Con frecuencia nas sondaxes, na prensa, nas análises durante os días anteriores e posteriores ás eleccións, fálase do voto feminino, do voto rural, do voto obreiro… e do voto católico. Se nos fixamos neste último, o católico, e observamos con calma e sen prexuízos a situación presente, descubriremos unha serie de cousas curiosas.
Se preguntamos a políticos, xornalistas, ou xente do común, identificarán o voto católico co voto tradicionalista, de dereitas, de xente de orde, os que votan pola mañá cedo… E, entrando en detalle, os que poñen o acento en cousas coma o antiabortismo ou a resistencia contra os dereitos dos homosexuais, etc… Non hai moito que explicar: o voto católico será o que sempre foi, durante décadas… quizais séculos?
E non é que ese voto non exista. É o voto do discurso, dos acentos e acenos de personaxes como Cañizares, o extinto Rouco, e tantas voces ultras. Tamén dunha gran parte das homilías das parroquias “católicas-como-dios-manda”.
En realidade ese voto é aquí o “católico”, pero no Brasil, por exemplo, sería o dos evanxelistas -anticatólicos, dereitistas e antiprogresistas- e nos Estados Unidos, sería o voto da dereita republicana, dos telepredicadores, de Trump e do Tea Party, porque o voto católico tende alí a ser demócrata. Eses votos antiigualitarios, ese voto do medo, cambia de etiqueta segundo o país.
Se é así, o máis paradoxal é que o voto católico, entre nós, podería estar en franca remuda. Ou debería. Porque as prioridades, os acenos e os acentos de Francisco son opostos. Si, de acordo, está aí a herdanza do patriarcalismo e a moral sexual, estrañas e incomprensibles para a modernidade, pero nin se presentan xa como a prioridade.
A prioridade do franciscanato é o dereito do desposuído, da desafiuzada, das que el chama as descartadas, os desbotados por un sistema capitalista atroz, sen corazón. As prioridades son os refuxiados, as estruturas de misericordia, a política con corazón. Os protagonistas son os de abaixo, as culturas minorizadas, os movementos sociais, as ONG propias e non propias, porque o importante e facer o ben e que avance a xustiza. Iso é o franciscanato. Esas, suponse, as novas prioridades do voto católico.
Pero será Francisco católico? E agora, a quen lle preguntamos?
Daniel López Muñoz
“Un imprudente”, era o comentario habitual de certo personaxe coñecido, referíndose o papa actual e as súas primeiras declaracións “progresistas”. Un imprudente.