Monte Seixo, o lugar da Romaxe. Crónica dun abandono


Calros Solla

Foto 1

Vista xeral do Monte Seixo

É escusado afirmar que o patrimonio arqueolóxico na súa totalidade é merecente de protección, conservación e difusión, mais, en Terra de Montes, o conxunto que require dunha atención urxente e reparadora é o constituído polo monte do Seixo. Este territorio integrado na Rede Natura é rebautizado polo autor do artigo como “A Montaña Máxica” e acolleranos a comezos de setembro na XXXIX Romaxe.

Territorio fronteirizo. Responsabilidade repartida

Coñecen polo miúdo a miña devota inclinación por esta montaña. Levo dende os dez anos galgando as súas lombas e aínda hoxe, trinta anos despois, este excepcional lugar segue agasallando a miña curiosidade con novas revelacións.

Poden atinxir tamén a miña doente frustración, a miña sensación de impotencia, cando, durante o proceso de recollida e estudo do seu xeneroso acervo, deron comezo as obras de construción do parque eólico, alá polos anos 1999-2000. Transcorridos dezaseis anos, só os que dun xeito ou doutro tiraron e tiran proveito da instalación industrial –pírrico beneficio– defenden a permanencia das tarabelas no alto do monte, amparándose no mutismo fronte á desfeita patrimonial alí consumada.

Segundo o artigo 25 da Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural da Galiza: “Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural da Galiza están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos debidamente para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioro” e tamén “Os poderes públicos garantirán a protección, conservación e enriquecemento do patrimonio cultural da Galiza”.

Como expuxen en Reivindicación da Montaña Máxica (2007), a consideración de territorio fronteirizo que, dende ben antigo, se lle outorga ao monte do Seixo fai que a responsabilidade do acontecido (xa por ignorancia, xa por desleixo) deba ser repartida e compartida proporcionalmente Foto 3entre os concellos que manteñen no planalto os seus deslindes: Cerdedo, Forcarei, A Lama e Cotobade.

Responsabilidade repartida. Concello de Cerdedo

Polo que respecta á márdea Cerdedo-Forcarei (caendo do lado forcareicense), anotaremos o lamentábel estado de conservación do gravado rupestre do Outeiro do Coto.

No cimo do monte, a 1.015 m de altitude, ergueuse un dos 80 aeroxeradores (aprox.) que criban aquela porción da serra do Cando. A operación de alicerzado e izado requiriu da remoción dunha área de 2.000 m2 que supuxo a alteración, destrución ou soterramento do laxedo existente. A uns 50 m cara ao noroeste localízase a antiga caseta da Forestal e á súa beira o petróglifo do Outeiro do Coto: Tres cazoletas aliñadas de menor a maior que, orientadas cara a unha pía natural, describen un arco de circunferencia. A día de hoxe, descoñecemos se na superficie afectada existían outros gravados, aínda que esta circunstancia é máis ca probábel.

A preeminencia do Outeiro do Coto convérteo de seu nunha atalaia excepcional, polo que nos resulta incomprensíbel como se permitiu a construción do miradoiro (lousado de cemento e varandas de madeira) a menos dun metro da citada inscultura. O miradoiro, a todas luces superfluo, seica foi obsequio da empresa concesionaria.

María Cacheda Pérez, no seu traballo “A arqueoloxía no Plan Eólico da Galiza: Estudos de impacto arqueolóxico” (CAPA, nº 20, 2004), no que se inclúe o caso do monte do Seixo, afirma que, na elaboración dos ditos estudos, a “primeira fase de traballo de gabinete” obriga a consultar “a bibliografía existente da zona, o Inventario Arqueolóxico da Administración…” e, así mesmo, a “segunda fase de traballo de campo, consiste nunha prospección intensiva e sistemática nunha banda de 200 m desde a zona afectada polo proxecto, para catalogar os elementos patrimoniais nunha cartografía de detalle (páx. 16)”.

Como se explica daquela que nos ditos informes (realizados en xullo de 1997 e febreiro de 2000) os arqueólogos non tomasen en consideración o gravado rupestre do Outeiro do Coto, elemento catalogado a priori no inventario de Patrimonio?

En territorio cerdedense obrouse a destrución da peneda denominada Castro Pequeno por mor da instalación doutro aeroxerador. O Castro Pequeno canda o Castro Grande constitúen o escenario do mito coñecido pola “galiña dos pitos de ouro” que se integra no ricaz universo mitolóxico do monte do Seixo. As lendas e os lugares que as inspiran forman un todo indisociábel. A desaparición do seu contexto espacial eiva sen arranxo posíbel o aderezo lendario.

Foto 2

Petróglifo do Outeiro do Coto ao lado do miradoiro obsequio da empresa concesionaria

A escasos metros do outeiro esnaquizado, a empresa concesionaria chantou un cartaz onde, nun hipócrita desaforo, ousa instruír o visitante: “se ruega ser especialmente cuidadosos con el medio ambiente”. Velaquí un incuestionábel insulto á intelixencia.

Responsabilidade repartida. Concello de Forcarei

Polo que atinxe ao patrimonio arqueolóxico que no monte do Seixo compete ao concello de Forcarei, cómpre facer fincapé no estado de abandono e indefensión no que se atopa a necrópole tumularia de Chan de Mamas.

Des que no ano 2005 acordei organizar visitas guiadas polos oito roteiros deseñados para a montaña, unhas 3.000 persoas, galegas e foráneas, tomaron parte nas diversas actividades programadas. É oportuno salientar as mostras de indignación e o sentimento de vergoña allea provocados pola contemplación da desfeita. Como é posíbel que un cemiterio neolítico fose o lugar escolleito para construír o edificio da subestación eléctrica e mais un aparcadoiro? Como se puido permitir a transformación dun dos túmulos (a Mámoa Ghrande) nunha rotonda? Por que se autorizou a erección dun aeroxerador a menos de 20 m da dita mámoa?

A maiores, é responsabilidade de Forcarei que un dos viais do parque eólico asoballase uns 20 m do aliñamento lítico (coñecido popularmente polas Pedras Ghiadas) que dende a mámoa de Xestido conduce deica o Castro Grande. Este elemento tampouco se atopaba entre os inventariados no informe de impacto arqueolóxico.

Amais, a Forcarei incumbe esencialmente o espolio que se leva cometendo coa cachotaría do muro do pasteiro do Seixo. A apertura de pistas, o tránsito indiscriminado de vehículos e a ausencia de gardaría favorecen o roubo reiterado destas pezas.

Responsabilidade repartida. Concello da Lama

Polo que respecta ao concello da Lama, a escasos 90 m do santuario rupestre da Cruz do Seixo que, aínda hoxe, os veciños da Barcia do Seixo lle atribúen a condición de chan sagrado, ergueuse outro aeroxerador. A área de remoción (soterramento da instalación de cables) non se limitou á base do mesmo senón que se estendeu ostensibelmente lomba arriba. A cruz (con certeza, medieval) figura entre os elementos inventariados polo informe de impacto arqueolóxico.

Por outra banda, a escasos 100 m da célebre Portalén e a uns 25 m da colosal pedrafita do Marco do Vento, fincouse outro aeroxerador. Alén dos prexuízos inflixidos sobre os bens de natureza arqueolóxica, o afeamento da paisaxe é indiscutíbel. Nin Portalén nin o Marco do Vento constaban nos informes de impacto arqueolóxico (do Marco existía bibliografía). Tamén, en territorio do Foto 4concello da Lama, o milladoiro nomeado Onde Morreu o Home esvaece baixo a matogueira.

Responsabilidade repartida. Concello de Cotobade

Finalmente, no que concerne ao concello de Cotobade, alguén se debera responsabilizar da destrución doutro milladoiro, o Moreón das Pedras, que se localizaba na redonda da Fonte da Urce, e dos prexuízos causados tanto ao marco da Santa Mariña, deslinde das antigas xurisdicións de Montes, Cotobade e Caldevergazo, coma ás rodeiras do Campo Xuncal (antigo camiño real). A reconstrución da ermida da Santa Mariña, de orixe medieval, levouse a cabo sen as preceptivas catas arqueolóxicas.

Conclúo facendo miñas as reflexións da profesora Cacheda: “O desenvolvemento excesivo e desorganizado dos plans eólicos é unha boa mostra da pouca capacidade de xestión e planificación por parte dos gobernos autónomos, demostrada a través da aprobación de diferentes plans estratéxicos, ignorando a configuración da rede de espazos naturais ou o seu uso como unha arma estratéxica máis (páx. 12)”. Ou o que é o mesmo: “Van as leis para onde queren os reis”.

O deplorábel estado do patrimonio arqueolóxico non é senón outro sinal inequívoco da prostración na que se some o noso pobo, embuchado de inmundicia televisiva, mangoneado polos que fan da política un chope e apadumado pola suposta ausencia de referentes éticos e alternativas rexeneradoras. Polo que a min respecta, afeito estou a predicar no deserto.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Romaxe. Ligazón permanente.

One Response to Monte Seixo, o lugar da Romaxe. Crónica dun abandono

  1. Cando penso na Serra de Aboleiro, próxima á Pena Corneira, cos miles e miles de batolitos esferoides espallados naquela paisaxe singular (hoxe sería un indudable atractivo turístico para aquela zona depauperada), algo irrepetible en toda Galicia, que se deixaron perder, esnaquizados polas canteiras, que os fenderon impunemente para “morrillo” e area, penso que algún verme malsano nos corroe o cerebelo e nos impide ollar mais alá da propia crica. Logo, para ver “paisaxe” desprazámonos a aqueles lugares que maldecimos cos nosos votos, cargados de ignorancia supina. E así ata que o país quede convertido nunha esterqueira,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s