O trasno – Conservar innovando: o dilema das Fachas


O folión das fachas ou a queima das fachas (así en feminino, que en galego indica tamaño grande) celébrase en Castelo (Taboada), no cume do Castro, o sete de setembro. E tamén, días despois,  no Castro da Besta, parroquia de San Martiño de Vilelos (O Saviñao), no último venres de setembro.

Dá que soñar cun pasado castrexo, cunha Ribeira Sacra acendida, de castro en castro, no equinoccio de setembro, como querendo recordarlle ao sol outonizo que non teña présa en marchar, que ten que rematar a faena porque  a colleita precisa aínda del, na súa aparente febleza.

A secuencia é impresionante. Os elementos comunitarios sorprenden. A vontade da parroquia toda por gardar a tradición é exemplar. Comeza, por parte de cada familia, por unha recolección nos meses de verán,polos soutos adiante, dos agucios (esa planta rechamante, con aspecto tropical, que noutros sitios de Galicia chaman abrótega ou tamén lumbrieiro). Despois, a seca deste material, que disque ten un aquel oleoso que terma ben do lume. As casas van preparando as súas fachas – de trinta a corenta vai habendo-, enormes, que se transportan e espetan no bordo de fóra do chan do castro. O acendido no medio da noite ten, non hai que explicalo, unha carga máxica difícil de igualar. A competencia por ver que facha, a de que casa, arde mellor e cal dura máis, dálle ese punto de xogo e picardía que nos fai máis divertida a convivencia.  

A cousa ten moito aquel. Chamaría por favorecer unha atmosfera de abraio e reconciliación coa terra e o ceo, co pasado común que a se afunde no tempo. Chama polo xantar compartido, unha paparotiña para celebralo. E xa se foi incorporando.

Porque o bonito é conservar con xeito. Pois a cousa tamén chamaría pola música con raíz, de acó. Porque a ver, meus, tendo tres días de festas, escoller o Combo Dominicano para que anime no castro a noite das Fachas… é todo un desafío a Breogán. Por Tutatis! Que diría Obelix, rexurdindo da terra no medio do baile.

Se tivesen este patrimonio inmaterial noutro punto da Europa céltica farían del unha referencia da tradición local. Do xenuíno. E innovarían, posiblemente, pero sen toldos de plástico nin salsa caribeña. Así que estamos no de sempre: se declarar as Fachas Festa de Interese Turístico Galego (Xunta) e subvencionalo (Deputación) consiste niso, estamos no principio da fin. Xa volo dixen ben veces: en cando oiades a un político ao uso dicir “poñer en valor” é o momento de botar a correr.

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s