Crónica


“A Romaxe faise de poesía, de música e de símbolos”

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Disque quen chega tarde, nin oe misa nin come carne. Para nós, que chegamos tarde á XXXIX Romaxe de Crentes Galegos, iso foi certo a medias. Non comemos carne ou, para o caso, o seica delicioso petisco de galleta mariñeira, queixo e mel que os romeiros puntuais recolleron a canda un fermoso marcapáxinas ao chegaren ao alto do Monte do Seixo. Un recibimento mantedor que axudou os máis madrugadores a levar con alegría a espera, pois un problema co palco fixo que se atrasase case unha hora o inicio da celebración. Grazas a ese atraso, os impuntuais oímos misa completa e aínda tivemos tempo de saudar, antes do comezo, a todas esas vellas amizades que un só atopa de ano en ano na festa irimega por excelencia.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

De emoción en emoción

A de atopar os amigos e amigas é unha das alegrías que a Romaxe nos concede cada edición, e a primeira emoción dun día cargado de emocións.  Ao rememorar o que aconteceu o pasado sábado 9 de setembro, non me veñen á cabeza as lembranzas por orde cronolóxica, senón por orde emotiva. E así, teño que empezar por falar de dúas homenaxes a cristiáns e galegos que son referentes para toda a parroquia de Irimia.

 A primeira é a homenaxe a Pepe Chao, que puxo a andar as romaxes no ano 1977 con aquel “eu renazo galego”, bautismo irimego que quixemos revisitar o pasado sábado coa auga que nos ofreceron.

 A segunda foi a homenaxe a Alexandre Bóveda, morto por ser cristián e galeguista. Alí estaba Amalia, a filla que non puido coñecer, e tamén o seu neto Valentín. A presentación que deles fixo Xabier, evocando a figura de Bóveda, e as intervencións próximas e sinceras de ambos os dous arrincaron os nosos aplausos e ergueron os nosos corazóns.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Un milladoiro irimego

Dende que tiveron nas mans os folletos co texto da Romaxe, os meus fillos e a miña sobriña comezaron a preocuparse, porque non vían por ningures a letra da Rumboia. Non habería baile ese ano?

 Ao final, houbo Rumboia e mais por partida dobre e case tripla, pois cantouse e volveuse cantar mentres unha longuísima cola de romeiros pasabamos bailando baixo a porta humana que fixeron os amigos e amigas de Capitán Gosende coas súas mans. As persoas que formaban esta porta ían caracterizadas coma xentes daquela terra que, ao longo da historia, dende o Padre Sarmiento ata os nosos días, se comportaran como “bos e xenerosos”.  Máis alá da porta agardábanos unha vida comprometida cunha Galicia nova e distinta. Cada romeiro levaba consigo unha pedra traída do seu lugar de procedencia, pedra que depositou no milladoiro irimego que fomos creando entre todos para deixar testemuño desta nosa viaxe. A Romaxe faise de música, de poesía e de símbolos coma o do milladoiro, porque, igual ca estas tres cousas, fálalle á cabeza e tamén ao corazón.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAOLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

 

 

 

 

Asistentes resistentes

Houbo moito máis, porque a celebración é longa -sempre algo demasiado longa- e dá para que por ela desfilen dende Santa Mariña ata os agoiros do tecelán de Carballás. Falouse moito de resistentes e de resistencia. Quizais para mostrar a nosa vontade de resistir outras dificultades, os romeiros permanecemos atentos e participantes na celebración a pesar de que o día se foi cubrindo cunha néboa cada vez máis espesa e fría e que mesmo choveu por veces. Nada diso puido connosco. Alí estivemos ata o final. Este ano houbo, se cadra, menos xente ca outros, pero coido que máis metida na celebración, máis interesada nela.

 “Bendita chuvia!”, berrou espontaneamente unha das lectoras dende o palco. E certo é que chuvia xa ía facendo falta. Ata foi bonito que a Romaxe fose chamar por ela, despois de tanto tempo sen que caese unha pinga con que darlle de beber á terra.

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Carballeira de San Xusto

Visto que o día se estaba poñendo complicado, a organización acordou suspender a festa da tarde. Nós baixamos o monte buscando un sitio despexado para comer con algúns familiares e amigos. Nos soportais dunha antiga escola unitaria fixemos un xantar irimego coma o de calquera romaxe e, dende alí, dirixímonos á oración da tardiña.

 Na famosa e magnífica Carballeira de San Xusto recollémonos e reencontrámonos no sosego do serán uns 100 romeiros que rematamos o día rezando e cantando.

Beatriz García Turnes

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Romaxe coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s