DOMINGO 23 DE OUTUBRO. XXX DO TEMPO ORDINARIO


A PALABRA. Lc 8, 9-14

Naquel tempo, Xesús propúxolles esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais: «Dous homes subiron ao templo para orar; un era fariseo e outro recadador de impostos. O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño”. O recadador, en troca, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo, senón que petando no peito dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador”. Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.»

A CLAVE: Reconciliados/as co noso Deus

Carme Soto

Hoxe Lucas preséntanos unha parábola con dous protagonistas frecuentes nos textos evanxélicos: un fariseo e un recadador de impostos. Este relato está a continuación do da viúva e xuíz e ambos queren ilustrar cal é a auténtica actitude cara a Deus.

A nosa parábola vai incidir na vana xustificación da piedade senón estamos abertos/as a acoller o amor e o perdón do Pai/Nai.

A escena sitúase no templo onde os dous personaxes foran rezar. De xeito moi gráfico o narrador móstranos a diversa actitude de cada un deles.  O fariseo de pé facía gala da súa perfección relixiosa enumerando a súa excelencia no cumprimento das prácticas relixiosas habituais no xudaísmo: o xaxún e o décimo que acompañaba cunha descrición orgullosa do seu comportamento irreprochable cara aos demais. O recadador pola súa banda, un pouco escondido, expresáballe a Deus con angustia a súa debilidade, e seu pecado.

O contraste entre os diferentes modos de rezar destes homes, evidenciaba para os oíntes da parábola, e tamén hoxe para nós, cal era a boa noticia de Deus que Xesús predicaba acotío:  a misericordia entrañable do abba.

As boas obras que facemos non son as que nos xustifican ante Deus, senón o sentírmonos acougados no seu amor entrañable, pois so iso e o que impulsará en nós a bondade, a xenerosidade e o desexo de falar intimamente con El. É a nosa fraxilidade a que nos permite atoparnos de verdade co noso Pai e Nai Deus e non nas seguridades rituais e actos de piedade por moi fermosos que foren.

 

O Eco

Olga Álvarez

Autoestima. Non crerse un máis do que é, nin tampouco menos. Nin máis, nin menos. Aínda que, ás veces, nos sentimos coma unha merda espichada nun pau e outras veces coma o rei do mundo.

Iso sen contar co tema da culpa e do pecado, tanto recalcar o que facemos mal, o que non facemos ben… pensade no que se recitaba en misa: “Pola miña culpa, pola miña culpa, pola miña grandísima culpa” … como para non estar afundidos na miseria. E os problemas e as preocupacións que nos traen a mal traer, sexan grandes ou pequenos, con todo iso na cabeza so nos falta ver as noticias para morrer do desgusto.

Mais de sermos quen de ollarnos cos ollos de Deus, como cambiarían as cousas! O amor máis grande, máis que á túa parella nos primeiros días de namorados, máis que a teu fillo/a cando te sorrí por primeira vez, así sería o amor que sentiriamos e o perdón e a comprensión ante os erros e o ánimo… e con todo iso dentro do noso corazón seriamos quen de comernos o mundo. Ou non?

Advertisements
Estas entrada foi publicada en boa nova coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

One Response to DOMINGO 23 DE OUTUBRO. XXX DO TEMPO ORDINARIO

  1. Xavier Nogueira di:

    Non me queda nada claro todo eso do fariseo e o recaudados. Os dous fan lembrar a personaxes de viva actualidade. Ningún deles tan limpo, porque, O recaudador devolvería, logo do arrepentimento, as “comisións”?. A pesar da súa suficiencia elitista, falaría verdade o fariseo?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s