Economía – San Froilán 2016, meigas fóra?


O San Froilán deste ano caeu enmeigado polas artes dunha bruxa que alterou os tranquilos plans dos hostaleiros que tradicionalmente se viñan facendo coa explotación das casetas e caldeiros de polbo sen competencia ningunha.

A sorpresa saltou o día no que se soubo que, en tres das catro casetas e nos catro caldeiros que se licitaban, había máis dunha oferta, algo que ata ese momento viña sendo pacificamente consentido, supoñemos que en base á sabedoría popular que pregoa que se algo funciona non o debes tocar. E, polo visto, as casetas dos nosos hostaleiros sempre foron un dos triunfos fixos do san Froilán.

Pero o Dereito Administrativo non sempre comunga coa sabedoría popular. E, aínda que postos a elixir, todo o mundo prefire aos abusóns propios que aos de fóra, a lei obríganos a competir, aínda que non queiramos. Cando manexamos cartos públicos estamos obrigados a abrir ao máximo as licitacións para conseguir, sobre o papel, a mellor oferta posible tanto para a Administración, que recada os fondos, como para o cidadán, que vai utilizar os servizos.

Hai veces en que simplemente atrasando unha licitación dificultas a concorrencia. Parece difícil que en períodos curtos de tempo, coma é o caso, un adxudicatario deseñe e adquira a tempo todo o necesario para a posta en funcionamento dunha caseta. É normal que os que xa teñen as casetas doutros anos partan con gran vantaxe se non se licitan as cousas con tempo abondo para poder compensar esa vantaxe de partida, sobre todo se queremos aumentar a concorrencia que, a simple vista, debera ser un fin necesario en toda licitación.

O problema é que cando non definimos ben unha licitación, é doado que se coen intrusos, aqueles que non teñen demostrado que teñen capacidade suficiente para executar ben un servizo. A iso chamámoslle solvencia. E sobre ela podemos comentar varios aspectos de todo o que se leva dicindo nestes días que se deben aclarar:

Pode un licitador facerse cunha adxudicación sen capacidade de obrar? Non. Debe ter a habilitación profesional requirida e ademais debe figurar esa actividade dentro do seu obxecto social como moi tarde no momento de presentar a oferta, que é algo que o seu representante debe declarar por escrito dentro da súa oferta.

A Unión Europea prohibe a solvencia nas licitacións? Non. O que proscribe a UE é a solvencia abusiva, que é aquela que se dirixe a eliminar a concorrencia nunha licitación. Un exemplo de solvencia técnica abusiva sería admitir unicamente aos licitadores que instalaron unha caseta de polbo nas festa do san Froilán dos últimos cinco anos. Sería abusivo e de traca, pero cousas parecidas xa se viron por aí. Iso non impide que se deba esixir algunha solvencia, como podería ser a de ter explotado casetas de restauración de tamaño análogo nos últimos cinco anos. Esa solvencia non é que se poida poñer, é que se debe poñer para evitar que empresas alleas ao sector, de seren adxudicatarias, poidan montar unha desfeita. Esa mesma solvencia se podería matizar simplemente pedindo experiencia no sector da hostalería e restauración por importe análogo ao que se agarda conseguir.

Tampouco ten que ser o prezo o único criterio de valoración, cando pode que nos interese tamén que nos presenten deseños de casetas innovadores, servizos especiais, ou calquera tipo de melloras que poidan contribuír a dar un mellor servizo. Aínda que tampouco está de máis recordar que o mellor impulsor da calidade dos postos fomos sempre os usuarios que premiamos ou castigamos coa nosa presenza as que mellor servizo nos foron dando nos últimos san froiláns.

Tampouco debemos obviar que presentarse a unha licitación simplemente para obter negocio, é dicir en fraude de lei, está máis cerca do Código Penal ca do Dereito Administrativo. O tempo dirá cales son as intencións dun empresario que quere facerse con todo o negocio do polbo do san Froilán (salvo unha caseta) presentando nas licitacións dúas ofertas separadas por un céntimo. Evidentemente haberá que revisar a forma de licitar futuras casetas e caldeiros. Mentres estaremos expectantes, aínda que este artigo chegará as vosas casas cando xa saibades o desenlace deste apaixonante episodio lugués empolbado.

Pedro Pedrouzo Devesa

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Economía coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Economía – San Froilán 2016, meigas fóra?

  1. Xavier Nogueira di:

    Aos nosos labregos, polbeiros, carniceiros e demais pequenos empresarios autónomos debíanos levar obrigatoriamente a visitar o barrio de Salamanca madrileño, ou o de Pedralves barcelonés, ou o “casino de labradores” de Sevilla, entón (algúns) daríanse conta do concepto que teñen deles aqueles aos que aplauden ata partiren as mans, nas campañas electorais. Algún aprendería algo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s