O Trasno – Lume: cinismos e “país”


Cando en 2016, arde Galicia,o presidente Nuñez demanda esas cousas que están tan ben cando un goberna: responsabilidade cívica á xente e responsabilidade institucional á oposición. Ben!

Dez anos antes, en 2006, comezaba a gobernar o bipartito. Foi un verán seco e desatado de nordés. E Galicia ardeu, vaia se ardeu. E non foi “sen querer”. Foi á mantenta. Daquela o actual presidente e o seu equipo de mobilizadores populares armáronlle un batifondo de mil estalos a Suárez Canal, o conselleiro de medio rural con máis visión estratéxica e máis valentía política da historia da Xunta.

Os mobilizadores populares convocaron, mediante a plataforma “SÓS contra o lume”, liderada polo alcalde popular de Barro, unha manifestación en Compostela “para demandar que se investiguen las causas y se aclare la verdad” (¡!) da vaga incendiaria. Contan as hemerotecas, que o tal líder, retorcendo o sentido común, facía daquela declaracións que rozaban o delirio, como que na autoría dos lumes había quen pensaba – ahá!!!- nun  “terrorismo de Estado” ou que respondían a unha “estratexia dos ecoloxistas para repoboar unha Galicia bucólica sen eucaliptos”. A manifestación foi numerosa, vinte e pico mil, moi autobusera e popular, con Rajoy, Feijoo, Baltar. Ollo, Fraga e Cuíña non acudiron.

O máis terrible é o que narraron xornalistas presentes, para que non se esqueza: que alí subiu unha rapaza a quen lle morrera o pai no incendio de Campo Lameiro, e tamén a filla e neta das falecidas en Cerdedo. Esta acusou á Xunta da morte da súa nai e da súa avoa e deixou dita a frase do día: “Que ironía, señores de la Xunta, yo les voté”. Despolitizando o lume, e a dor, diriamos.

Seguimos sen determinar o motivo do incendiario. Entre 2006 e 2016 houbo tempo de investigalo. Ou non. Pero, cinismos á parte, non é un motivo, serán varios. E se alén dos motivos concretos hai algo así como unha causa en común -cómpre reiteralo de novo- terá que ver co autodesprezo polo noso que ten unha importante parte da nosa poboación. O monte vale pouco, como vale pouco a bonitura dunha costa virxe, sen urbanisasións. Como nada valen as casas de vello, coa súa cantería que amilagra. Como pouco vale o idioma propio, o produto propio, a paisaxe, a sabedoría de noso. Queimamos o monte porque é noso. Iso si, como a presunta incendiaria de Cerceda, xa postos, facémolo cun chisqueiro no que pon: Amo a Galicia.

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

One Response to O Trasno – Lume: cinismos e “país”

  1. Xavier Nogueira di:

    Irresponsable quere dicir, básicamente non-responsable, que non responde do que fai. Parece unha obviedade pero eso é o que é este goberniño. Claro que é irresponsable porque ningún dos seus votante lle esixen nada, faga o que faga.
    O problema (para nos) é que existen os demais, sobre todo aqueles que ollan polo seu e o defenden. Outra obviedade. Nos, en conxunto, regalamos o voto a cambio de nada. Ou pior, para que nos hipotequen ou directamente nos vendan.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s