O peto común: OS TEMPOS DO QOHELET


Ter que preparar unha pequena celebración familiar, levoume a recordar e empregar palabras do orixinal sabio bíblico, Qohelet, que, entre tanta cousa fermosa, intrigante e desanoxada, nos ofrece o famoso texto que empeza dicindo que hai tempo e sazón para todo neste mundo, para nacer e morrer, para plantar e arrincar, etc. Recoméndovos lelo (Ecle 3,1-8), calquera que sexa o estado de ánimo no que vos atopedes neste comezo de curso, porque a todo lle dá cabida e oportunidade.

Atoparme de novo con este texto levoume a pensar que non sempre é doado romper coa actitude unidireccional sobre a que montamos normalmente a propia existencia. A min polo menos non me resulta doado. Quizabes son meticuloso, ordenado, esforzado, cumpridor, e cústame un carallo –así falaría o Qohelet— darme tempos para a folganza, para a vacación, para os tempos chamados inútiles, para a conversa sobre nada, etc. E ben vedes o perigoso que pode ser todo isto.

Compoñería e ofreceríavos con gusto o meu particular “tempo e sazón”, pero non quero meterme de máis nas vosas vidas coas miñas trangalladas. Invítovos a que entre todos, mulleres e homes, mozos e mozas, nenos e nenas, se as hai, compoñamos o noso colectivo “tempo e sazón”, porque ao xeito como van as cousas, seguro que nos viría moi ben matinar, sentir e actuar coa amplitude sentimental do noso amigo Qohelet.

Porque hai tempos para celebrar a Romaxe, e tempos tamén para construír día a día ese empeño de unir fe e galeguidade; hai tempos para ilusionarnos votando, tempos para laiarnos dos resultados, tempos para rirnos dos nosos laios, e tempos para facer País con cousas máis contundentes que o mesmo voto. Hai tempos para renegar da xente de tal ou cal partido político (e tamén de fútbol), e tempos para abrazarnos coma irmáns e irmás, e tempos para “desabrazarnos” de novo. Hai tempos para o traballo das viñas e para o gozo das vendimas. Hai tempo para dobrar o lombo na apaña das castañas e tempos para erguelo e sacudilo vizoso na festa dos magostos. Tempos para rir e tempos para chorar e volver a rir e volver a chorar e volver rir, e así ata que chegue o tempo final da morte, ao que, segundo nós, lle ha seguir tamén un novo tempo de vida.

Eu non son un Qohelet, aínda que lle quero moito ben. Non olledes para min, querendo atopalo. Pero hai xente por Galicia adiante que actualiza marabillosamente a súa mensaxe. Seguro que todos, todas, coñecedes algún. Eu teño na mente varios nomes: Ramiro, Ruben, Xosé Lois… Vós veredes.

Manuel Regal Ledo

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón) coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s