COLOMBIA, UN PASO IMPORTANTE CARA Á PAZ, PERO QUE NON PODE SER O ÚNICO


Victorino Pérez Prieto

Póñome a escribir estas verbas nunha noite pouco leda para os que estamos fartos do saqueo do PP ás clases traballadoras de Galiza e España, do seu ataque continuado aos dereitos dos máis febles para favorecer os ricos e poderosos, nunha perversa aplicación do “principio Mateo” (a quen ten moito daráselle máis, e a quen ten pouco o pouco que ten háselle quitar para darllo a quen xa ten moito). Póñome digo, despois de ollar as caras tristeiras dunha ilusión frustrada: cremos que podiamos cambiar as cousas co apoio da xente, cambiar a política noxenta deste país… pero, parece que non é aínda o tempo.

Entre a esperanza e a desconfianza

Estas caras tristeiras contrastaban coas ledas e ilusionadas que vira dous días antes, na mañá do xoves 23 de xuño –en Colombia-, antes de coller o avión para A Coruña. Eran as da xente que levaba moitos anos agardando –entre a esperanza e a desconfianza- a sinatura de paz entre o goberno do país, co seu exército, e a forza guerrilleira máis importante, as FARC-EPL (Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia e Exercito Popular de Liberación); coa presenza, tamén, na mesa de negociación, das vítimas dun conflito que durou máis de cincuenta anos e levou por diante máis de 300.000 vidas (incluídos os máis de 50.000 desaparecidos), millóns de desprazados das súas terras, etc. Fálase de oito millóns de vítimas. En Bogotá atopámolas a diario, e cando se vai ao rural, sobre todo a algunhas zonas, en cada casa hai algún asasinado.

Mentres a maioría de colombianos con televisión ollaban en directo ese momento histórico, un grupo de privilexiados ateigaba o salón de negociacións da Habana, agardando a esperada sinatura de paz definitiva entre o presidente Juan Manuel Santos e o líder das FARC, Rodrigo Londoño (alias Timochenko), co apoio importante da comunidade internacional: o secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-Moon (que resaltou o compromiso da ONU para que este proceso de negociación de paz sexa efectivo), seis presidentes latinoamericanos (entre eles o presidente de Cuba, Raúl Castro, anfitrión), e representantes de EUA e algúns estados europeos.

Puntos importantes do acordo

A sinatura representaba o cese ao fogo bilateral e definitivo, o abandono das armas por parte das FARC, as garantías de seguridade para estes e a loita contra organizacións criminais do narcotráfico, a delincuencia e –sobre todo- as bandas “sucesoras do paramilitarismo e as súas redes de apoio”, co obxectivo de asegurar a plena oportunidade para a participación política dos ex guerrilleiros na súa reintegración á sociedade civil, e un referendo popular destes acordos, aínda pendente de data. É moi importante que se teña incluído este aspecto nos acordos, co que o presidente Santos se enfronta ao seu predecesor o presidente Uribe, que fortaleceu estas temibles forzas paramilitares que actuaban coa complicidade do exército, e foron os autores dos peores masacres.

O grande ausente

Unha das cousas tristes no acordo é que non entrara nel o ELN (O Exército de Liberación Nacional, que aínda existe cincuenta anos despois de que Camilo Torres se integrara nel, ao se facer imposible o seu proxecto político por cambiar unha política inxusta, a ditadura de dous partidos burgueses contra calquera outra alternativa de poder), precisamente por estar convencido de que os paramilitares non ían deixar as armas e non ía quedar quen defendese deles os campesiños e, sobre todo, os seus líderes; con todo, xa están en negociacións co goberno, á expectativa do que vai resultar dos acordos da Habana. Por outra banda, en Bogotá van xa, neste medio ano, preto de vinte estudantes universitarios asasinados por estes sicarios de terratenentes que buscan asentarse no campo. Mátanos por opoñerse aos seus proxectos, formaren parte de grupos críticos, lideraren manifestacións, etc. Xente pacífica, non armada, pero crítica.

Precísase xustiza social, reparto da riqueza

“As balas escribiron o noso pasado, a educación escribirá o noso futuro”, díxolle o presidente Santos a Timochenko. Oxalá; pero este futuro non se vai facer só coa educación, senón, máis aínda, co exercicio dunha xustiza verdadeira, e a busca de meirande equidade no reparto da riqueza dun país rico cheo de xente pobre. Un país no que unha pequena minoría acapara a meirande parte da riqueza; pois esa é sempre a principal raíz da violencia, unha raíz que resulta clamorosa en Colombia

Ban Ki-Moon asegurou que este pacto “fortalecerá o camiño” cara á paz definitiva en Colombia. Verba intelixente esta de “fortalecerá”, que non “garantirá” a paz; pois no pode haber paz sen xustiza. E en Colombia unha mínima xustiza social está moi lonxe de acadarse. Así o teño comprobado non só nos barrios pobres de Bogotá (Ciudad Bolívar, Soacha, Bosa…), senón, e máis aínda, no mundo rural, esquecido e abandonado do goberno, e a onde só van as multinacionais cos seus proxectos mineiros e de monocultivos, que arrasan cos cultivos dos labregos, secan as súas fontes e contaminan os seus ríos, sumíndoos na miseria e na fame.

Violencia no relixioso e esforzo ecuménico

É unha moi boa nova que calen as armas en Colombia, despois do conflito máis longo de América Latina, co convencemento de que a paz e a xustiza non se logran con violencia; pero non abonda. Ademais da necesaria xustiza e o recoñecemento dos dereitos dos máis pobres, que acabamos de apuntar, cómpre unha pacificación da xente. O colombiano/a está marcado pola violencia desde séculos; unha violencia metida no fondo do seu ser, que non lle deixa vivir con confianza. Unha violencia manifesta tamén no eido relixioso por ducias de anos e aínda séculos, e que resulta imprescindible superar nun diálogo ecuménico e interrelixioso, imprescindible nun país aínda maioritariamente católico no que se foron multiplicando nos últimos cincuenta anos as igrexas protestantes, e se foron implantando tamén outras relixións non cristiás, desde o islam ás relixións orientais. Un esforzo real que se está a facer, como comprobei neste tempo en Colombia, con repetidas mesas ecuménicas e interrelixiosas pola paz.

O gran reto é agora o post conflito, pois é menos doado facer unha verdadeira paz que facer a guerra.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Internacional. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s