COÑECERNOS A NÓS MESMOS É UNHA TAREFA QUE SUPERA UNHA VIDA


Entrevista con Manuel Cabada

Conversamos con Manuel Cabada Castro e falamos sobre o seu último libro, Galicia. Raíces e compromiso, publicado pola editorial Ir Indo. Natural de Sabucedo (A Estrada), a súa ampla formación académica levouno até Alemaña, onde foi discípulo de Karl Rahner, quen dirixiu a súa tese doutoral. Profesor universitario na Complutense e Madrid, ademais dos seus traballos sobre filosofía, a súa reflexión noutros campos sobre Galicia estivo sempre presente e este libro é unha proba de gran calidade.

Por que a necesidade de escribir un libro coma este?

Vivín moitos anos fóra de Galicia, mais levábaa e sigo a levala moi fondo dentro de min. Non sei se a outros lles pasou o mesmo. Dedicara xa a esta temática varios libros, artigos, etc., pero eran temas en definitiva parciais ou sectoriais en relación coa temática galega. Sentía a necesidade de ofrecer a un público máis amplo -desde o punto de vista da miña propia formación e dedicación filosófica, antropolóxica e en certo grao tamén teolóxica- a miña propia visión sobre Galicia. Era consciente de que había xa estudos especializados sobre diversos aspectos desta temática, mais tiña a impresión de que faltaba unha visión más conxunta e xeral sen deixar por iso de manter un nivel digno.

De entrada presentas a proposta de que como galegas, cómpre comprendermos quen somos. Non nos coñecemos? Non nos comprendemos?

Comprenderse ou “coñecerse a si mesma/o” é tarefa que supera unha vida. Isto vale de maneira xeral. Mais o propio coñecemento e comprensión tórnase especialmente difícil e traballoso cando, en canto galegas/os, pertencemos de feito a un país, nación ou como queiramos denominalo, que desde séculos está social, cultural e politicamente marxinado e negado en canto diferente. Por iso no libro busco pola miña parte, antes ca nada, informar e máis informar!

Defende a especificidade da cultura galega, a existencia dunha idiosincrasia propia, dun feito diferencial respecto do resto do Estado. Non lle preocupa que se entenda que está a enfatizar o que nos “separa” dos outros habitantes do Estado, sobre os aspectos que nos unen?

A verdade é que iso non me preocupa en absoluto, aínda que admito que alguén poida ler o escrito desde ese punto de vista. Non hai cousa que máis separe ca o mutuo descoñecemento entre as diversas culturas, linguas, etc. xunto coa errónea idea de que o mellor modo de conviviren as diversas culturas é tender (utilizando os medios que sexan, directamente violentos ou non) a uniformar ou unificar linguas, culturas, etc. Este tipo de “unidores” ou buscadores dunha única cultura (por si mesma presuntamente máis digna) son os verdadeiros separadores e os meirandes inimigos da convivencia.

No libro fala  de que a dispersión da poboación no noso país, a ocupación do espazo, unha tendencia á “ruralización”, é un dos aspectos que dun xeito moi visible, marca a diferenza entre Galicia e o resto da península. A que responde este feito?

Este xeito de dispersión galega, debido en boa parte á mesma xeografía e aos moi antigos modos de habitaren xa así dos nosos predecesores, marca fondamente o noso modo de ser, a nosa cultura (entendida sempre esta no seu estrito sentido antropolóxico). Por iso resultou tan grave e traumático o abandono masivo do mundo rural en Galicia, continuando a ser aínda hoxe un dos factores que moi probablemente máis contribúen á desconexión cosa nosas raíces.

Falas da feminización ou da valoración xeral do feminino na cultura galega, que abranguería desde o plano íntimo da afectividade até a nosa relación co contorno, coa paisaxe. Cales serían os trazos fundamentais desta cultura maternal galega?

Historicamente a muller é un elemento decisivo e omnipresente na cultura galega por moi diversas razóns, como a relevancia do fogar, da terra, da estabilidade familiar, etc. A longa historia de dependencia e sometemento político de Galicia contribuíu fortemente, por outra parte, a que sobre todo os varóns se visen abocados frecuentemente a viviren e traballaren fóra dos eidos familiares e do territorio galego. De aquí que a muller galega sexa tradicionalmente portadora e transmisora de afectividade e de cultura, mais tamén, ao tempo, de fortaleza, laboriosidade e sentido práctico e dirixente, calidades que noutras culturas adoitan ser consideradas como patrimonio dos varóns.

No primeiro dos apartados do libro, presenta unha serie de características que, desde o teu punto de vista, identifican e singularizan a nosa cultura: a saudade, o sentimento e a interioridade, o espírito libre, a ironía, entre moitas outras. Achega unha perspectiva moi positiva das mesmas. Por que cre que tradicionalmente se enfatizou moito máis os posibles aspectos negativos destas características?

Os antropólogos falan de choques entre culturas. Un choque cultural adoita ter como consecuencia o sometemento dunha cultura, técnica ou politicamente máis feble, a outra máis forte e poderosa (nese mesmo sentido). Dende máis ou menos finais da Idade Media, Galicia iniciou unha longa andaina de dependencia social, humana e política, que supuxo nos “invasores” ou “colonizadores” unha visión dos nosos modos de ser, de falar e de nos comportar como inferiores, ridículos, etc. Nós eramos no século XI os “indios de Europa”… O segundo paso, case máis perigoso, é o de asumirmos nós mesmos dalgún modo esa deformada visión sobre nós  dos de “fóra”.

Deteñámonos no apartado dedicado ao humor e na ironía. Salienta o recoñecemento do humor tanto “popular” coma “literario” galego. Por que, pensa, que se impón socialmente o tópico do andaluz como sinónimo do humor, fronte ao galego reservado e serio?

Non me atrevería eu a falar dun “humor” andaluz a non ser nun senso amplo desta expresión, aínda que nisto son naturalmente os andaluces os que teñen a palabra. O humor galego si que é en xeral recoñecido como unha das manifestacións máis específicas da nosa cultura. O que ocorre é que o “humor” galego require para a comprensión e o coñecemento da súa función unha suficiente inmersión na nosa cultura, cousa nada doada para os que non participan dela. De non ser iso así, o noso humor vén percibirse como algo excesivamente sutil e distante ou incluso opaco. En troques, darse conta do noso talante galego “reservado e serio” non semella requirir sutilezas especiais.

Salienta en reiteradas ocasións que Galicia é un país que sufriu unha forte dependencia cultural e política. Fala mesmo, citando outros autores que o noso País se podería considerar unha “terra de colonización”, un territorio colonizado por Castela.

Para min iso é algo ben claro cando un se debruza un pouco nos avatares da nosa complicada historia. Boa parte do estudo dedícase a amosalo. O que ocorre é que estamos moi condicionados por unha determinada “historia” oficial, que empeza felizmente xa a perder, aínda que só paseniñamente, as súas interesadas seguridades.

Nesta liña, sitúa no principio do s. XVI, no reinado dos Reis Católicos, a consolidación definitiva desta situación de dependencia. Un feito que non se limitaría unicamente á marxinación da nosa cultura, senón a unha explotación económica dos nosos recursos, postos ao servizo de elites foráneas.

Así é. A dependencia, para ser útil e propicia aos poderes fácticos que a instauran, tiña que abranguer o conxunto de todas as dimensións nas que está estruturada a cultura ou o país en cuestión. Abrangue, pois, a dimensión política estritamente tal, a lingua, a economía, etc. Só así pode resultar verdadeiramente eficaz unha intromisión allea. E canto menos perciban os afectados pola dependencia esta mesma dependencia, tanto mellor e más cómodo para os seus planificadores.

E nesta liña, vincula esta explotación foránea coa pobreza en que vive a poboación galega ao longo da Idade Moderna e Contemporánea. Cre que se pode dicir que o atraso actual que presenta a economía galega teña estas bases?

Cando unha sociedade ou un país se ven desprovistos, debido a unha interesada intromisión foránea, das súas propias posibilidades de goberno e desenvolvemento, fica necesariamente á mercé dos intereses foráneos (tamén loxicamente económicos) que lle son impostos, e non dos propios. Son diversos os estudos (algúns utilizados no libro) que aluden a que tal situación repercutiu tamén dunha ou doutra forma no precario e tutelado desenvolvemento da economía galega ao longo dos tempos.

Ademais dos sucesivos reis de Castela, sinala a Igrexa coma o outro grande factor para o empobrecemento de Galicia e da súa dependencia cultural. Poderiamos concluír que a Igrexa xogou un papel nocivo para a nosa cultura?

Prescindindo naturalmente da súa incidencia relixiosa estritamente tal sobre as xentes galegas, a Igrexa, desde un punto de vista xerárquico e organizativo, accedeu tamén a Galicia, e moi maioritariamente, “de fóra”. Traía polo tanto consigo unha cultura, lingua e modos de ser que non eran os do País galego. As diferenzas neste sentido entre o ocorrido, en relación coa Igrexa, en Cataluña ou no País Vasco son ben patentes. Pódese dicir que a Igrexa segue a ter aínda nesta cuestión unha débeda histórica con Galicia.

Con todo, refírese ao longo do seu libro ás reflexións e á visión que achegaron os frades Martiño Sarmiento e Benito Feijoo. Cre que ambos os dous teñen o recoñecemento histórico e social que deberían?

Coido que habería que distinguir, con todo, en canto á relevancia de ambos os dous en relación con Galicia, a Sarmiento de Feijoo. No que ten que ver coa temática do libro, Sarmiento é moito máis decisivo que Feijoo. O primeiro é un fóra de serie e un perspicaz adiantado na súa visión da problemática cultural, tanto histórica como lingüística, de Galicia. Se se atende a este seu tan importante labor pioneiro, pódese dicir que Sarmiento é aínda un descoñecido, a pesar do coñecemento (limitado en calquera caso) que hoxe se ten de bastantes dos seus escritos.

Cita a Rosalía para amosar a visión moi negativa que existía de Castela e dos casteláns no s. XIX. Pensa que existe unha visión parecida na actualidade?

A visión de Rosalía sobre Castela está sobre todo en relación co tema da sangrante emigración galega, ben sexa temporal (a Castela) ou a outros países. O que pode ter de limitada tal visión en canto relacionada cunha determinada época histórica non o ten, porén, se se ven as cousas desde un punto de vista máis xeral, en canto que Rosalía foi moi consciente da discriminación de Galicia e loitou coa súa pluma contra o sometemento da nosa cultura a instancias alleas. Faríannos falla aínda hoxe moitas Rosalías que soubesen levantar a súa voz contra a crecente diminución do uso da nosa propia lingua fronte á ubicua presenza do castelán.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s