Rajoy e o Brexit


Fonte: La Voz de Galicia

Todo indica que un dos desencadeantes decisivos do Brexit, da victoria no referéndum para que o Reino Unido marche da Unión Europea, foi o medo ao fluxo de inmigrantes que esa Unión fai posible. Un medo que parece máis simbólico ca real, porque Londres, precisamente o lugar con maior inmigración de toda a Gran Bretaña, foi unha das prazas con maior respaldo á permanecia. É dicir, os que máis se benefician dos inmigrantes danse máis conta do necesarios que son. Iso ten que ver coa máxica forza que a Unión Europea ten, malia aos seus detractores e defectos, en millóns de europeos -tamén británicos- a quen se facilita vivir noutros países. Como todos os proxectos é manifestamente mellorable, pero tamén moi empeorable, se nos esforzamos en conseguilo.

Non é este o lugar no que polemizar sobre os que se deu en chamar referendos trampa, nos que disque coñecemos os efectos dun resultado (continuar na UE), pero non o doutro (saír dela). A consulta popular é a clave da democracia. Pero hai medios e partidos, nesta Europa con trazos neofascistas, que non axudan á reflexión con argumentos, senón que van directamente á viscera e apelan ao medo ao diferente, ao futuro, ao cambio. Calquera referendo debe facerse coa pedagoxía das razóns e das consecuencias. Sexa o do Brexit, o escocés ou o catalán.

Moi probablemente a cousa influiu nunha España en plena xornada de reflexión. E en Galicia tamén. Porque o ADN europeo integrouse na nosa cadea xenética democrática. E aínda que saibamos que é defectuoso, tamén nos decatamos da súa necesidade, malia a fraxilidade dun continente no que os movementos xenófobos teñen á Unión Europea como inimigo común e onde o capital financeiro manda máis cós pobos.

Non hai présa. As présas non son boas. Tampouco na nova esquerda europea, española e galega. Asaltar os ceos ou madurecer na realidade, lenta pero eficazmente? Demostrar capacidade para unha xestión diferente da cousa públlica, dos servizos, das cousas de comer. Combater o discurso do medo con boa xestión de goberno. Crear soños asentados en feitos. Tampouco pasa nada, non é mal plan.

Que o terremoto do Brexit lle facilitou as portas da victoria a Rajoy é tan probable como que teñamos unha esquerda que o electorado percibe como máis simbólica ca pragmática, que se adapta peor á realidade que a dereita, e que vive máis da indignación do que non debe ser, que da angueira política cotiá, aburrida e necesaria.

E así pasamos dunha situación na que había unha posibilidade real de cambio político “imperfecto” defendida moi torpemente polo PSOE (tan torpemente que fai dubidar da súa real intención), a un escenario de probable continuidade do PP, quizais algo matizada. Efectivamente, o feito de carecer de maioría absoluta non é un tema menor. Malia que Ciudadanos, PNV e Coalición Canaria poidan apoiar o PP, o PSOE (ou Podemos) serán necesarios para lexislar. En que se concretará esa capacidade de condicionar a acción de goberno do PP?

En Galicia repetíronse as tendencias pero máis agudizadas. A caída das Mareas pode ser indicativa da desmotivación polas desavinzas e desencontros entre líderes. Posiblemente tamén teña que ver coa desilusión causada por non poder ter un grupo parlamentario galego, tema importante que só era prioritario para os nacionalistas da confluencia. Con todo, os votos perdidos das Mareas non volveron ao BNG, que sabe que este non é o seu momento, e que terá que convencer ao electorado nas galegas de outono que é algo máis ca unha meritoria forza de resistencia, cun nobre pasado que provoca simpatía. Futuro, apertura, capacidade de contaxio. Non sabemos que voz terá Galicia na nova lexistatura e botaremos de menos a presenza daquel BNG que quería ser voz da terra.

Igual hai unha segunda oportunidade para o cambio na gobernación do Estado. Será difícil: pero que precisamente os partidos que ideoloxicamente se sitúan na esquerda fosen os que máis trabas puxeron na negociación do pasado goberno, pode ser que tamén teña que ver con este resultado. E debería facerlles reflexionar sobre o feito de que os cidadáns, e máis aínda en época de interminable crise, non queren épica nin lírica, senón boa política.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

One Response to Rajoy e o Brexit

  1. Aquí os únicos que non se desmoralizan son os votantes de don rajuá. Ata que, como dicía o antigo alcalde de Quintela de Leirado cando lle preguntaban polo descenso de votos, aquelo de que “non nos perdo, senón que me morren”. Eso, o meu voto para os de sempre, para os que me mallan ben mallado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s