DOMINGO 9 DE OUTUBRO. XXVIII DO TEMPO ORDINARIO


A PALABRA. Lc 17, 11-19

Indo Xesús camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea, ao entrar nunha aldea, saíronlle ao paso dez gafos. Pararon ao lonxe, e dando voces suplicáronlle: «Xesús, Mestre, ten dó de nós.» El, ao velos, díxolles: « Ídevos presentar aos sacerdotes.» E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. E un deles, ao se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose, rostro en terra, aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo: «Non foron dez os que quedaron limpos? Onde están os outros nove? Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?» E engadiu: «Érguete e vaite: salvoute a túa fe.»

A CLAVE : Dos dez curados só un volve dando as grazas.

Marisa de Corme

Así é a cousa. Naqueles dez homes nos que Deus actúa so hai un crente, que se volve agradecido. Ao noso rente pasan moitas persoas, todas viven nas súas vidas experiencias de sanación, experiencias de plenitude, pero só una de cada dez é quen de volverse a Deus, de vivir no seu interior a experiencia da trascendencia, de abrir esa porta da alma que a leva máis aló de si mesma, “ao infinito e máis alá”, que dicía Buzz, o personaxe de Toy Story.  É así, e temos que saber que esta realidade non é nin mellor nin peor, simplemente é. Somos todos diferentes, cada persoa ten as súas cualidades, cada alma ten as súas barreiras e limitacións.

Non se trata de ser máis ou menos agradecidos. Xesús non fai reproches, só constata unha realidade: dos dez, so un daqueles homes sóubose tocado pola trascendencia. Mellor para el, porque foi quen de vivir a experiencia da sanación de xeito máis gozoso e pleno …foi o que perderon os outros nove!!

E así é sempre. Hai xente capaz de vivir cen experiencias diante dunha obra de arte e outras que pasean o museo sen emocionarse con nada. E, coma todas as capacidades humanas, esta tamén se educa, afóndase nela e vaise ensanchando ao longo da vida. O principiño de Antoine de Saint Exupery ensinaba a achegarse ás cousas con ollos de trascendencia. Practiquemos!!

O Eco: O que fai un cueiro

Christina

Viaxe de avión interminable, tentando durmir para esquecer o que falta, acordo irremediablemente por mor dun cheiro que acabo identificando cun cueiro sen cambiar… pobre criatura e pobres de nós que non temos como fugarnos.

Unha morea de lembranzas acedas pode comigo … triste remoer de fracasos e decepcións, todo nunha pila. O moito bo que tamén traio non aparecía por ningures.

Cando toca, toca, e non hai quen se libre das noites pechas e fedorentas que paralizan o corazón.

A lepra do pensamento é peor que a do corpo, non atopas ás veces como tirala de riba e mesmo semella sen saída, leva moitos nomes como depresión, desalento, desespero, desasosego… comezan por “de” e o mesmo se activan por un cueiro fedorento abandonado que polo resultado dunhas eleccións. Para isto papei tantas millas polo ar? para isto retornei á terra?

Como podo, volto ó pé do Mestre, no avión e hoxe, domingo tristeiro como poucos, vou lendo a consigna e remoéndoaa: voltar. Si, voltar, voltar sempre ao seu carón para avaliar o meu baleiro, a miña impotencia cansona (adxectivo colombiano que se entende sen dicionario), a miña lepra teimosa, voltar para decatarme que só me libera do mal unha palabra: Grazas.

E sobre todo nunca esquecer voltar, unha e outra vez onde ti que nunca cansas e deixarse caer nas túas grandes mans cheas de callos de tanto sosternos. Sí, voltar, sempre e pronunciar …Papá, papaíño meu, noso papá… e caer durmida.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en boa nova coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s