
Segundo di Agustín Fernández Paz, onde hai unha biblioteca hai unha luz. Pero para que existan bibliotecas ten que haber alguén que aposte por que os libros saian a esa luz. Hai nomes heroicos na nosa literatura, coma Ánxel Casal, alcalde de Santiago asasinado en agosto do 36, que era quen estaba detrás da editorial Lar e Nós. Igualmente heroica María, a súa muller, costureira que conseguía os cartos para que a empresa fose posible. A represión franquista acabou con todo aquilo e seguiu unha década de ermo absoluto, de silencio literal e figuradamente sepulcral. Houbo que agardar ata 1949 para poder ver o agromar da primeira editora, a Colección Benito Soto (que levaba o nome dun pirata de traxectoria pouco exemplar e cun barco chamado Burla Negra). Este primeiro xermolo da posguerra foi posible grazas a Álvarez Negreira, Manuel Cuña Novás e Sabino Torres. Logo tamén chamaron a Celso Emilio como director literario e nesa colección apareceu Muiñeiro de Brétemas, o primeiro libro de Manuel María, no ano 50. Os volumes imprimíanse en Gráficas Torres, que era do pai de Sabino. O caso é que Sabino Torres morreu hai tres semanas, aos 91, sen que a meirande parte de galegos e galegas soubesen da súa contribución á nosa historia literaria.
A.Q.