O xílgaro liberado


Ramón Díaz Raña

O repenso
Xílgaro fermoso e cantareiro. Teño paixón por el. Cando fai tempo axeitado sácoo para a solaina. Agradécemo cantando sen parar. Ás veces ven visitalo algún compañeiro. Póñense á porfía para ver quen aguanta máis tempo seguido cantando sen respirar. O meu resiste moito, pero observando nel penso que fai trampa porque o mesmo canta para dentro como para fóra. É dicir, igual canta ó aspirar como ó respirar. É un pillabán.

Onte escoiteino falar longo e tendido co compañeiro.

-Ola! Como estás!

-Eu ben. E ti… como é que ves cos pés mollados?

-Laveinos no río. Dinme unha ducha de moito pistón.

-E… que é o río?

– Nunca viches un río?

-Non. Sempre estiven aquí metido na gaiola.

-Non sabes o que é voar ceibe?

-Non. Cando me quero estirar, fágoo saltando para riba e para abaixo.

– Que pobriño es!

– Por que? Teño comida de sobra, e o meu amo divírtese moito comigo.

-Tes razón. Divírtese el. E ti?

-Eu… Pois tamén. Non coñezo outra cousa. Fun feito e educado para isto.

-Educado para que? Para divertires ao amo? Maldita sexa!

-Pero… Por que te enfadas? Eu si que debería ter pena de ti. Tes que buscar todos os días a comida tanto que chova como que neve ou faga sol, non tes casa onde durmir, estás exposto a que te pille algún bexato… Andas sempre como un mendigo

-A min si que me das pena, moita peniña, meu amigo. Non sabes o que é vivir. Mira que che diga: prefiro durar menos (sempre será o meu durar) e non ter a quen servir, andar ceibe, loitar contra o vento, esconderme do bexato, facer o niño onde me pete… a ter que cantar cando ao amo lle guste ou obrigado a lamberlle os pés.

-Eu os pés non llos lambo. Soamente os labios.

-Como? Que lle lambes os labios! Que é iso?

-Pois si. Ás veces, cando está aburrido, cólleme na man, sácame da gaiola, pon o meu pico nos seus labios, bota coa lingua un chisquiño de cuspe e eu lámbollo. Dálle moito gusto porque di que lle fago as cóxegas ao paso que lle chupo o cuspe.

-Cala! Cala! Que peniña me das, amiguiño! Nunca tal escoitei. Non pensei que a escravitude chegara a tanto. Ata o punto de ver como normal o que é unha triste desgraza. Compadézote! Agora comprendo que efectivamente fuches criado e educado para dar gusto a outro. Ti non es ti. Ti es o que o amo quer. Case estou por pensar que, se te deixaran ceibe, volverías para a gaiola. Non saberías vivir libre.

Canto me deu que repensar esta historia do xílgaro. Historia longa que se repite e repite.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O repenso. Ligazón permanente.

One Response to O xílgaro liberado

  1. Supoño que sabes que para que canten moito e ben sométenos á tortura de mantelos pechados durante horas e horas nunha sala escura. Logo, cando os sacan, os pobres desfán a gorxa coma se estiveran tolos de remate.
    Moita xente non o sabe.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s