DOMINGO 26 DE XUÑO. XIII DO TEMPO ORDINARIO


 A PALABRA. Lc 9, 51-62

Naquel tempo, cando se ía cumprir o tempo de que levantasen a Xesús deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron: «Señor, queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?» Mais el volveuse e rifoulles. E foron para outra aldea. Polo camiño, díxolle un: «Seguireite, vaias onde vaias.» Respondeulle Xesús: «As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; mais o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.» Díxolle a outro: «Sígueme.» Mais el contestoulle: «Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.» Respondeulle: «Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino de Deus.» Outro díxolle tamén: «Señor, seguireite, mais deixa que primeiro me despida da miña familia.» Contestoulle: «Quen despois de pór a man no arado, mira para atrás, non é apto para o Reino de Deus.»

A CLAVE

Entrando na sala do refectorio convento de Santa María da Graza o público séntese sobrecollido pola grandeza da “Última Cea”. Dise que Leonardo deseñou e pintou este fresco na procura de converter ao espectador nunha personaxe máis da obra, ao que Xesús mira no intre en que sinala que alguén o vai traizoar. (Xn 13, 21).

Nos evanxeos, Xesús fala de nós e diríxese directamente a nós. Non podemos presentarnos coma espectadores dunha historia allea. Así acontece con esta pasaxe de Lucas. Camiño de Xerusalén, interpélanos sobre o que significa definírmonos coma cristiáns, é dicir, seguidores de Xesús. Diríxese a nós, cuestionándonos. O Reino de Deus non é un sitio a ir, é o camiño que xa estamos a percorrer. Non hai refuxio, debemos abandonar as nosas seguridades, a nosa zona de confort, e non simplemente as materiais, senón as crenzas e ideas máis arraigadas. Entrar nesta aventura de Xesús pon en cuestión o noso concepto do sagrado, o noso concepto dos valores. Invítanos a vivir a vida tal cal é, tal cal se nos presente. O aprendido xa non nos vale, o que agardabamos non existe. Neste camiño invítanos a vivir.

J. A. Martínez

O ECO

O fogar e a familia. As cousas máis importantes para todos.

Cóntovos, veño de pasar unha fin de semana de convivencia con familias adoptivas e pasámolo de medo. Familias adoptivas, cada quen co seu tempo de espera, máis ou moito máis longo, coas súas vivencias e experiencias, viaxes a distintos países ou aquí mesmo, con nenos e nenas de todos os tamaños, cores e xeitos, contándonos problemas e tamén alegrías, como van medrando e saíndo adiante. Tamén familias en espera, preparándose sen desesperar. E familias acolledoras, abertas a recibir cativos na casa por un tempo, ata que atopen a súa familia definitiva.

Compartir a vida, falar do que che importa, tamén así se constrúe o Reino de Deus. E en todas estas teimas sempre hai boa xente que pon da súa parte tempo, dedicación, ganas, para que todo saia ben. E sempre, sempre saen ben porque todos queremos aproveitar estas oportunidades de encontro e imos cunha actitude aberta de brazos e de corazón. E así a familia non queda pechada nos da casa senón que medra, deixamos de mirarnos ao embigo e mirámonos aos ollos.

Olga Álvarez

Advertisements
Estas entrada foi publicada en boa nova coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s