O Peto – Paco Carballo, o home que puido ser bispo e decidíu ser patriota galego!


Ilustración O peto
Paco Carballo recollerá a Navalla do Manuel a título póstumo

O día 8 de setembro lembramos ao poeta Manuel María, é a data do seu pasamento. Dende hai anos celébrase unha curiosa liturxia laica promovida pola Irmandade Manuel María da Terra Chá e Xermolos. Hai xantar de encontro e amizade, a sobremesa en Pena de Rodas con evocación participada e libre do poeta para baixar logo ata o cemiterio de Outeiro de Rei, onde a carón da tumba do Manuel hai recital voluntario de poemas, pensamentos e cantares.

O remate é fermoso: na Carballeira de Santa Isabel, ou Sabela, onde se xuntan o Miño e o Ladra, naquela paraxe fermosa onde un ano fixemos Romaxe acompañados do poeta, faise entrega da Navalla do Manuel a algunha persoa significada na defensa da cultura, da lingua, do ser do noso país.

Velaí que a título póstumo, este ano recollerá a Navalla o noso benquerido Paco Carballo.

Xurdirá o seu ser bo e xeneroso dende a brava serra de San Mamede aló en Maceda. Chegará Paco Carballo no corazón dos amigos, nas mans traballadoras, nos soños e nos cantos, na nosa Historia, esa Historia nosa roubada, agochada, e que Carballo rescatou para toda a xente galega.

En novembro irán dous anos da súa marcha. Quedamos tan orfos sen a súa presenza! Agora que os tempos veñen virados de novo para Galiza, agora que parece que escachan as ilusións e todo torna gris e miserento, escoitemos dende os fondo das fragas a voz compañeira do Manuel e do Carballo: Resistamos! Quen resiste vence!

Cómpre, irimegos e irimegas, achegármonos o día 8 á Carballeira de Santa Isabel, e recoller entre todos a Navalla de Manuel no nome de Carballo, unha navalla para tallar esperanzas coma aquel aradiño de pau, fixen coa miña navalla, un aradiño de pau, un aradiño de pau…

Rubén Aramburu

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s