Editorial – O importante


O importante

Cando nos chaman a votar, en Galicia, para un goberno de Galicia é cando máis convén pegar os oídos á terra e escoitar o que a terra demanda.

Insistimos no sentido común, porque os medios empéñanse en que poñamos a atención nos ires e vires e díxome-díxome de dentro dos partidos, sobre todo dos partidos que poden supoñer un cambio de rumbo para este país. Centrémonos. E postos os ollos e os oídos na terra e na xente, construamos a nosa propia carta de urxencias e prioridades:

Que necesita o noso medio rural para reinventarse como un lugar vivo, atractivo, produtivo, prestixiado e con futuro, combinando tradición e modernidade… e que forza presenta alternativas para logralo?

Que políticas hai que introducir para romper a actual tendencia á desigualdade, para que ningunha familia quede sen vivenda, para que ningún neno medre co estigma e o castigo da exclusión social? E que partido ten boas propostas ao respecto?

Ou que precisa a nosa mocidade para non ter que marchar, para formarse nesas especialidades que o país,de seu, debería ofertar ou para mellorar o abano de oportunidades con proxectos creativos, innovadores e de futuro, para reter e atraer talento xuvenil? E que forza política está preparada para iso?

Que habería que facer para cambiar a grande estafa á que someten a Galicia as compañías eléctricas que se aproveitan do territorio sen concedernos a máis mínima compensación social ou territorial? E quen está traballando nestes temas?

Que precisan a nosa cultura e a nosa lingua para sacudir complexos e prexuízos, para convertérense en bandeira do orgullo dun país que se abre ao mundo desde o que é, sen disfrazarse? E que forza política ten o convencemento e a enerxía para conducir este proceso?

Que precisan os nosos sectores produtivos estratéxicos; o mar, o naval, o agroalimentario, o metal, o téxtil, o forestal… e quen está facendo propostas válidas?

Que precisa o noso territorio para equilibrarse demograficamente, para estruturarse como unha rede habitable, comunicada con transporte público, integrada e sostible? E quen está deseñando ese futuro?

Quen ten creto e traxectoria como para plantarlle cara á corrupción, ao caciquismo a ese devastador “facer as cousas só para os meus e a cambio de que sigan sendo meus”?

O demais tamén conta, por suposto. Pero o importante é como está o panorama e que saídas ten. Velaí a cuestión das próximas eleccións galegas.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s