O sentido no medio do caos


Daniel López Muñoz

Salah Dusaki, de 31 anos,  xa naceu refuxiado, porque é dos palestinos que estaban escapados e acollidos en Siria. Despois fuxiu da guerra e leva xa dous meses no buque Dignity I, de Médicos sen Fronteiras, facendo de mediador cultural e botando unha man no rescate de persoas que foxen da guerra para afogaren na mar. Eses que Europa rexeita.

El foi dos primeiros, afortunado, e conseguiu asilo en Noruega. Logo púxose en marcha e leva máis de mil rescates doutros e doutras con peor sorte. Na radio contaron a súa testemuña, falando dunha desas vidas salvadas: “Mireino aos ollos e vin o medo e, ao tempo, a felicidade de atopar alguén que os salvaba, que os quitaba da auga… Lembro exactamente como me miraban… e veume unha gran sensación, sentín nese momento que estaba a facer algo importante para axudar á xente. Fun feliz. Tras o primeiro rescate dixen: tirarei o mellor de min para axudar a esa xente”.

Salah debeu experimentar un subidón de  “bonamina”, que non sei se ten existencia científica, pero si real, e debe ser algo así como a adrenalina da bondade, producida por unha glándula invisible pegadiña ao corazón. En situacións límite, cando o caos se impón, hai xente que saca o peor de si mesma –moitos “obrigados” polo sistema- pero hai quen tira de humanidade compartida e fai pequenas heroicidades que proporcionan unha subida desa hormona e unha sensación de plenitude e de sentido. Por iso di Salah: “Fun feliz”.

E esa substancia autosegregada é tan potente que queda no organismo, concretamente no sistema límbico (aí entremedias do hipotálamo e a amígdala cerebral) para sempre. E cando un ten unha crise de sentido, de por que carafio está aquí, de que todo isto é unha merda, a pegada da bonamina ponse en acción e recoloca todo, e dá sentido, e serve para saír da depresión. Porque a xenerosidade que tivemos noutrora é fonte de sentido para sempre. É como auga bendicida, un agasallo das alturas… ou das profundidades. Misterios amorosos.  

O perigo do sen sentido, curiosamente, non está no caos, senón na orde fría e impersoal, nese mundo disque perfecto que nos fai crer que non lle debemos nada a ninguén. O sen sentido está dentro de Europa. A depresión, a infelicidade e a taxa disparada de suicidios adolescentes, tamén.

Hai un alarmante déficit de bonamina no organismo dos cidadáns europeos.

Advertisements

One thought on “O sentido no medio do caos

Add yours

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: