar contou a historia de Ramón en Mar adentro, algunhas das paisaxes locais quedaron inmortalizadas. Esas mesmas imaxes, e outras moitas, están tamén inmortalizadas na retina de Edelmira, veciña de Ramón e da parroquia. De intelixencia curiosa e esperta, compañeira coa súa veciñanza, amante dos contos e das historias,  concedeunos o favor de nos amosar algún relanzo do que foi e está a ser a súa andaina.

edelmira-vidal-3

E logo ti de quen vés sendo?

Eu veño sendo filla de Manuel Vidal Romero, nacido en Caamaño e de Manuela Sampedro Patiño, nacida en Sieira, Xuño. Meu pai era carpinteiro e músico. Tocaba a caixa. Miña nai andaba a vender gas carburo polas portas da parroquia. Fomos cinco irmás, todas mulleres. Eramos pobres e tivemos que ir traballar dende novas.

E como era a escola daqueles tempos ?

Comecei  indo con sete anos a unha casa onda unha mestra, Dona Presenta, poñía clases. Viñamos ser entre 12 e 20 rapazas. Os rapaces ían xunto dun mestre. Daquela eramos máis mulleres ca homes.  Achegábame á escola cando podía, porque tiña que facer outros traballos: ir lavar ao río, carrexar auga da fonte, porque non tiñamos traída, e ir buscar  herba para unha  vaca que había na casa. Fun á escola ata os 11 anos. Lembro que había o Raia 1ª, Raia 2ª e Raia 3ª. Despois viña o Manuscrito Segundo e finalmente Europa, que era o máximo nivel. Eu quedei no Raia 3ª para ir traballar.

edelmira-vidal-2E para andar mundo…

Cando eu era pequena preguntáballe á miña nai: “Mamá, como de grande é o mundo?”. Ela dicíame: “O mundo chega á raia do mar e ao alto do monte”. Eu coidaba que o mundo non ía máis aló de Penella. Logo, cando fun plantar pinos, pensei que chegaba ata a Curota e Os Forcados. Logo, os traballos déronme a saber que o mundo era bastante máis grande do que eu matinaba.

E que traballos foron sendo eses?

Entre os doce e catorce fun cavar ao monte, plantar pinos, e a partir daquela entrei a traballar na fábrica do peixe. Tiñamos que descabezar as sardiñas, mételas en parrillas, no túnel, para cocer. As mulleres máis maiores eran as que empacaban nas latas. Ao tempo andaba no monte plantando pinos, eucaliptos e abrindo pistas. Así foi, ata que casei con 22 anos. Despois adiqueime aos traballos da casa e a atender ás fincas de millo, trigo, centeo, avea, patacas e maila  horta; tamén unha vaca, porcos e galiñas. Todo para consumo da casa.

Máis tarde tiven que axudar á miña filla co coidado das netas para que ela  puidese ir traballar na conserva. Acompañeinas a moitas actividades e excursións do colexio e da ANPA.  Durante varios anos atendín  dúas tías maiores. Por tempadas tamén andei nun restaurante, por veces na cociña, por veces na barra, por veces nas dúas cousas.

edelmira-vidal

E cando chegaba a fin de semana, que facías?

Eu son curmá de Ramón Sampedro, e desque el tivo o accidente, todos os domingos iamos visítalo a el e máis a miña nai. Heiche contar unha anécdota de Ramón. El quería que lle contara contos, e un día díxome: “Cóntame algún conto, Edelmira”. Eu díxenlle “Ai, Ramón, sonche dos verdes”. O pillabán respondeume: “Pois deses, Edelmira, mellor deses”. E cando me dei de conta xa me estaba a gravar nunha cinta.  Canto me gustaría recuperala!!!

Dánseche moi ben os contos. Onde aprendiches?

Eses contos e historias seinos porque antes, cando non había luz, sentabamos na lareira, co candil do gas, e aprendíaos da boca dos que os ían contando. Tamén aprendín dos que comprabamos nas feiras á peseta, patacón ou a tres chicas; e así funos memorizando.

E nunca che deu por escribir unhas letras?

Algo fixen… e fago. Mira aquí teño esta libreta,  onde fixen un escrito sobre Penella, a aldea onde nacín.

Déixasmo  poñer na entrevista?

Deixo, home, deixo.

Penella, doce Penella,

aldea onde nacín.

Vivín tan pouquiño nela

e é o que máis vive en min.

Cando me maltrae a sorte

logro un alento sen fin,

son os recordos da aldea

que tan doces sentín.

Aquelas tantas delicias,

aqueles meigos cantares.

Cantos desbordamentos e risas

sinto aínda dos seu lares.

Por Penella, tan pequena,

mórrome de soidades

O mundo, con ser tan grande,

non pon remedio aos meus males.

Camiños da miña aldea,

tempo hai que xa os deixei.

Bágoas non hai nos meus ollos

de tanto que os chorei.

E a que te dedicas agora que vés de cumprir os setenta?

edelmira-vidal-5A atender a casa. Fago de comer para seis persoas da familia. Coido a horta e acomero as galiñas e o porco. Tamén vou facer outras actividades xunto con outros veciños da parroquia: ximnasia, taller da memoria, baile… e acudo a cantas convocatorias, falas e cursos se propoñen. Colaboro no que podo coas  iniciativas da parroquia. O último foi axudar a recadar cartos para a restauración dun retablo medieval que temos na igrexa. Tamén participo nas festas , mesmo teño actuado contando contos. Algunhas tardes xuntámonos na casa de Charo e facémoslle compaña a Juanciño, que está enfermo. Botamos unhas partidas de cartas onde hai que contar moi rápido e falamos do que acontece.

Que é o que che preocupa dos tempos de agora?

A economía, que podería estar mellor. Os soldos e as pensións parece que soamente son para os gobernantes. Gustaríame que a mocidade e as miñas netas tivesen un futuro bo, porque mal o vexo tal e como están as cousas.

edelmira-vidal-4Que é o que máis aprecias do lugar no que vives?

Gústame vivir no medio da natureza. Cando era rapaza ía co meu pai ás pedras na praia, a coller ourizos, mexillón, percebe… Os homes ían ao polbo e aos congros. Agora non hai e ademais non deixan coller nada para facer unha caldeirada.

Pero…,  podes facer os teus licores…

Por suposto. Fágoos de amoras, noces, abelás, café, herbaluísa, ruda, estrugas…e  moitos outros. Entran moi ben se van na compaña dos contos.

Marta Sopeña

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Xente d’Eiquí coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

3 Responses to Xente d’eiquí: Edelmira Vidal, a graza e o orgullo de ser de aldea

  1. Xavier Nogueira di:

    Hai Edelmira, cómo asemella a túa vida á de tantas outras mulleres que coñecín. Marcades toda unha época. Escribe, non che importe que teñas faltas de ortografía ou penses que non vale para moito. Será, polo menos, un dos mellores recordos que deixes á familia. Se todas as persoas que nos antecederon (ou soamente algunhas) houberan contado a súa vida, hoxe sería un valor auténtico. Dos de verdade.

  2. Linda história. Saudação do Brasil.

  3. Pingback: ¨Xente d’eiquí: Edelmira Vidal, a graza e o orgullo de ser de aldea.¨— Asociación Irimia | MariaLDario's Blog

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s