Editorial – A correcta interpretación e xestión do voto


Coincidiu o empezo da campaña desta “segunda volta” das Xerais, coa apertura de xuízo contra catro responsables do PP de Lugo por un presunto delito electoral. Os feitos a xulgar son o carrexo, nas eleccións de 2012, de vellos e vellas demenciados da residencia de San Roque, persoas con deterioramento cognitivo severo, Alzheimer, gran dependencia. Toda unha postal da política de corredoira.

É como se a negra sombra estendese os seus tentáculos desde o fondal da historia. “Iso sempre pasou”. Ben, pero todo ten un límite. Tamén a sombra escura, que semella causar un reumatismo moral severo.

Haberá cambio? Hase saber, en días, en horas… ou en meses. Pero as forzas do cambio teñen que saber xestionar ben a náusea, a fartura, o xa-está-ben, o nunca-máis. Nese voto hai máis de negación do que aturamos que de afirmación ou comuñón cun ideario movedizo, nesa nebulosa disque necesaria da chamada “transversalidade”.

Pero o ideario non é a cuestión candente. A porción decisiva de votos son un berro contra prácticas mafiosas: a esmorga de amiguetes e negocietes, os subornos, o carrexo de vellos… É o voto do aire, do esconxuro, da ventilación.

Ese voto contra o delito é, mesmo, un voto prestado (que llo digan ao BNG!). Non é un voto pola modernidade mediática, nin por presentárensenos como a xeración Ikea, multinacional que exerce de nova deusa do Olimpo do consumo estético e progre.

Que non se enganen. A cu25estión clave non é o asalto aos ceos desde a Complutense, que ninguén sabe en que consiste, senón, primeiramente, xestionar o noxo. O non facer coma eles. O non traballar só para o propio rabaño. O respecto ás regras de xogo, á forma de facer, ao procedemento para gastar, para nomear, para seleccionar, para subvencionar, para recadar… O honrar a equidade, o mérito xusto que iguala clases, xéneros e ideoloxías. O respecto á liberdade da persoa, ao seu credo persoal e ás súas opcións de conciencia. O voto pola xustiza duradeira comezando pola raíz da desigual oportunidade entre individuos, clases e territorios. Cousas que a xente entende, non de iluminados, pero si cousas sólidas, con luz, que escorrenten a Negra Sombra.

O voto vai ser de feito, en gran medida, un voto do noxo, que cómpre saber ler e xestionar.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

One Response to Editorial – A correcta interpretación e xestión do voto

  1. Sen dúbida hai ata que comprender ós vellos e ás vellas que viron cos seus propios ollos, senón os anos de chumbo, os anos da fame e da represión das posguerra. Porque non son solo os vellos, que vellos son hoxe aqueles que tiveron que emigrar a América, a Europa e as zonas mais industrializadas de España, onde semella que nada aprenderon. Vello son eu, que lembro os encostados arredores de Bilbao acugulados de chabolas (Recalde, San Ignacio, etc), habitadas pola riada dos que fuxían da miseria. Ou sexa, os “vencedores” tendo que ir traballar o país dos “vencidos” (xa sei que non é tan simple, pero era o pensamento de moitos dos traballadores autoctonos). Hai algo así como masoquismo no cerne dos miolos de moita da nosa xente, entre outras cousas, que nunca logrei comprender, unha dependencia e medo atábicos, que lle imposibilita pensar racionalmente. Mesmo ata pensar no seu propio bolsillo, pois primeiro entrégase sen condicións e logo espera que o traten correctamente..

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s