Pingas de Orballo – Paco Carballo


Pingas (2)

PACO CARBALLO.

Seguirás a labrar a nosa leira, esta que é Patria, aquela que nos roubaron. Digo isto porque non hai moito pasou o noso Paco aos eidos da nostalxia, alá  onde van os que nunca xamais pediron senón dignidade compartida, e aquela que como pobo todos merecemos. Enterramos as súas cinzas en Asadur, un día 13 de decembro, cantamos o Himno mentres chovía donda chuvia en desespero, aínda na dor, incrédula nas recentes lembranzas. Teólogo e historiador, por riba de todo bo amigo. Referente de loita, que é a mellor peneira das amizades.

Era Paúl, orde daqueles que  afincan na persoa e na terra, da que se senten orfos. Lembrei aos Peleteiro, paúles a pesar dos que manden, a Carlos que marchou deixando atrás outro ronsel de loita e esperanza. Carballo habitaba o podium dos sublimes e dos humildes, dos menos recoñecidos. Prognosticador dos silencios de Galiza, relatou con valentía a nosa Historia, o drama a carón da crúa realidade. Facíao para ver de atoparnos e recoñernos e, ao mesmo tempo, liberarnos da carga de tanta mentiras que nos impuxeron e que só tranquilizan  perversas conciencias manipuladoras. A Nosa Historia, aínda por contar, terá que vir de nós e do rigor para asumir aconteceres nunca antes coñecidos. Como teólogo ríu sempre da solución mixiriqueira de “pompa e boato” na que se abrigan os que acrecentan dogmas e misteiros. De nada valen as palabras sen feitos. Ría dos que aínda escandalizan con medos e advirten infernos que ocultan un máis-alá cheo de Luz. Somos terra e xente, Matria! Quen nos libere non pode ser alleo a nós. Mais, ú a Igrexa Galega? Non se sabe, nin por ela se agarda! Sempre lonxe de nós. Aínda teñen prevencións de falar esta lingua que nos une e dá existencia. E, o peor, médranse no alleo! Hai honrosísimas excepcións, malia ser tan dignas como escasas.

Co noso Paco sempre gustei demorar tempo, rir co Rubén e co Perico chistes en xuntoiro, compartindo anceios, mesa, viño, xuntos no feliz encontro. Perdoade se vos conto, sería o autor idóneo daquel vello anceio de explicar esa rémora do Nacionalismo Galego que nos priva, nos tempos que corren, recoñecernos protagonistas de feitos da Memoria Histórica máis recente e que, aínda hoxe, moitos apartan privándose dela! Sabía moito e tiña a  clave para ensinar, reconfortándonos na autoestima, esa historia que moitos non chegan a aceptar. Mágoa! Era un gran dinamizador, viña sempre que podía aos nosos concertos –de A Quenlla- e ría moito, compracido, contaxiando esperanzas, cómplice e vitorioso da nosa mensaxe de soños; tamén nas obras teatrais, ousadas e golfas con “Volta e dálle” nas que participabamos. Honroume coa súa amizade, coa súa enorme humildade, co seu compromiso e coherencia absoluta, desde a invencible persuasión ética que só teñen aquelas persoas que nunca se venderán e que sempre estarán vendidos á causa dos máis débiles! Nesa causa común da dignidade e na condición do sorriso incalculable de saber que –tarde ou cedo- venceremos!

Desde a lembranza cómpre dicirche que serás sempre guieiro, sobre todo para unha Igrexa verdadeira e galega; porque a outra, oficialista, a que nunca te soubo estimar no seu rir de idiotas de salón e que se comprace con outras institucións putrefactas, nada esperamos.  Non renunciaremos nunca a esa Galiza liberada e dona de si, na esperanza inaprazable de ser!

Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Pingas de orballo coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to Pingas de Orballo – Paco Carballo

  1. Coñecín a Carballo en Vigo. Leveino algunha vez de ponente. Admireino sempre. Xa me gostaría que avisarades de calquera acto na súa memoria.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s