Economía sin corbata. Conversaciones con mi hija.
Yanis Varoufakis (Ed.Destino)
Temos o dereito e o deber de entender de economía. A fin de contas, vén de oikonomia: goberno e administración da casa.
Recorda Stiglitz que non é só unha ferramenta para expertos, e pregunta: para que serve a economía se non axuda as persoas?
Por iso compre ler o libro de Varoufakis, economista, catedrático, ministro de finanzas grego con Syriza ata que foi devorado polos donos da UE.
Conversa coa súa filla e conversa connosco sobre cuestións que nos afectan, coma a riqueza e a pobreza. Onde nace e como medra a hidra das desigualdades. Quen son os donos dos cartos e onde se agachan os poderes escuros que moven o mundo. Que é iso dos mercados. Por que hai tanta desigualdade internacional e dentro das sociedades. Ou por que racionalizamos ata a súa aceptación desigualdades aberrantes. Por que confundimos o que xa denunciaba Antonio Machado: valor e prezo ou de como hai que redescubrir a utilidade do inútil. Por que esa pesada lousa da débeda que paraliza inoculando medo na sociedade como o inferno nas relixións? Por que o paradoxo da crise? (a desgraza da inmensa maioría supón o enriquecemento dunha inmensa minoría). Ou de como a quebra de moitísimos pequenos negocios de estatura humana incrementa a rendibilidade dos poucos que sobreviviron, xigantes inhumanos con pés de barro.
E unha solución: a política dirixindo a economía ou a democratización fronte ao perigo do diñeiro apolítico.
A dura escola da crise foi ensinando economía para andar pola casa, xusto de onde nunca debeu saír. Por iso necesitamos expertos con rostro humano, como Krugman, Stiglitz, este Varoufakis que, desde una óptica heterodoxa expliquen as grandes cuestións económicas. Sen gravata.
Juan Antonio Pinto
Antón