25-S: Claves e desafíos


EDITORIAL

Feijoo levou a metade do electorado. Gañou en todos os concellos, quitada A Capela, Negueira de Muñiz, Pedrafita, Parada de Sil, Ribas de Sil, Vilar de Santos, Entrimo, Calvos de Randín, Fornelos de Montes e a Illa (nesta ocasión, si que cómpre citalos). O triunfo numérico é incontestable, xa que os seus 676.676 votos superan os 644.952 que xuntarían os tres opositores significados (En Marea, PSOE e BNG).O cambio desta volta non foi posible.

O medo a unha suposta inestabilidade e inexperiencia, a prevención fronte ao descoñecido, o recordo dunha xestión “alegre e imaxinativa” do orzamento público en tempos de superávit e de vacas gordas…, ese tipo de percepción puido ser decisivo. Un hábil manexo do argumento da solidez, da disciplina orzamentaria e da unidade granítica (co pano de fondo do que pasa nas Cortes madrileñas), todo debidamente amplificado polas radios e televisións “oficiais”, fixeron a súa parte. Sen esquecer, quizais, a propina dun populismo neogaleguista, morno, baleiro e repetitivo (“Galicia, Galicia, Galicia, si, si, si”) e ese contundente marcar distancias coas siglas do PP español e da súa contaminada carga de Bárcenas, Barberás e púnicas. Feijoo xogou ben as súas cartas.

Fálase de que, en relación coa posible alternativa, en relación con ese tripartito posible, os votantes castigaron a desunión. É unha análise demasiado fácil. A diversidade é un feito co que hai que convivir, que habería que ser quen de xestionar e que se pode explicar. A diversidade ben xestionada pode gobernar, pode convencer da súa viabilidade, con palabras e con feitos. Aínda máis: desta volta, as tres figuras significadas –Villares, Leiceaga e Pontón- transmitiron en campaña un talante moi favorable ao entendemento, mesmo cordial. E transmitiron algo máis, de grande importancia: máis calidade humana, máis capacidade e máis rigor do habitual. A culpa non é da diversidade, nin dos candidatos, senón, entre outras cousas,  da improvisación, do “fogo amigo” e dos males crónicos do electorado de esquerda.

É por aí, por onde aínda hai moita leira que labrar e moitos deberes que facer. Con respecto ás expectativas teóricas e máximas, En Marea quedou por baixo e PSdeG-PSOE (habería que dicir, Leiceaga), tamén. O BNG fixo ben os deberes, remontando uns prognósticos agónicos.  

Porén, En Marea, obxectivamente falando, tivo un bo resultado.  Foi vítima, iso si, das súas alianzas madrileñas e do efecto suflé dun Podemos que un día entusiasma, ao seguinte desconcerta e ao outro comeza a anoxar o persoal. A complexa arquitectura do proceso de confluencia non lle quita mérito ás bases galegas da Marea, todo o contrario, nin a un candidato excelente –que irá gañando a experiencia que lle falta-,  que conseguiron unha plataforma única, feita en Galicia e desde Galicia, pero que posiblemente acabou pagando os pratos escachados dos politólogos da Complutense.  Quizais tamén esa complexidade dos procesos, non sempre doados de entender e de explicar, provocou que a convocatoria de eleccións, habilmente adiantada por Feijoo, os pillase fóra de xogo, con case todo por facer ou, que remedio, que improvisar. Esa foi a percepción xeral.  

Leiceaga foi, con moito,  o mellor candidato socialista en anos. Por talante e por talento. Pero o PSOE brilla, abraia, pola eficacia e a cantidade do fogo amigo. Non precisan inimigos.  Caín contra Abel –ou para sermos exactos, neste caso, Abel contra Xoaquín. Un odio imposible de explicar. Eles non precisan rival. Eles mesmos son os que con golpes baixos e xogo sucio se canibalizan con deleite. Bo proveito, donas e cabaleiros!

Ana Pontón, estivo sólida e brillante, xa desde o debate, ese que Feijoo non quixo repetir por se acaso. O contrapunto de Mini foi máis ca un acerto, porque rompía os esquemas: as súa intervencións non eran mítins, senón testemuña persoal, algo tan sincero e poético como convincente. Moi de agradecer.   

O “voto do cambio”, da indignación famosa, é voluble. A participación medrou, pero só pola mañá. O da tarde non medrou. Hai unha perseveranza e unha paciencia no voto da dereita que non existe no voto do cambio. Con tales vimbios non saen ben os cestos.

O problema non estivo na campaña senón na lexislatura. Vista desde o labor opositor, foi bastante pobre. O desafío en Galicia é tecer unha oposición madura, preparada e concertada desde a diferenza, desde a diversidade aceptada, deseñando unha batería de medidas e propostas para os temas clave dunha lexislatura. Presentar alternativas, cambios de enfoque, botar os números, convertelos en plans de acción… E facelo como oposición coordinada que ten vocación de xestionar un posible cambio. Porque en Galicia non haberá cambio sen que eses tres actores políticos (Mareas, PSOE e BNG) fagan un esforzo real e non finxido de cooperación. Hai catro anos para preparar esa acción coordinada. Oxalá captasen a mensaxe.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s