O tempo da Aldea: Cooperativa veciñal de Rebordechán (Crecente)
(*) Este artigo está composto con textos tomados da web de “tempo de aldea” (https://about.me/otempodaaldea) , así como do artigo de Marcos Pérez Pena en Praza Pública (http://praza.gal/movementos-sociais/12607/rebordechan-a-aldea-que-se-organizou-para-ter-un-futuro/)

As aldeas do século XXI teñen pouco que ver cos recordos, coa historia e historias que gardan a memoria dos nosos pais e avós. O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega nace co obxectivo de poñer en valor e explotar os recursos da parroquia para crear postos de traballo e diminuír o risco de incendios, para darlle nova vida á aldea. A horta e os animais compartirán espazo nun contorno natural único, nunha parte do monte da aldea de Rebordechán.
Rebordechán (Crecente) é unha parroquia duns 50 veciños, Unha aldea de tantas, desas que hai espalladas por Galicia con demasiados funerais e ningún nacemento. Para evitar o último dos enterros, o da aldea en si mesma, había que dar pasos importantes que requerían do compromiso coa terra dun grupo de veciños ou persoas cun vínculo estreito coa parroquia. A proba dese compromiso está na recuperación de festas tradicionais como o Entroido, o Magosto ou ir cantar os Reis, e na creación doutras novas como a Romaría do Castriño, a Noite da Moura ou a Festa dos Cativos. Está na loita pola mellora de accesos e infraestruturas.
No ano 2007 a Comunidade de Montes promoveu un proxecto de recuperación integral da parroquia baseado no aproveitamento dos recursos propios. O toxo que medra no monte serve de alimento a cabras, cabalos e porcos celta. Deste xeito lóitase contra os incendios e obtense carne de excelente calidade. A horta será unha compoñente fundamental do Tempo da Aldea sen esquecerse do viño, a froita, o mel… No contorno atópanse castros celtas, pontes medievais, cruceiros… Puntos de interese das moitas rutas de sendeirismo que vertebran a parroquia. Para poder gozar de toda esta riqueza, os veciños pensan na creación dun campamento e no aproveitamento das máis de 20 casas pechadas que agardan a todo aquel que queira achegarse.

A parroquia foi perdendo poboación, ata ficar nuns cen veciños e veciñas
O 9 de novembro de 2012 O Tempo da Aldea pasa a formar parte do rexistro de cooperativas da Xunta de Galicia. O pasado 26 de xuño, o Concello de Crecente, previo informe favorable da Xunta, aprobou darlle licenza de obra para a construción dunhas cortes para cabras, a instalación dun invernadoiro para horta ecolóxica e a dun campamento con tenda e restaurante incluído.
Os 77 socios estamos hoxe máis convencidos ca nunca de podermos adaptar os vellos recursos ás novas demandas, de poder demostrar non só que a aldea está viva, senón que lle queda moita vida por diante.

80 cooperativistas e a comunidade de montes impulsan a iniciativa
O necesario apoio da administración
Os socios e socias que forman parte da cooperativa e a propia comunidade de montes realizaron nos últimos anos achegas importantes, pero para completar a iniciativa O Tempo da Aldea necesita máis financiamento, ao redor de 200.000 euros, co obxectivo de poñer en marcha actividades que consigan que o proxecto xere ingresos dende o comezo, e sexa economicamente autosostible.
Unha axuda que, de momento, non chegou dende a Administración. “O noso proxecto explícase en dúas liñas: en Galicia hai preto de 2.000 aldeas abandonadas e outras tantas a piques de desaparecer. Nós queremos aproveitar os recursos da aldea e do monte, xerar postos de traballo, acabar cos lumes e achegar unha idea para o futuro do rural galego. Levamos moitos anos coidando do noso pasado e chegou o momento de dar un paso adiante. Ofrecemos unha solución privada a un problema público e político: o despoboamento do rural”, explican. “Nós fixemos o noso traballo, o proxecto está completamente deseñado, a responsabilidade de que o rural estea vivo é das administracións”, salienta David Lourido, vogal da cooperativa e responsable de Comunicación.
Destacan que a relación co Concello é boa, pero aínda que a finais do pasado a Deputación de Pontevedra lles abriu nun primeiro momento as portas, dende O Tempo da Aldea denuncian que non volveron ter noticias do ente provincial, ao que lle dedicaron hai uns días unha carta aberta. A relación coa Xunta non é mellor: “É moi rechamante que un proxecto coma o noso, que busca tirar proveito dos recursos do rural e do monte, para protexelo, conservalo e potencialo, aínda non atopou cabida en case que ningunha liña de subvención”, destaca Lourido.

O proxecto quere aproveitar os vizosos recursos naturais dos que goza a zona

O proxecto de revitalización da aldea esta deseñado ao detalle, pero necesita financiamento para completarse