Fethullah Gülen, o culpable do golpe de estado en Turquía?


O pasado 15 de xullo houbo un intento de golpe de estado en Turquía, que deixou máis de douscentos mortos e miles de feridos. Turquía non é xa un país que nos fique moi afastado. O que alí está a acontecer aféctanos, especialmente cando este suceso está próximo aos recentes atentados territoristas no noso continente que crearon unha sensación de inseguridade, o que parece significar un chanzo máis na escalada de violencia mundial.

foto2[144898]

A tentativa de golpe de estado fracasou xa nas primeiras horas

A tentativa militar pretendía derrocar ao dirixente que máis marcou a Turquía moderna logo de Atatürk: Tayyip Erdogan. Nun primeiro momento, temeuse que fose un golpe islamista; o que facía medrar o medo ao terrorista “Estado islámico” (Dáesh). Pero enseguida comprendemos que si o golpe era dos militares non podía ser así: os militares turcos son maioritariamente laicos desde a instauración da moderna Turquía por parte do xeneral Mustafá Kemal (Atatürk), que se fixo co poder nunha insurrección contra as potencias europeas ocupantes trala Primeira Guerra Mundial (1918).

Os militares retiráronse anos despois do goberno, pero seguiron manexando os fíos do poder en Turquía, protagonizando catro golpes de estado entre 1960 até a actualidade. No 2007 o Estado Maior do exército turco intentou vetar a designación de Abdulá Gül como presidente, e Tayyip Erdogan, entón primeiro ministro, plantoulles cara e convocou eleccións anticipadas. O seu partido, o AKP (Partido da Xustiza e o Desenvolvemento) varreu nas urnas e Gül foi nomeado Xefe de Estado; anos despois, o propio Erdogan accedería á xefatura.

Un islamista moderado e un político malicioso, que se gañou o favor dos turcos cun discurso entre relixioso, liberal e democrático; e fíxoo co apoio dun clérigo: Fethullah Gülen. Este nome empezou a soar nos pasados días aos que non sabían moito desta historia, porque Erdogan acusouno de ser o instigador e culpable do golpe. Os que sabiamos algo deste personaxe -que Erdogan considera agora o seu “arquiinimigo”-, quedamos sorprendidos; sobre todo pola contradición entre o feito de se tratar dun golpe militar laico contra un goberno islámico, cando Gülen é un clérigo musulmán. El mesmo negou inmediatamente toda implicación no intento de golpe de estado.

foto1[144899]

Gülen e Erdogan en 1990

Quen é Fethullah Gülen?

Gülen é un intelectual turco, nado en 1941, musulmán da rama suní, teólogo, erudito do Islam, moderado e favorable ao achegamento entre as tres grandes relixións monoteístas; polo que ten boas relacións tanto coa Igrexa católica como con Israel. É o fundador do Movemento Hizmet (Servizo), que promoveu, primeiro no seu país e logo no ámbito internacional, un labor de pensamento e de educación en prol da concordia e a paz.

Tralo golpe militar de 1997 contra o goberno islamista, Gülen exiliouse a EE.UU., país no que reside desde entón nunha mansión en Pensilvania. Durante anos foi aliado de Erdogan, pero esta relación rompeuse no 2013 cando Gülen acusou ao executivo de Erdogan de corrupción e represión da oposición (como a sufrida polos mozos que protagonizaron os disturbios de 2013 no parque de Gezi de Estambul, ou a represión das protestas na praza Taksim da mesma cidade). En resposta, Erdogan pechou os medios de comunicación afíns a Gülen.

O tema é complexo e non temos todas as cousas claras respecto diso, polos elementos que están en xogo, sobre todo a nivel internacional. Sen ser analista político, ademais de non estar acostumado a  escribir de política; o intento de golpe de estado en Turquía resúltame interesante precisamente xa que Fethullah Gülen representa en algo co que estou fortemente comprometido: o diálogo interrelixioso como fundamento dunha sociedade en paz.

Unha implicación no diálogo interrelixioso

O meu interese por Gülen e o seu movemento ten relación desde a miña presenza en Bogotá como profesor de teoloxía, en relación á fundación colombo-turca Nenúfar, vinculada intelectual e espiritualmente ao movemento Hizmet. Con ela participei hai ano e medio na primeira Cea de Abraham, na que nos atopamos membros das relixións xudía, musulmá e cristiá no seu local en Bogotá. Desde entón resultoume sumamente suxestivo e digno de apoio o seu proxecto intelectual, educativo e relixioso, consistente en unir ás tres relixións monoteístas, en conflito desde séculos. O mesmo proxecto que levou ao papa Xoán XXIII e aos seus sucesores a esforzos de encontro e oración común pola paz nos últimos cincuenta anos.

Esta fundación e todos os musulmáns colombianos que coñezo son unha aposta firme de paz e convivencia. Con eles atopeime en numerosas ocasións; reflexionamos e oramos ao Deus/Allah de todos os homes e mulleres; o Misericordioso, o Xusto, o Paciente. Salam aleikum. Que a paz sexa con todos.

Victorino Pérez Prieto

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Internacional coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s