Crónica IV Festa da afirmación e dignidade


No Pedregal de novo

 Fica lonxe no tempo aquel setembro de 1978 en que a celebración das romaxes de crentes galegos, comezo de tantas cousas,  botou a andar baixo o lema “Eu renazo galego”, proposto por Xosé Chao, quen, a título póstumo,  este pasado domingo día 2 de outubro recibiu o premio “Mans de Irimia” xunto con Ricardo Gómez Polín, na IV Festa da Afirmación e Dignidade.

Esta festa  é unha iniciativa da Asociación Cultural Xermolos e mais da Irmandade Manuel María da Terra Chá.

Como cada ano, os actos comezaron no Pedregal de Irimia, nacemento do río Miño, coa lectura por parte de persoas asistentes ao encontro, dun manifesto escrito por Baldomero Iglesias, “Mero”. En dezaseis puntos, o músico e poeta, denunciou os males de Galiza e do mundo (desfeita ecolóxica e cultural, violencia machista, falta de memoria histórica, incumprimento de promesas por parte dos políticos gobernantes)  e, xa en positivo, afirmounos no compromiso por mudarmos a situación.

7s7a0754

En nome de Adega, Adela Figueroa deu lectura a un texto, para o que se piden sinaturas, demandando a declaración do Pedregal de Irimia como Monumento Natural, xa que está a ser albo dunha explotación absurda na que a paisaxe autóctona vaise  substituíndo por eucaliptais mesmo a rentes da canle xeolóxica, do río de pedras baixo do que circula o nacente Miño.

Un representante dos presos independentistas galegos fixo un relatorio do tratamento recibido por este colectivo e, asemade, denunciou o trato e indefensión que sofren estas persoas polas súas ideas. A Audiencia Nacional –afirmou- compórtase como o Tribunal de Orden Público da ditadura franquista.

Un membro da Asociación Cultural “Avelino Díaz” leu, á súa vez, un comunicado poñendo en valor a figura do poeta que lle dá nome, veciño de Meira boa parte da súa nenez, antes de emigrar, adolescente, a Buenos Aires. Piden que a Academia lle dedique as Letras Galegas.

Por último, David Otero puxo o ramo a estas intervencións cun texto en que clama pola unidade do nacionalismo dentro da variedade, para facer coincidir pobo e nación.

7s7a0681

A  seguir fíxose a entrega dos galardóns,  esculturas realizadas polo meirense Manuel Pardo. Logo de que Xoán Xosé Fernández Abella recitase un seu poema dedicado a Pepe Chao, a súa viúva, Sari, recolleu a “Man de Irimia” outorgada á súa memoria e pronunciou unhas palabras de agradecemento. Despois, Ricardo Gómez Polín recibiu a súa e fixo un emotivo e  brillante discurso de agradecemento, a falar da súa nai, falecida recentemente, da que se celebrara o funeral o día anterior, como a muller á que declarou deber canto é, verdadeiro rostro ela de todo o bo deste país. Polín é un traballador incansábel, filólogo,  medievalista, estudoso de diversos autores da Terra Chá, así como do que el impulsou e bautizou como Camiño Primitivo e tamén autor  de moitos ensaios e edicións críticas.

A xornada rematou, tras un xantar celebrado nos Cabanóns , cun concerto na  Praza do Convento a cargo da Banda Municipal e as pandereteiras Nove Ferreñas de Meira, Miro Casabella, Mini e Mero, Tino Baz, Raúl Galego e Quintas Canella.

Un día para non esquecer.

Marica Campo

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica coas etiquetas , , , , , , , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s