O trasno: Os tigres son malos pastores


As empresas multinacionais non teñen bondade nin maldade. Ser bo ou malo predícase das persoas: as multinacionais son o que son e non poden ser outra cousa. Son maquinarias inmensas para facer negocio, produciren ganancias, beneficios que se apropian privadamente os xestores e propietarios, tratando, si ou si, de pagar o menos posible ao fisco, procurando o menor custo e o máximo beneficio. Sen piedade, porque a piedade é cousa nosa, non delas. Falar de “humanizar” unha multinacional é como, con permiso dos frades budistas, tratar de facer vexetariano a un tigre.

Por iso os cidadáns europeos –e calquera cidadán da aldea global, aló onde exista algo parecido a unha democracia- ten dereito a que existan poderes públicos democráticos que… Punto primeiro: non nos veñan coa andrómena de que as multinacionais son tigres vexetarianos. Punto segundo: se poñan do lado da xente para que os tigres non nos papen vivos. Punto terceiro: non cambien nunca de bando. Con iso, en principio, abondaría.

Vén isto a conto do que, grazas aos xornalistas investigadores dos paraísos fiscais, neste caso das Bahamas, acábase de descubrir que nada menos que Neeli Kroes,a ex Comisaria Europea da Competencia, figuraba como directora dunha desas sociedades opacas –multinacionais en negro, digamos. Ela di que foi antes de ser comisaria. O sentido común di que alguén que dirixiu unha empresa nun paraíso deses, creado para evitar pagar impostos no seu país, Holanda, non pode en ningún caso ser Comisaria Europea. Porque está do lado dos tigres. Unha labazada máis ao mito da Europa democraticamente modélica.

E con Durao Barroso, o que era daquela presidente da Comisión, pasou algo parecido, pero “despois”. Porque cruzou unha desas portas xiratorias e pasou a traballar para Golman Sachs, o xigante bancario privado que foi, en boa parte, responsable de falsificar as contas públicas de Grecia, o que desencadeou todo o que veu despois.

Todo isto parece un embeleño, pero é moi claro: nin o raposo vai coidar do galiñeiro, nin o tigre do rabaño. Neste xogo, cadaquén no seu papel.

Alguén se sorprendeu das palabras de Francisco en Estrasburgo, no Parlamento europeo, hai poucos meses, referíndose ás multinacionais e aos poderes financeiros que secuestran a democracia. Pois si, secuestran a democracia captando aos que mandan, e disfrazando os tigres con roupas de pastor.

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s