Xente d’Eiquí – Ramón e Efigenia, da parroquia de Oirán


Nova sección!

A Galicia de abaixo arriba, a real, a voz dos que sosteñen o País sen propagandas, os méritos dos que non fan concursos de méritos. Esa é a xente que vive nun lugar chamado Eiquí. Todos coñecemos a alguén, son moitos e moitas. Teñen voz, simpatía a eito, retranca, humanidade en acción, ese heroísmo calado, feito de pequenas grandes historias. Eses son os protagonistas desta nova serie que hoxe inauguramos na nosa revista.


Ramón e Efigenia, da parroquia de Oirán 

Efigenia e Ramón viven en Oirán, concello de Mondoñedo, lindando xa con Foz. De a cabalo do interior e da mariña. Gandeiros e labregos de orixe e gandeiros e labregos de profesión. Agora están de retirada. Transitaron por todas as fases do campo galego: a subsistencia, a mecanización,  o  aumento da produción, e o incerto momento actual. Teñen un fillo que é técnico agrario, mais non exerce no lugar, se non que traballa levando conta e control dos pementos de Herbón e impartindo cursos que se sabe cando se dan pero non cando se cobran.

normal_00000000parroquias005

E logo ti de quen vés sendo?

efigeniaEu son “Figenia”. Filla de Eladio Moreda García e da “viúva”. A miña bisavoa materna tivo 7 nenos. O meu bisavó creu que lle morrería a muller porque un can se lle enguedellou na perna ao tempo que lle ouveaba. Contoullo con desacougo a un veciño no muíño. Era un muíño de propiedade que só moía para a casa. De volta, meu bisavó morreu. Dende aquela, foi a casa da viúva. Son bisneta de muiñeiro.

Miña nai casou cun veciño da parroquia. Eran primos terceiros. Fomos dous irmáns. Son a maior.

Como foi a túa escola?

Fun á escola na parroquia: 60 pícaros e pícaras. Comecei aos sete. Cando fun xa sabía ler,  mais non escribir. Sabía tamén sumar e restar aínda que non multiplicar. Ensinárame miña nai. Botei pouco tempo na escola. Con 8-9 anos comecei a facer pequenos traballos entre os veciños para gañar para o tabaco de meu pai. Fun á escola ata os 14 anos pero non todos os días. Logo, miña nai enfermou e púxenme á fronte da casa. Tiña ansia de aprender:  coser, cociñar… e non tiña oportunidade. Fun aprender a coser a Carballido, unha parroquia que testa coa nosa, durante 3 meses e 17 días. Non me gustaba pero necesitábao xa que non se podía comprar roupa e tiñamos que recompoñer a que había. E traballaba na casa: vacas, labrar o trigo, o millo, criar cochos …

E ao pouco casaches..

Non. No 1971 fun servir a Donostia. Eu nacín no ano 45. Fun con 24 anos. Marchei porque pensei que alí tería oportunidade de ver e coñecer algo. Ver mundo e aprender. Botei 2 anos e medio.

E logo por que deches volta?

ramon-e-efigeniaPolo mozo, que despois foi e segue a ser o meu marido. Logo xa me dediquei ao campo. Eu non cambio isto pola cidade. Temos tranquilidade a pesar dos desgustos e traballos. Aínda que traballo aquí máis nun mes ca un ano en Donostia. O meu maior aprecio é o noso fillo. Pensando nel, por veces cavilo que sería mellor telo criado nun lugar algo máis grande. Aínda que fose unha vila. Na aldea todo é distante, sobre todo se pensas nos transportes que daquela había. Cando tiñamos escola na parroquia a cousa era mellor. Desde que xa non hai escola,  perdes o seu contacto. Marchaban de mañá e volvían á tardiña. Gustaríame ter estado máis preto del antes de que fose para a universidade. Con todo, puiden darlle unha carreira.

E agora en que lerias andamos?

Agora, de xubilada, sigo a traballar. Pero perdes facultades. Tes que ter algo que che obrigue porque se non, que fas? Poñerte diante da tele? Teño 3 vacas que me manteñen en forma o corpo e a cabeza: vou á herba, limpo a chousa e  o monte…  O outro día pasei a debrozadora e agora dá gusto velo. Coido das galiñas, coellos, algunha ovella… Gústame ter o gando porque me fai sentir útil. Tamén hai que limpar e ter conta da  casa pero prefiro pasar máis tempo coidando a horta ou os traballos de fóra.

E que che preocupa?

O fillo. O traballo non o ten asegurado e xa vai en 40 anos. Bota currículos e está todo saturado. A vellez non me preocupa tanto. Non me animo a amañar máis a casa porque o fillo está lonxe e non tira para aquí. Está moi lonxe, en Santiago.

E o futuro da parroquia: Todo a bravo, portas pechadas, casas sen xente. Todos vellos. O último neno nado na parroquia ten 7 anos. Seremos 90 persoas, e polo 1960, eramos 300. Neste lugar eramos 23. Agora somos 5 e todos ben maiores. Daquela comezou a emigración e foise a menos. Os emigrantes viñan con vestidos novos. Estaban dous días. Poñían aqueles vestidos e todos abraiados. Eu en Donosti comecei cobrando 4.000 pesetas e cheguei a 8.000 sen pedir subas. En ano e medio viña con vestidos novos variados. Na misa a xente víame ben vestida aínda que non tivese peseta na cartilla. Traía tres vestidos, para cada domingo o seu, e  parecía rica.

Sempre pretendín cambiar as cousas, non ser conservadora. Saín polo mundo, coma criada para Donosti e aprendín a pensar e comparar. Ao chegar aquí a miña mente estaba máis aberta. Dei con curas (eu era moi relixiosa) que tamén me ensinaron a pensar, xa que pensaban diferente do que te rodeaba. Tamén mestres que pasaron por aquí. Tamén cursos, viaxes da extensión agraria, veterinarios…

Gustaríame pasar os derradeiros anos aquí. Que alguén me vaia axudando en traballos que eu xa non poida facer.

E ti Ramón?

ramonNacín na casa de Ramón de Romualdo, na aldea da Madeira, en Oirán, no 38. Meu pai era Antón de Romualdo e miña nai María, que naceu en Santa Cilla (Foz). Meus pais vivían do campo. Tiñan 5-6 vacas, ovellas, polos, besta, coellos, galiñas, cochos. Con 7 anos fun á escola, da parroquia, ata os 14. Eu ía sempre. Non faltaba. Na escola estabamos todos xuntos. Aos 14 anos dediqueime ao campo. Eramos dous irmáns.

Con 21 anos fun ao servizo militar. Casei con 36 anos. Sempre fun amigo de estudar e ler:  libros, prensa…Tanto Figenia coma min. Gustoume sempre escoitar, intercambiar opinións, falar cos veterinarios que exercían por aquí, ía á  Cámara Agraria para ver de tratar da  limpeza dos camiños, das posibles melloras na parroquia; incluso falar coa Garda Civil, na que había de todo. Cos curas non tiña relación. Non é que non fose crente pero víaos lonxe de min. Logo comezou a haber alcaldes cos que podías falar dos servizos da parroquia, e iso aínda en tempos da ditadura. Todo era moi limitado, porque case que non ousabas expresarte diante de curas, mestres, médicos… pero ías aprendendo.

Xa dixen que traballei no campo: vacas de carne e logo de leite. Estudamos ao fillo. Atendemos aos montes, á horta, participamos na sociedade de produtores de leite. Axudei no que puiden aos veciños coa electrificación, as pistas, a traída de auga…

O que máis valoro da contorna é a natureza, a miña casa, o traballo cos animais, a liberdade que sinto. Non me gusta un edificio. E estimo ben os encontros veciñais que mantemos: o Magosto, o Entroido, o Lume Novo e o 15 de agosto. Xuntámonos no local da asociación de veciños a xantar e festexar.

Como albiscas este tramo final do teu percorrido?

Véxoo con preocupación. Menos xente, os campos quedan abandonados. Perdes relación, non saes, traballas menos, relaciónaste só con vellos e… faste máis vello aínda. Non percibo que vai ser da xente nova e preocúpame. Cantas veces matino niso de ter que mercar fóra o que podemos producir aquí, que che parece?

Cando non poida, quixera seguir na miña casa, véndome cos maiores coma min, comer xuntos aínda estando cada un na súa casa, na parroquia, pagando a alguén que nos fixese a comida, axudarse entre todos para  ir á farmacia, ao médico, ás compras; ter un local común, no canto de estar soíños. Unificar servizos e axudármonos

E namentres?

no-monte-de-oiranMentres… aquí me tes. Mirando polos montes e as vacas, preparando na horta, as patacas, o repolo, as leitugas, as cebolas… Tamén nas froiteiras, as mazás, as castañas, as noces, as peras… Recollendo e conservando para o inverno, facendo vida, coma fixen sempre.

 

Marta Sopeña

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Xente d’Eiquí coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s