Ler para camiñar


 

‘De remate’, Héctor Cajaraville

 

Na biblioteca pública descobres cousas interesantes de Xabier Quiroga, de Z. Bauman, P. Deville, Riveiro Coello, de Fernando Vallejo. Nas mans El hambre, de M. Caparrós. Máis que libro éche unha enciclopedia da fame. Lese como unha novela pero cada folla morde por dentro. Tes que ler, din, La gran brecha de J. Stiglitz, economista de rostro humano. Da recompilación de artigos do nobel algo quedará. A fin de contas, se a economía non axuda ás persoas, para que serve?

Libros e máis libros. Exercendo os imprescritibles dereitos do lector de D. Pennac: ler ou non ler, o que queiras e cando apeteza, saltar follas, volver atrás, reler ou deixar de ler.

O tempo bole costa abaixo e hai que ir polos vieiros dos que leron antes. Dos que saben máis. E de cando en vez, escoller libros ó chou. Ás veces descobres tesouriños escondidos, xoias que non están baixo os focos da mercadotecnia. Como o libro de Héctor Cajaraville, De remate, unha novela así de singular, así de boa. Mestura de artigos de opinión, correos cruzados, anotacións no diario. E tanta vida, tinguida de humor e drama, detrás do protagonista. Pero quen é este Cajaraville? Xornalista, corrector de textos, autor dun dicionario. E dunha novela, esta, a primeira. A primeira? Manda truco! Así de interesante, tan ben escrita, cunha arquitectura tan intelixente.

Artigo a artigo, texto a texto vai, vas tecendo a trama con fíos de retranca, de sorrisos. Un fino labor de taracea cheo de frescura. Cando chegas ao final descobres, como no espello, esta Galicia que nos habita: ese modo de vivir, esa maneira de falar, ese xeito de ocupar o territorio agora desvertebrado, desocupado de xente.

E como nos crebacabezas, négaste a colocar a última peza porque non queres rematalo, porque queres rematalo, porque este libro é así de divertido, retranqueiro, cunha linguaxe tan fermosa. E hai que bebelo a groliños. Ata rematar De remate. De Héctor Cajaraville.

Juan Antonio Pinto Antón

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Ler para camiñar coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s