Fórmese ou non Goberno, eleccións vai volver habelas, máis cedo ca tarde. Non é porque a situación política sexa moi inestable en si mesma, senón porque o cambio de modelo iniciado require novos axustes que precisan tempo e novos comportamentos políticos aos que os nosos representantes non están afeitos, e precisan dun tempo para afacerse.
O mesmo electorado ha de adecuarse a un novo modelo máis plural, se este se chega a consumar. Estivéronnos predicando que o peor sería unha nova volta electoral e que, para evitalo, xustificaríase practicamente calquera acordo. Aínda un pacto contra natura sería mellor ca repetir as eleccións, dinnos dramaticamente.
Pois nin tanto arre que fuxa, nin tanto xo que se deite, porque, aínda que haxa Goberno, dada a súa inestabilidade de orixe e a moi probable levidade dos pactos, así como os complexos e graves problemas que deberá abordar decontado, a lexislatura durará moi pouco.
É verdade que a excesiva repetición próxima das eleccións non é boa, cansa e aburre ao persoal, incide nunha certa parálise da administración pública e supón un freo para tomar e asumir decisións políticas necesarias; incluso pode supoñer un gasto excesivo para o erario público. Pero non é menos certo que a democracia e a convivencia esixen a participación dos cidadáns cando é precisa, e resulta natural que, en tempos de inestabilidade, de crise, de procura dun novo modelo e de cambios de fondo se requira unha participación máis activa e seguramente máis frecuente da cidadanía, que é o suxeito soberano que ten que decidir.
É posible, polo tanto, que doutra volta unhas novas eleccións xerais sexan un contratempo, mais, se son necesarias, haberá que asumilas e celebralas con vontade política de avanzar.
Queirámolo ou non imos vivir tempos onde se vai requirir con máis frecuencia a nosa opinión e o noso voto. Incluso é desexable que, cando menos, se conte coa cidadanía bastante máis ca no período bipartidista, no que moitos políticos case teorizaban xa que, con votar cada catro anos, chegábanos ben, reducindo a participación cidadá ao sufraxio e á submisión ás leis, que eles mesmos facían con moi escaso control democrático.
En todo caso, é preciso sinalar que o bipartidismo retrocedeu, pero resiste, e non está asegurado aínda un modelo novo, máis plural e participativo, o que nos leva a pensar que non só terá que haber eleccións e consultas con máis frecuencia, senón tamén máis mobilización cidadá, se o que se quere é un cambio real.
Carlos Vázquez G.
Haberá eleccións ata que votemos correctamente?