Entrevista con Alberto Vizoso Lousada – “A UE non procura atallar a crise, senón desincentivar a fuxida”


entrevistadoNo pasado número dabamos conta do nacemento da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. Falamos hoxe máis de vagar con Alberto Vizoso Lousada, membro da Rede e colaborador activo nela dende o primeiro momento.

A Rede xorde o pasado mes de abril: por que e para que?

Penso que dalgunha maneira a Rede é consecuencia de diferentes iniciativas previas que apareceron cando os medios de comunicación comezaron a dar protagonismo á actual crise das persoas refuxiadas. É dicir, a Rede continúa o traballo das iniciativas como Pasaxe Segura e convive e refórzase cos grupos a nivel local que xa existían como Refuxiadas Compostela. Por tanto, a causa da nosa existencia é tratar de dar unha resposta a unha crise humanitaria de grande magnitude nas nosas fronteiras.

Obviamente, o acordo UE-Turquía do pasado marzo entendo que foi o detonante.

En canto ao “para que”, penso que desde a primeira reunión hai como dúas liñas de traballo complementarias. A primeira é a mobilización nas rúas, chamar á solidariedade da nosa xente, non permanecer pasivas e pasivos diante dunhas políticas que son criminais, que matan e, ademais, fano no noso nome. E, consecuentemente, a esixencia a quen nos goberna a tomar medidas para a mudanza nas políticas e a xestión da acollida. A segunda que, probablemente, é a que resta máis por traballar é a “pedagoxía”, ou sexa, contribuír a quebrar todos os falsos mitos que existen sobre a chegada de refuxiadas. Tamén a encamiñar a axuda, non no sentido de que recollamos achegas económicas nin de ningún outro tipo, senón a de facilitarlle a quen quere solidarizarse a información para que poida actuar de maneira consciente.

Nestes escasos tres meses de vida, que se ten feito?

No calendario de traballo que perfilamos no inicio fixamos o Día Mundial das Refuxiadas do 20 de xuño como principal mobilización. Queríamos que ese día fose unha resposta a nivel galego de carácter masivo. En función diso, preparamos unha “presentación” pública en formato manifestación o 23 de abril coincidindo cun festival solidario de Refuxiadas Compostela que, penso, tivo moi boa acollida. A convocatoria valeunos para elaborar un manifesto ao que se sumaron un grande número de colectivos de procedencia e intereses significativamente diversos. Só uns días máis tarde aproveitamos a visita da activista catalá Beatriu Guarro, de Stop Mare Mortum, que estivera unhas semanas antes en Idomeni, para organizar unha charla en Compostela que resultou interesante e clarificadora. Realizamos tamén actividades de distribución de propaganda e mesas informativas como as colocadas nas Festas do Barrio de San Pedro en Compostela. Finalmente, coincidindo co Día de Europa, promovemos unha moción nos plenos municipais de máis de 30 concellos instando a posicionárense publicamente contra o acordo UE-Turquía e a aprobaren as medidas para garantir a acollida efectiva das persoas refuxiadas

e378b-13077036_592019654312747_516854724742674115_n

As últimas mobilizacións foron organizadas a nivel comarcal, que buscades con iso?

O formato comarcal ou local permítenos aproveitar a proximidade coa veciñanza, alén de estender a Rede que, por eivas propias, estaba moi focalizada en Compostela. As reivindicacións son as mesmas.

Repasando o listado de colectivos que forman a Rede vese que hai unha gran diversidade de asociacións, sindicatos, ONG, grupos de ámbito máis eclesial, partidos políticos que non sempre se ven traballando xuntos… Como valoras esa pluralidade?

Pois, a título persoal, creo que é un valor en si mesmo. Especialmente no caso da primeira mobilización do 23 de abril, persoas que nunca traballaramos xuntas e dos grupos máis heteroxéneos fomos quen de entendernos, tomar decisións complexas e sacar adiante moitas tarefas en tempo case récord.

Que opinión che merece o acordo entre a Unión Europea e Turquía?

É un feito que se trata dunha violación das propias leis internacionais. Viólase a Convención de Xenebra e a directiva 2005/85 do Consello da UE. Diego López Garrido, que foi Secretario de Estado para a UE e non é precisamente un radical, dicía hai pouco nunha entrevista que o Tratado é contrario ao Dereito Europeo e non procura atallar a crise, senón desincentivar a fuxida. Desde ese punto de vista, non só sería unha vergoña polas deportacións masivas que normalizan o intercambio de vidas humanas e unha desfeita polo apoio a un goberno e presidente turco autoritarios, senón que tamén, como case sempre en política migratoria, suporía unha falsa solución, isto é, que non tentaría en ningún caso protexer os dereitos das persoas refuxiadas e atallar a crise humanitaria. Só trasladala das súas fronteiras.

Que ten que ver esta situación coas políticas migratorias da Unión Europea e do Estado Español?

Pois todo, penso. Algo moi importante que ten presente a Rede é o non facer distinción entre persoa migrante e persoa refuxiada. Iso implica que as persoas solidarias non facemos distinción e, quen combatemos, neste caso a UE, tampouco. A xestión da crise das refuxiadas encaixa na criminalización das migrantes e da vulneración dos seus dereitos. Non tería ningún sentido que nos volcásemos en acoller as refuxiadas, mentres permitimos que outras migrantes sexan internadas nesas prisións chamadas CIE á espera de deportación forzosa.

Nas últimas semanas tivemos noticia do desmantelamento de campos como o de Idomeni e de miles de mortes outra vez no Mediterráneo. Como está a situación neste momento?

Existe un cerco informativo que atinxe incluso ás propias voluntarias que están presentes nos campos de persoas refuxiadas. Sabemos que boa parte das persoas expulsadas de Idomeni foron trasladadas a lugares como polígonos industriais abandonados dirixidos por militares e en condicións insalubres. Son medidas denigrantes. En canto ás mortes no Mediterráneo, que dicir! Máis de 10000 migrantes mortas desde 2014. A ruta entre o norte de África e Italia é agora mesmo a máis perigosa, máis de 2000 persoas perderon a vida neste itinerario en 2016. O Mediterráneo é un cemiterio. E, diante disto, a UE organiza cousas como a axencia Frontex, unha patrulla militar ao servizo da Europa fortaleza.

mani2

Que podemos facer a cidadanía ante esta barbarie?

A pregunta desbórdame un pouquiño, a verdade. Como Rede procuramos agrandar a protesta. Non só se trataría da manifestación do propio día ou da acción concreta, senón de toda a campaña previa, de todo o diálogo coa cidadanía que se pode establecer con esas actividades como pretexto. De todos modos, existe fóra da Rede un traballo extraordinario. Hai moitas persoas voluntarias, traballando in situ ou denunciando nas redes sociais; colectivos formais ou máis espontáneos, de maior ou menor implantación; artistas e medios de comunicación críticos, etc. Cómpre ter unha visión aberta e hai multitude de formas de colaboración. Respecto ás entidades ás que achegar economicamente é un tema complexo. Recomendaría un esforzo de información previo e, se temos oportunidade, preguntarlle a alguén que fose voluntario ou voluntaria nalgún campo de persoas refuxiadas e coñeza de primeira man como traballa cada organización.

E, alén de todo o comentado, cadaquén ten moito que facer no seu día a día. Hai un exercicio pedagóxico que facemos nas conversas cotiás sobre a cuestión migratoria que é fundamental. Hai que desvendar o racismo institucional.

Podedes seguir a actualidade da Rede a través da súa páxina webwww.rederefuxiadas.org

 

J.M. Barca López

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s